Zobra, o monte multifuncional do Candán

A comunidade de montes veciñais de Zobra (Lalín) aposta por diversificar o uso dos terreos en mancomún. Combina plantacións forestais de piñeiro coa conservación de masas de frondosas e con usos gandeiros e turísticos. Os seus principais ingresos proceden desde hai uns 15 anos dun parque eólico

Zobra, o monte multifuncional do Candán

José María, Samuel e Agustín nas proximidades da antiga central eléctrica de Zobra que pretenden rehabilitar.

Situada na Serra do Candán, a parroquia de Zobra (Lalín) conta con arredor de 1.150 hectáreas de monte veciñal en mancomún, case a metade da superficie dos oito lugares que conforman a parroquia. Aínda que moitas comunidades de montes optaron polas plantacións forestais, eles tentan buscar outras alternativas para o aproveitamento destes montes e non só centrarse na madeira. Dende o 2005 teñen unha importante aportación fixa que lles permitiu levar a cabo varias iniciativas. “Aquí os cartos agora mesmo véñennos do aire”, recoñece Agustín Zalabeite, presidente da comunidade de montes.E é que o parque eólico xestionado por Iberdrola nestes montes, con 36 aeroxeradores, déixalle á comunidade uns ingresos de 90.000 euros ó ano.

O parque eólico instalado nos montes é a principal fonte de ingresos e permítelle afrontar distintos proxectos

Boa parte destes cartos destínanos directamente a contratar persoal para afrontar tarefas nos montes. Teñen un enxeñeiro técnico forestal, José María Prado, que asume a xestión dos proxectos da comunidade e tres traballadores forestais máis, veciños da zona, que se encargan de facer distintos traballos de mantemento no monte.

Vistas do lugar de Zobra.

Vistas do lugar de Zobra.

Os operarios forestais céntranse, sobre todo, en realizar limpezas nos montes para manter accesibles os camiños e que servan, ó mesmo tempo, de cortalumes. Contan cun tractor propio da comunidade e cunha desbrozadora. “Se non é polos traballos que se fan dende a comunidade de montes, estarían os camiños todos pechados e o monte meteríase xa nas casas”, comenta Agustín.

Realizan tamén tarefas de podas e rareos nas preto de 70 hectáreas de piñeiro que teñen e das que prevén realizar o primeiro clareo este mesmo ano, que será a primeira venda que fai a comunidade de montes. Asumen, ademais, outros traballos forestais que os propios comuneiros poidan precisar, como dispoñer de leña para o inverno.

Na comunidade contrataron tres traballadores forestais que se encargan de facer tarefas de mantemento nos montes

Zobra, ó igual que boa parte da Galicia rural, acusa un forte despoboamento e avellantamento da súa poboación. Así, na actualidade apenas quedan un cento de veciños e o número de comuneiros reduciuse no último ano ata os 41, un por cada casa habitada. Por iso, nos últimos tempos a comunidade de montes tamén adica unha parte do seu presuposto a proporcionar certas prestacións sociais ós comuneiros, contando cunha persoa que se encarga de facer tarefas domésticas.

Rexenerar o monte

Hai máis de 30 anos que esta comunidade de montes comezou a funcionar e dende un principio decidiron que non querían encher o seu monte de plantacións forestais. Recordaban as plantacións que se levaron a cabo co Plan Nacional de Repoboación e buscaban outras alternativas.

Están a traballar nun plan de ordenación do monte para delimitar e planificar as actuacións a realizar

“No 1957 encheron todo de pinos, botaron 7 anos plantando. Non había nin onde levar o gando pastar, houbo que vender a facenda”, comenta Samuel Crespo, predecesor de Agustín e que estivo como presidente da comunidade dende os seus comezos e durante máis de 20 anos. Samuel chegou a ter máis de 200 ovellas nestes montes. “Son montes que se prestan moi ben para manter ovellas e cabras”, destaca.

A comunidade de montes tamén se encarga da limpeza da ruta de sendeirismo que habilitaron.

A comunidade de montes tamén se encarga da limpeza da ruta de sendeirismo que habilitaron.

Daqueles pinos apenas quedan algúns exemplares, pois varios incendios arrasaron con estas plantacións xa antes de que produciran semente. Logo optouse porque o monte se fora rexenerando e non se voltou plantar do xeito masivo. Cos cambios de aproveitamentos que se deron nestes anos, derivados dunha redución da actividade do monte, boa parte desta superficie consérvase con pouca influencia do ser humano.

Agora están tamén inmersos nun plan de ordenación do monte para delimitar as zonas nas que levar a cabo actuacións e aquelas nas que se opta por preservar. Nos montes veciñais hai unhas 7 hectáreas de devesa, un dos atractivos desta zona, pola riqueza e variedade de frondosas que hai nese tipo de monte, aínda que a maior parte da Devesa de Zobra sitúase en fincas de particulares.

Novas plantacións de castiñeiros e gando

Dende a comunidade de montes optaron por realizar novas plantacións de castiñeiro para a produción de castañas. “Buscamos alternativas que poidan aproveitar os veciños e que lles sirvan para ter unha rendibilidade directa do monte”, comenta Agustín. Decidiron plantar unhas 5 hectáreas de castiñeiros e tamén realizaron varias plantacións nos últimos anos de piñeiro, que se inclúen nesas 70 hectáreas que actualmente teñen. Hai catro anos plantaron 8 hectáreas e o ano pasado plantaron outras 5 hectáreas.

Por outra banda, algúns dos terreos destes montes veciñais foron cedidos gratuitamente por parte da mancomunidade a gandeiros da zona para que poidan manter o seu gando e, ó mesmo tempo, contribúan á manter limpos e aproveitados os terreos. Isto permitiu que nos últimos tempos se sumara unha gandería de vacas cachenas que dispón dunhas 38 hectáreas de monte veciñal cedidas.

Aposta polo turismo

Unha das apostas desta comunidade de montes foi o turismo, posto que Zobra combina o atractivo da súa paisaxe natural co seu pasado mineiro, centrado na extracción do estaño a comezos do século XX. “A época das minas de estaño ten un potencial turístico grande”, comenta Agustín. Por iso, un dos proxectos fundamentais que levaron a cabo dende a comunidade de montes foi a restauración das antigas casas das minas, para reconvertilas en apartamentos turísticos.

A rehabilitación das antigas casas mineiras foi un dos principais proxectos que impulsaron dende a comunidade de montes.

A rehabilitación das antigas casas mineiras foi un dos principais proxectos que impulsaron dende a comunidade de montes.

A recuperación das casas mineiras iniciárona no 2006 e contaron tamén con fondos europeos. “Nun principio, buscábase que o aproveitamento destas casas se vinculara máis ós veciños, pero resultou moi complicado, xa que cada vez hai menos asociacionismo”, apuntan Samuel e José María.

Durante anos, os gastos xerados polo mantemento destes aloxamentos turísticos foron moi elevados e non terminaba de ser unha alternativa viable, polo que dende hai uns meses decidiron traspasar a súa xestión a un empresa que se encarga da súa promoción turística. Ademais, asumiron reformas para facelas máis sostibles e reducir gastos, optando, por exemplo, por sistemas de calefacción a base de biomasa.

Rehabilitaron as antigas casas mineiras para convertelas en aloxamentos turísticos e trazaron unha ruta de sendeirismo

Na comunidade de montes tamén traballaron para dispoñer dunha ruta de sendeirismo, duns 27 quilómetros, homologada pola Federación Galega de Montañismo. “Este mesmo ano tócanos revisión da ruta e temos que tela moi ben sinalizada para seguir a conservar as boas calificacións. Isto suponnos un importante esforzo e traballo”, apunta Agustín. O mantemento e limpeza desta ruta é outro dos traballos que asume o persoal contratado pola mancomunidade.

Unha das antigas alvarizas.

Unha das antigas alvarizas.

“Agora mesmo, aínda que temos oferta para que a xente veña a Zobra e pase aquí a fin de semana ou polo menos pernocte, tanto nas casas das minas como nas casas de turismo rural que hai, a maioría da xente vén camiñar pero non acaba quedando nin facendo gasto na zona”, recoñece Agustín.

Ademais dos vestixios da actividade mineira que aínda se poden ver na zona, Zobra é tamén un lugar cunha importante tradición meleira. Nos seus montes aínda se conservan preto de 40 alvarizas, construídas no seu momento para protexer os apiarios dos ataques do oso, que xa non ten presencia nesta zona dende mediados do século XIX. Aínda así, algunhas destas alvarizas seguen a empregarse na actualidade. Precisamente na zona hai unha importante produción de mel e algúns dos meles máis recoñecidos en Galicia pola súa calidade proceden destes montes.

Dende a comunidade de montes tamén comparten a súa experiencia con outras entidades, como fixeron en días pasado cun grupo chegado dende Portugal.

Dende a comunidade de montes tamén comparten a súa experiencia con outras entidades, como fixeron en días pasado cun grupo chegado dende Portugal.

Proxectos da comunidade

Outro dos proxectos que contemplan dende a comunidade de montes é seguir ampliando a oferta da zona, de feito están pendentes de obter financiación para poder rehabilitar a antiga central eléctrica que se instalou na época de extracción do estaño. “En Zobra chegamos a ter luz eléctrica antes que en Lalín, naqueles anos había moita actividade nesta zona”, recorda Samuel. Pretenden habilitar esta antiga central como un espazo no que poder impartir formación ou organizar actividades complementarias para os visitantes.

Pretenden construir un horto solar para ser autosuficientes e tamén realizarán un estudo sobre a utilidade do carrasco

Sobre a mesa teñen tamén un proxecto para a construción dun horto solar co que os comuneiros poidan reducir a factura da luz. “Paradoxicamente, aínda que somos productores de electricidade, ata o de agora non podiamos autoabastecernos. A idea é chegar a ser autosuficientes e poder reducir a factura da luz”, comenta Agustín.

Por outra banda, a comunidade está pendente de realizar un estudo sobre o carrasco, xa que é un arbusto que ten unha importante presenza neste monte. “Queremos ver as potencialidades que pode ter e o seu aproveitamento porque polo do momento nunca se fixo nada ó respecto e pode ser unha alternativa”, comenta Agustín.

Antiga central eléctrica que pretenden rehabilitar.

Antiga central eléctrica que pretenden rehabilitar.

No horizonte, tamén se lle debuxa á comunidade un novo reto coa repotenciación que está prevista para os parques eólicos e que pasa por unha redución inicial dos aeroxeradores. Na actualidade, en Zobra teñen instalados 36 aeroxeradores e, aínda que non se deron aínda pasos nestes senso, dende a comunidade apuntan a que sería necesaria unha estratexia conxunta, por parte das parroquias que abarca o parque eólico do Candán, no que se integra Zobra, para lograr un reparto equitativo. “No seu momento, cando negociaron coa compañía a compensación pola instalación dos aeroxeradores tiveron que loitar moito, e agora teremos que ir unidos e todos da man se queremos resultados”, comenta Agustín.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información