A Xunta descarta actuar nos montes afectados polas nevaradas do outono en Lugo

O Parlamento rexeita unha proposta do Bloque que demandaba apoios para a recuperación de soutos e doutras masas danadas o pasado outubro

A Xunta descarta actuar nos montes afectados polas nevaradas do outono en Lugo

Castiñeiro tronzado pola neve nos Ancares o pasado outono. / Arquivo.

As nevaradas de outubro do 2018 colleron aínda con folla ás árbores caducifolias da montaña lucense, o que permitiu que a neve se acumulara sobre elas, causando serios danos en soutos, carballeiras e fragas. Xa naquel intre, organizacións agrarias e alcaldes pediron apoios para despexar camiños e actuar nos montes, pero as medidas postas en marcha limitáronse só a despexar as estradas principais de pólas e troncos. O asunto volveu onte ó Parlamento de Galicia, aínda que con escaso éxito.

Unha proposta do BNG, presentada na Comisión de Agricultura, instaba á Xunta a adoptar medidas para a recuperación dos montes afectados no oriente de Lugo (A Fonsagrada, Cervantes, O Courel). “É necesario darlle cobertura á xente que sofre os condicionamentos da Rede Natura” -valoraba o deputado Xosé Luis Rivas, ‘Mini’-. “Se queremos que a xente tome conciencia do tesouro que teñen, non pode ser que a Administración e a sociedade non o valoren. Houbo uns danos moi serios e non se fixo nada”, criticou.

Por parte do grupo popular, a deputada Raquel Arias argumentou que a Xunta xa actuou naquel momento nas estradas da súa competencia e sinalou que en Medio Rural “non constan perdas dos propietarios de árbores polas nevaradas”, para concluír que por parte da Administración hai un plan forte de apoio a seguros agrícolas e gandeiros.

Arias aproveitou a súa intervención para acusar á oposición dun “catastrofismo irreal”. O deputado do Bloque, pola súa banda, acusou a Arias de non saber de que estaba falando. “Vostede non viu as árbores tronzadas. Aquelo tiña que ser reparado no momento con podas e curas”, concluíu.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información