A Feira Ecolóxica de Arzúa reafírmase como referente do sector verde en Galicia

A mesa redonda sobre o sector lácteo, celebrada na xornada do domingo, abordou a situación actual dende diferentes puntos de vista e os numerosos asistentes participaron activamente no debate.

Publicidade
A Feira Ecolóxica de Arzúa reafírmase como referente do sector verde en Galicia

Imaxe da feira

A XII Feira Ecolóxica, organizada polo Concello de Arzúa e xestionada por Culturactiva SCG, pechou as súas portas este domingo tras recibir a milleiros de persoas e reafirmarse como o punto de encontro entre público, produtores, distribuidores e artesáns do sector verde de Galicia. Durante as xornadas do sábado 14 e o domingo 15, o Recinto Feiral Terra do Queixo rexistrou unha gran afluencia de visitantes e unha alta participación dos asistentes nos obradoiros, charlas e demostracións realizadas.

Deste xeito, na mañá do domingo celebrouse unha mesa redonda sobre o sector lácteo galego á que asistiron ducias de persoas para escoitar os diferentes puntos de vista e participar no debate sobre a situación actual. A mesa estivo moderada pola concelleira de Medioambiente do Concello de Arzúa, Pilar Castro, e contou coa presenza do experto en xestión agrogandeira e natureza, Xan Pouliquen, o produtor lácteo, Jesús Gabriel Pereira, e o coordinador do Sindicato Labrego Galego nas comarcas de Arzúa e Melide, Xulio Fernández.

Dende a mesa sinalouse que as protestas levadas a cabo nos últimos meses serviron para visibilizar o problema e sensibilizar á opinión pública, ademais de sinalar a responsabilidade das administracións públicas e de industrias –que rexeitaron participar na mesa-. Tamén se incidiu na necesidade de dar unha resposta conxunta aos problemas estruturais do sector e abriuse un enriquecedor debate entre os poñentes e o público no que se tocaron temas como os prezos, as subvencións, a necesidade de xerar valor engadido ou a recuperación da dignidade dos produtores de leite.

Máis de 60 expositores

O público puido degostar e mercar produtos ecolóxicos nos postos dos máis de 60 expositores e expositoras, nos que atoparon novidades nesta edición como unha ampla variedade de pan ecolóxico, conservas de algas e vexetais, licores ou pasta ecolóxica, entre outras. Do mesmo xeito, os obradoiros contaron cunha alta participación durante as dúas xornadas nas que a xente tivo a oportunidade de aprender máis sobre cosmética natural, xogos Kapla, aromatoloxía, cociña e naturopatía e tratamentos invernais. As demostracións, exposicións e a proxección do documental En todas as mans completaron a actividade formativa do domingo.

No eido cultural, Luís Iglesia e Xabier Deive puxeron o broche de ouro á Feira Ecolóxica de Arzúa coa representación da obra Sede de Mal,da compañía Boneca Lareta. Pola súa banda, Dani García levou a animación máxica no papel de Don Gelati en varias sesións ao longo da xornada e percorrendo diversos espazos do recinto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información