A Xunta prevé formar a máis de 5.000 profesionais para traballar no sector forestal

A Xunta prevé formar a máis de 5.000 profesionais para traballar no sector forestal

Asistentes á xornada sobre formación no sector forestal celebrada este luns en Lugo

A formación e a innovación son elementos clave para crear emprego de calidade na industria forestal e para avanzar cara a modernización do sector en Galicia, segundo salientou este luns o conselleiro de Economía, Emprego e Facenda da Xunta de Galicia, Francisco Conde, na clausura dunha xornada sobre formación na industria forestal celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo.

Nesta xornada o presidente da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema Piñeiro, presentou a Estratexia de formación da industria forestal deseñada pola Administración autonómica para 2018-2020.

A Estratexia de formación da industria forestal de Galicia é unha folla de ruta consensuada coas asociacións representativas do ámbito forestal galego e a través da que se prevé impulsar a especialización de máis de 5.000 profesionais nos próximos dous anos e medio cunha oferta formativa á medida e acaída ás necesidades das empresas, sinalou Conde, ao tempo que salientou que o tecido produtivo do sector forestal representa o 1,8% do PIB galego e o 12% do emprego.

A dixitalización da industria implica novas ferramentas de traballo e novos perfís profesionais, subliñou o conselleiro, para logo engadir que o reto da Xunta é axudar ás empresas de toda a cadea produtiva a modernizarse a través da formación dos seus profesionais no eido das novas tecnoloxías, apoiando, ademais, a súa modernización, innovación e internacionalización.

Logo de avanzar as distintas medidas de axuda e liñas de financiamento que mantén abertas a Xunta de Galicia, Conde manifestou que o obxectivo destas actuacións do Goberno galego é o de apoiar con todos os seus recursos dispoñibles unha industria que representa a riqueza do rural galego e que é chave para acadar un monte máis produtivo e máis protexido. Galicia é a novena potencia forestal a nivel europeo representando a madeira aquí cortada o 50% do total nacional. O forestal, ademais, move arredor de 2.000 millóns de euros anuais e emprega a máis de 70.000 persoas nunhas 3.000 empresas que abranguen toda a cadea de valor. Ademais, Conde puxo en valor o papel crecente do sector forestal nas exportacións, con máis de 800 millóns de euros.

Programa das xornadas sobre formación na industria forestal

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, abriu o programa das xornadas de presentación da estratexia de formación da industria forestal galega impulsada pola Xunta para o período comprendido entre 2018 e 2020, un foro que congregou na EPS de Enxeñaría de Lugo un nutrido grupo de docentes e investigadores relacionados coa temática forestal, así como a outros profesionais e representantes do sector.

Unha vez rematada a recepción ofrecida pola vicerreitora e logo da presentación da nova estratexia de formación para a industria forestal, as xornadas continuaron cun coloquio sobre as necesidades futuras de formación para o sector no que interviron como relatores Constante Fontán, do departamento de organización de Finsa, e a técnico do CIS Madeira Montserrat Rodríguez Ogea. Esta táboa redonda, coordinada polo catedrático e director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC, Manuel Guaita Fernández, serviu tamén para a presentación do programa Erasmus +FUTUREfacing, unha iniciativa coordinada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información