“A clave para un bo grelo é esterco, frío e cortar a parte tenra”

Entrevista a María Teresa González López, produtora de grelos de O Pazo, nas Pontes, que un ano máis participará este domingo como xurado na XXXVI Feira do Grelo desta localidade coruñesa.

Publicidade
“A clave para un bo grelo é esterco, frío e cortar a parte tenra”

Teresa González no seu naval do Pazo

María Teresa González López, 52 anos, vive no Pazo, na parroquia da Faeira, no Concello das Pontes, unha comarca con condicións óptimas por altitude e clima para a produción de grelos. Esta verdura tradicional, da que cada vez se descobren máis propiedades beneficiosas para a saúde, está este mes na súa época óptima de consumo.

Teresa cultívaos para a venda directa dende hai catro anos, o que lle proporciona uns ingresos complementarios, xunto coa venda de becerros da súa pequena explotación gandeira. Esta muller labrega e loitadora participa este domingo un ano máis como xurado na XXXVI Feira do Grelo das Pontes, na que se escollerán os mellores grelos de Galicia.

Cales son as fases do cultivo do grelo?
Nesta zona plantamos os grelos a finais do mes de agosto. Primeiro aramos a terra, logo estercámola e despois pasámoslle a fresa. A continuación, súcanse os regos e logo seméntanse. A semente cómproa, sempre de nabo de Lugo.

Por último, pasámoslle por riba un enciño ancho para cubrir a semente coa terra. Aquí sucámolos para evitar que podrezan cando chove moito e empoza a auga.

O ano pasado sementei tamén grelos de tarde, para collelos no mes de marzo, pero non tiveron boa saída na venda e este ano decidín centrarme só nos de medio tempo.

Como está indo a venda este ano?
Está indo bastante ben. Non me dedico a gran escala porque dan traballo e hainos que coller chova ou haxa xeada. Veño plantando sobre 5 ferrados e o ano pasado vendín algo máis de 500 quilos.

Se se poden xa se collen as nabizas en novembro, aínda que eu case nunca o fago. Prefiro agardar ao mes de xaneiro e febreiro para vender os grelos, directamente a particulares. Véndoos a 2 euros o quilo e a aceptación é moi boa por parte dos meus clientes.

Neste momento son a única en toda a parroquia da Faeira e de San Pedro de Eume que vende grelos. Empecei a facelo hai uns catro anos, e dan para ter un complemento económico para a familia.

Cal é a clave para ter un bo grelo?
Creo que é que leve un bo esterco natural do gando, sobre todo de vaca. E logo que lles veña frío e xeada, algo que ata o de agora nos faltou e que lle dá unha textura máis tenra e un sabor máis doce ao grelo. De todas formas, o seu sabor este ano é bo. A mellor época para consumilos é dende finais de xaneiro ata marzo, ata o San Xosé.

Nos supermercados a veces vemos grelos con cañoto moi groso e cortados a coitelo. Cal é a técnica correcta para collelos?
Hai que rompelos sempre cos dedos, nunca se deben cortar co coitelo. Eu a iso chámolle nabos. O grelo é diferente, doutra cor, e canto máis arriba o cortes cos dedos máis tenro é.

Que tipo de grelos lle demandan os clientes?
O máis tenros posible. Eu escólloos todos un por un e quítolles as nabizas murchas, córtolles o canelo e procuro que sexan o máis tenros posibles. Lávoos para quitarlle as lesmas ou pequenos caracois que puideran ter, pésoos e átoos en madas. O boca a boca foi o que máis me funciona para os meus clientes.

Hai que escaldalos sempre antes de cociñalos ou non?
Si. Só que fervan un pouquiño, que queden verdes, para quitarlles o amargor. Logo arrefríoos en auga, se pode ser xeada mellor, e escóoos. E xa valen para cociñar en todo tipo de pratos: para un cocido, para un revolto, unha tortilla, con bacallao, en arroz…etc. O de escorrelos en auga fría é para que queden verdes e tenros.

Os grelos teñen que cortarse con pouco cañoto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información