A Xunta incorpora drons ó servizo de incendios forestais

Medio Rural asegura que participarán en tarefas de detección e investigación, así coma no apoio a operativos de extinción

A Xunta incorpora drons ó servizo de incendios forestais

Proba de drons hoxe en Pontevedra. / Imaxe: Medio Rural.

A base de helicópteros do Campiño (Pontevedra) acolleu hoxe unha demostración de drons con participación do persoal das Brigadas de Investigación de Incendios. A Consellería do Medio Rural incorpora este ano os drons ó seu servizo de incendios cunhas expectativas altas, pois segundo o conselleiro, José González, “os drons permitirán localizar incendiarios e mellorar a vixilancia preventiva, a detección de lumes e o apoio á extinción dos mesmos”.

A Administración destaca ademais que os drons daranlle apoio ás Brigadas de Investigación de Incendios, que os poderán usar, entre outras labores, para avaliar o cumprimento da normativa de xestión da biomasa nas franxas de protección que obriga a manter a normativa arredor dos núcleos de poboación, segundo sinala a Consellería.

O conselleiro aproveitou as probas de hoxe cos drons para anunciar que no 2020 e 2021 van reforzar as brigadas de investigación con 23 novos axentes, que se incorporarán nos distritos nos que se rexistran máis incendios forestais.

Sobre o emprego dos drons nos lumes, González sinalou que poderán tomar fotos, vídeos ou imaxes termográficos que sirvan de apoio técnico ás tarefas de extinción e remate de incendios forestais, “proporcionando información en tempo real para a toma de decisións por parte do director técnico de extinción”, precisou o conselleiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información