A Xunta proxecta dobrar a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro no 2019

Medio Rural asegura que na próxima primavera soltará 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’, o insecto que parasita as postas da avespiña. Este ano tiña previsto liberar esa cantidade, pero quedouse na metade pola falta de oferta do parasitoide

A Xunta proxecta dobrar a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro no 2019

Bugallas da avespiña do castiñeiro.

A avespiña do castiñeiro xa está presente en toda Galicia e está comezando a xerar un impacto serio nalgunhas das principais zonas produtoras de castaña da comunidade. Para combatir a avespiña, a única vía coñecida é a loita biolóxica mediante a solta de ‘Torymus sinensis’, un insecto que parasita as postas de ovos da praga. A Xunta vén de anunciar no Parlamento que para o ano prevé dobrar a loita biolóxica contra a avespiña, chegando a soltar na primavera ata 1,6 millóns de exemplares de ‘Torymus sinensis’, polos arredor de 750.000 liberados este ano.

En realidade, a Administración xa tiña previsto soltar no 2018 1,6 millóns de exemplares de ‘Torymus’, na que estaba previsto que fora a primeira liberación masiva do parasitoide, tras as soltas experimentais de anos anteriores. Sen embargo, a alta demanda do insecto no mercado europeo imposibilitou a compra de tal cantidade, co cal finalmente a Xunta tivo que conformarse con mercar 750.000 exemplares.

Para esta campaña, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, asegurou estes días no Parlamento que xa estaba convocado o concurso para a compra dos ‘Torymus’ e que este ano había suficiente oferta no mercado, polo que prevese que si se poidan adquirir 1,6 millóns de parasitoides.

De cara ó futuro, Chan asegurou que o obxectivo pasaba por producir os ‘Torymus’ en Galicia, “ben nalgún dos dous centros públicos de investigación (Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Centro de Investigación Forestal de Lourizán), ben polo laboratorio que a empresa pública Tragsa ten en Maceda (Ourense) ou ben por algunha das dúas empresas privadas do sector que operan en Galicia”, sinalou o director xeral.

Produción de ‘Torymus’ en Galicia
Sobre a produción dos ‘Torymus’ en Galicia, xa no 2015 Pedro Mansilla, daquela director da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, advertira de que era necesario iniciar de xeito inmediato a produción e solta masiva de ‘Torymus’. O proceso foise retrasando e finalmente este 2018 a produción de ‘Torymus’ comezou a facerse no laboratorio de Tragsa en Maceda, aínda que todavía sen capacidade suficiente como para suministrar ó mercado.

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, asegura agora que aínda non hai autorización para comezar a produción do parásito en España e baralla que a súa futura produción se poida acometer en centros públicos ou privados, segundo asegurou na última comisión de Agricultura do Parlamento, o pasado venres.

A este respecto, o deputado do BNG Xosé Luis Rivas ‘Mini’ demandou maior axilidade. “Hai cuestións que se poden forzar politicamente e que se están retrasando”, criticou. ‘Mini’ demandou tamén maior información para os propietarios dos soutos de castiñeiros.

Por parte de Medio Rural, sinalouse que se están facendo charlas por parte dos Distritos Forestais e que hai un mapa público con todas as soltas de ‘Torymus sinensis’ realizadas no 2018.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información