A Xunta proxecta incorporar ó Banco de Terras montes veciñais en abandono

O presidente da Administración autonómica, Alberto Núñez Feijoo, anunciou hoxe no Parlamento unha trintena de medidas orientadas a loitar contra os lumes. Prevé que haxa dous axentes por Distrito para controlar os incumprimentos da lexislación de montes

A Xunta proxecta incorporar ó Banco de Terras montes veciñais en abandono

A Xunta presentou unha trintena de medidas coas que quere previr os lumes forestais.

En Galicia, arredor do 10% do monte veciñal, unhas 70.000 hectáreas, permanece en estado de abandono, segundo os datos que manexa a Xunta. Trátase de comunidades de montes que están inactivas, ben porque nunca tiveron xuntas reitoras nalgún caso, ben porque a despoboación ou a falta de relevo xeneracional deixáronas fóra de xogo. A Administración proxecta agora incorporar estas comunidades ó Banco de Terras para a súa posta en produción.

A lexislación de montes veciñais xa permitía que a Xunta declarase montes veciñais en estado de grave abandono, paso previo a asumir temporalmente a súa xestión, pero nunca ata o de agora se botara man desta posibilidade, que se viña reivindicando desde hai anos por parte do sector agrario e forestal. O Goberno galego prevé agora, tras a última vaga de lumes, activar a declaración de grave abandono nos montes veciñais que carezan de xestión.

Eses montes en grave abandono pasarán a ser incorporados de xeito temporal ó Banco de Terras, sempre e cando non haxa unha xunta rectora disposta a facerse cargo do monte e a xestionalo. En calquera caso, se nun futuro se crea e se activa esa xunta rectora, poderá recuperar o control do monte.

Esta foi unha das medidas contra os lumes anunciadas hoxe no Parlamento galego polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que desgranou unha trintena de propostas ligadas á prevención, ordenación e dinamización do monte. Parte delas xa se anunciaran con anterioridade.

Propiedades particulares
Feijoo tamén sinalou que aquelas fincas particulares que estean sen propietario coñecido ou ilocalizable poderán pasar de xeito cautelar ó Banco de Terras, en tanto se investiga a súa titularidade. Cifrou estas propiedades en 300.000, se ben o minifundio rústico tradicional en Galicia -salvo nas zonas de concentración parcelaria- abre interrogantes sobre as posibilidades reais de aproveitar esas parcelas.

Outras das propostas do presidente da Xunta son as seguintes:

Prevención
– A Xunta negociará un acordo económico cos Concellos para incentivar a limpeza das áreas de monte que circundan os núcleos de poboación. O obxectivo é que os propietarios poidan delegar no Concello a roza básica das súas parcelas a un prezo fixo e que as Administracións cubran a parte restante nos casos en que sexa preciso.

Endureceranse as condicións para plantar eucaliptos e piñeiros en torno ós núcleos de poboación, ata os 50 metros de distancia

– Anuncio dun plan (Aprol Rural 2018), dotado con 7 millóns de euros, para que os Concellos do rural contraten persoal adicado a tarefas de silvicultura, limpeza de montes e outros traballos forestais. A Xunta quere aumentar tamén as 195 brigadas forestais municipais que funcionaron este ano.

– Crearanse faixas de protección -pendentes de concretar- en torno ás subestacións eléctricas e instalacións de telecomunicacións (como antenas de telefonía móbil).

– Obrigarase á xestión da biomasa en torno ás vivendas en solo rústico, aínda que estean a máis de 400 metros do monte.

– Ampliaranse as limitacións nas chamadas faixas secundarias de monte en torno ós núcleos de poboación, é dicir, nas áreas de monte máis próximas a zonas habitadas. Ata o de agora, con carácter xeral, permitíase ter piñeiros e eucaliptos ata a 30 metros dos núcleos ou de casas illadas. A Xunta proxecta agora que dos 30 ós 50 metros, piñeiros e eucaliptos teñan que gardar unha distancia entre si de 10 metros. Tamén prevé endurecer a normativa en zonas de especial risco, por factores como “vento” ou “altitude”.

Haberá que agardar pola concreción do anuncio de Feijoo para analizar o cambio normativo, se ben ata o de agora o control de oficio sobre o cumprimento da Lei de Montes no tocante ás faixas de protección foi escaso.

– O presidente da Xunta anuncia agora que se crearán Equipos de Vixilancia de Incumprimentos para velar pola aplicación na práctica das medidas incluídas na normativa forestal e de defensa contra incendios. Estes equipos serán os encargados de facer cumprir as distancias de seguridade que debe haber entre arborado con vías de comunicación e núcleos habitados. Tamén localizarán parcelas abandonadas ou que incumpran a normativa. Haberá dous axentes destinados a este fin en cada un dos 19 distritos forestais de Galicia.

– A Xunta destinará un mínimo de 3 axentes por distrito forestal para investigar as causas dos lumes. Formarán parte dos chamados Equipos Forestais de Investigación, que sustituirán ás actuais Brigadas de Investigación de Incendios.

Ordenación do monte e dinamización
– Creación de plans de ordenación a nivel de Distrito Forestal. O obxectivo é ter para os montes uns plans semellantes ós plans urbanísticos dos concellos, segundo sinala a Xunta. Quérese comezar no 2018 polos 9 distritos de Ourense e Pontevedra, por ser os que concentran maiores lumes.

Anúnciase a elaboración de plans de ordenación dos distritos forestais de Ourense e Pontevedra no 2018

– Anúnciase un plan de actuacións de mellora das zonas de pastoreo extensivo nas provincias de Ourense e Pontevedra. Feijoo sinalou que as zonas de actuación incluirán todas as serras e terreos forestais con aproveitamentos gandeiros extensivos de relevancia. A Xunta sinala que as infraestruturas a deseñar inclúen peches gandeiros, mellora de accesos, mangas de manexo do gando, pasos, comedeiros, bebedoiros, etc.

– Modificación das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), a figura promovida pola Administración autonómica para incentivar o asociacionismo forestal. Desde a aprobación da Lei de Montes, no 2012, só se constituíron 5 Sofor en Galicia. A Xunta anuncia agora que quere flexibilizar a súa normativa, mellorar a súa fiscalidade e facilitar a entrada de novos investidores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información