A pataca da Limia chega a triplicar os prezos da pasada campaña

O prezo da pataca en contrato arrancou a campaña con prezos de entre 12 e 15 céntimos e foi subindo ata os 20/22 céntimos. A colleita baixou arredor dun 20% pola seca pero mellorou en calidade e estado sanitario.

A pataca da Limia chega a triplicar os prezos da pasada campaña

Apañando patacas na Limia

O 2015 lembrarase como un dos mellores anos en canto prezos da pataca na Limia, a principal comarca produtora de Galicia con máis de 90.000 toneladas que se prevén recoller nesta campaña. Se o pasado ano chegaron a pagarse a 5 céntimos o kilo, este ano o prezo de saída nas de contrato entre produtor e almacenista foi de 12 céntimos e neste momento xa supera os 20 céntimos.

As razóns desta melloría están, segundo os sindicatos e os produtores, na menor colleita en Europa, especialmente en Francia, principal exportador de pataca a España, mentres que para os almacenistas a causa está máis ben en que esta campaña a colleita das distintas áreas produtoras non saíu ao mesmo tempo ao mercado.

Sindicato Labrego: “A previsión é que os prezos sigan subindo”

Para Anxo Pérez, responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na Limia, “os prezos das que están en contrato, andiveron entre os 12 e os 18 céntimos o kilo, segundo a variedade e a calidade, e previsiblemente seguirán subindo pois este ano houbo unha baixa produción de pataca en toda Europa”.

Ademais, salienta que “os almacenistas son menos esixentes, xa que se o pasado ano facían descontos pola vía de destinar para destrío ata o 50% das patacas entregadas polos produtores, este ano prácticamente non fan penalizacións”, algo ao que tamén contribúe o bo estado sanitario e de calidade da pataca.

En canto á produción, asegura que baixou unha media dun 20% debido á seca aínda que oscilou segundo as variedades: na Kennebec, máis sensible á climatoloxía, a súa produción caeu sobre un 30% respecto á media dos últimos anos, mentres que a Agria aguantou mellor. En total, segundo o responsable comarcal do SLG, a previsión é recoller na Limia unhas 90.000 toneladas de tubérculo, unhas 10.000 menos que a pasada campaña.

Patatas Paz: “Non se están solapando as producións e iso explica os bos prezos”

Dende os almacenistas, Francisco Paz, propietario de Patatas Paz, un dos principais da comarca da Limia, cualifica esta compaña como “positiva, sobre todo polos prezos que permiten compensar aos produtores pola campaña desastrosa do pasado ano”.

A súa empresa prevé comercializar varios miles de toneladas de tubérculo que destinarán fundamentalmente ás cadeas de distribución e á industria, tanto de España como de Portugal.

En canto ás causas deste ano de vacas gordas na Limia, Francisco Paz atribúeo máis que á caída da produción en Europa -algo que minimiza, “xa que non foi tan importante”-, “a que non se están solapando as producións con outras, senón que a pataca das distintas zonas produtores vaise sacando ao mercado de forma escalonada”, o que evita a acumulación de stocks.

Francisco Paz: “É difícil racionalizar o mercado pois depende do nivel de consumo e da climatoloxía”

De cara ao futuro, Francisco Paz vé difícil evitar os dentes de serra nos prezos da pataca. “A racionalización do mercado da pataca é complexa pois incide moito a climatoloxía e o nivel de consumo, e ambos son difíciles de prever”, asegura. Respecto ao primeiro, lembra que “a produción varía moito dun ano a outro en función da climatoloxía; por exemplo, o pasado ano houbo un 15% de produción e iso foi o que estragou a campaña”. E de cara ao consumidor, Francisco Paz amosa a súa preocupación porque “nos últimos anos observamos un descenso importante do consumo de pataca”.

“Na venda a froiterías o prezo rolda os 30 céntimos”

E como valoran esta campaña os produtores? Luisa Mayo e o seu marido dedícanse ao cultivo da pataca no concello de Trasmiras, na comarca da Limia. Este ano sementaron unhas 35 hectáreas e a súa colleita viuse bastante afectada pola seca xa que diversas fincas non contan con sistema de regadío.

Con todo, Luisa recoñece que “con respecto ao ano pasado, no que quedamos empeñados, este está a ser un bo ano en canto a prezos”.

A maior parte da súa produción vendérona baixo contrato, con prezos fixados en 12 céntimos para a variedade Agria e 15 para a Kennebec, case o triple que os 5 céntimos aos que as chegaron a vender o pasado ano. “Non obstante, a medida que avanza a campaña os prezos foron subindo a 20/22 céntimos para a Agria e a 25 para a Kennebec”, asegura.

Luisa Mayo: “O ano pasado quedamos empezados, este está a ser un bo ano”

Ao igual que outros produtores da Limia, na explotación de Luísa tamén venden patacas a particulares, sobre todo a froiterías da Provincia de Pontevedra, un mercado máis rendible no que este ano as patacas de Kennebec están acadando os 28/30 céntimos para o produtor.

“Oxalá tivésemos máis produción porque a maior parte xa a temos comprometida no contrato co almacenista e temos pouca cantidade para vender a particulares”, recoñece esta produtora.

Mentres tanto, estes días apáñanse as últimas patacas na Limia, nunha campaña que rematará antes pola boa climatoloxía, e que se recordará polos seus bos prezos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información