A produción de mazá de sidra cae este ano ata un 70%

A coincidencia en ano par, a mala floración en primavera e a seca do verán reducen notablemente a produción. A colleita iniciarase a vindeira semana, con previsión de competencia por aprovisionarse de mazá entre as sidrerías asturianas e as galegas.

Publicidade
A produción de mazá de sidra cae este ano ata un 70%

Colleita de mazá de sidra na Estrada o pasado ano.

A produción de mazá de sidra en Galicia, a principal comunidade produtora do Estado, prevese que caia este ano ata un 70%. As causas débense á coincidencia de varios factores negativos, fundamentalmente a ser un ano de vecería, á mala floración en primavera e á forte seca estival. Aínda que a colleita non está previsto que se inicie ata a vindeira semana, varias empresas, como Custom Drinks -elaboradora da coñecida Sidra Maeloc- están a poñerse en contacto cos fruticultores para asegurarse o subministro de froita.

Unha das principais produtoras de mazá de sidra de Galicia é Ullama, unha cooperativa que agrupa a uns 30 produtores da Estrada e a unhas 70 hectáreas de maceiras, a maior parte das 100 hectáreas que se dedican a este cultivo no concello. O técnico da cooperativa, Miguel Soto, recoñece que “este ano recolleremos o 30% dun ano normal, arredor duns 300.000 kilos, cando a colleita sole estar nos 1,4 millóns de quilos”. Isto suporá uns 300.000 euros menos de ingresos para os produtores, que cultivan fundamentalmente mazá de sidra en ecolóxico para Custom Drinks.

En canto ás causas, Miguel Soto atribúe esta importante baixada da produción a que “houbo moita choiva en primavera, o que complicou moito a floración e o callado do froito, e sobre todo a que tivemos un mes de xullo e agosto sequísimos”.

Miguel Soto (Ullama): “É o peor ano que recordo para a fruticultura na última década”

Neste sentido, o técnico de Ullama advirte de que “unha plantación de mazairas de sidra, aínda que esixe poucos coidados, non é unha plantación forestal, e debería instalarse un sistema de rega, sobre todo para os primeiros anos”.

En canto á previsión de prezos, esta cooperativa ten un contrato de venda con Custom Drinks, que lle garante un prezo estable a cinco anos, situándose no entorno dos 0,30 céntimos o kilo para a mazá ecolóxica.

A escaseza de mazá sidreira debería tirar polos prezos este ano. Sen embargo, Miguel Soto, non está seguro de que se produza esta alza das cotizacións: “O pasado ano houbo moita mazá en toda Europa, e en Asturias teñen aínda moita sidra almacenada, e Francia ten tamén millóns de litros de mosto de sidra almacenados que intentará colocar en España ante o peche do mercado ruso”.

O cambio climático fai que cada vez haxa menos horas de frío e dificulta a floración das maceiras

Pola súa parte, o presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), Francisco Otero, coincide en que “neste campaña a produción pode baixar entre un 70 e un 75% con respecto á do ano pasado”. Afrugal agrupa a produtores de mazá de sidra principalmente das provincias da Coruña e de Lugo e que suman algo máis de 30 hectáreas.

Afrugal: “A vecería pode controlarse mediante aclareo”

En canto ás causas desta importante baixada da produción, Francisco Otero sitúaas máis que nada na coincidencia dun ano de vecería -o ano pasado foi de gran produción, polo que a árbore reduce a carga ao ano seguinte para poder recuperarse- e aos efectos do cambio climático. Sobre o primeiro, o presidente de Afrugal lembra que “a vecería pode controlarse se realizan aclareos nos anos de importante carga”. E no relativo ao cambio climático, asegura que “estase a manifestar en que non houbo horas suficientes de frío: a mazaira precisa entre 700 e 800 horas con temperaturas por debaixo dos 7 graos para que floreza ben, e nos últimos anos non se están acadando”. “Este é un problema do cambio climático. Por iso en Cataluña, en Francia ou en Italia están subindo as plantacións de maceiras en altura”, subliña.

Por último, Francisco Otero recomenda que a colleita da mazá “se realice cando está madura, entre a segunda quincena de outubro e ata novembro”. Neste sentido, bota en falta que as sidrerías “non realicen controles de maduración, mirando o promedio de graos ou realizando a proba do almidón, e que se pague segundo as calidades, pois na actualidade cóllese moita mazá que aínda non está madura e de mala categoría”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información