A Xunta calcula que un milleiro de comunidades de montes permanece inactiva

O abandono que experimentan parte dos montes veciñais abre o debate sobre como manexar esas superficies. A lexislación prevé que a Administración poida asumir a xestión temporal de terreos en grave abandono, pero esa posibilidade non se está a aplicar

A Xunta calcula que un milleiro de comunidades de montes permanece inactiva

Mesa redonda sobre propostas para a posta en valor das comunidades de montes veciñais, nunhas xornadas do Consello da Cultura Galega.

Tres de cada dez comunidades de montes de Galicia está sen actividade, segundo os cálculos da Xunta. Son un milleiro de comunidades, das 3.300 que hai en Galicia, se ben o seu peso en superficie é escaso. Suman arredor de 70.000 hectáreas, a penas un 10% do total da superficie veciñal en mancomún. O debate sobre que facer con estes terreos abandonados volveuse abrir nunhas xornadas sobre a situación dos montes veciñais que organizou o Consello da Cultura Galega.

A lexislación autonómica prevé que a Xunta poida asumir a xestión temporal dos montes veciñais que se declaren en estado de grave abandono, en tanto non exista unha comunidade constituída disposta a asumir a xestión dos terreos. A cuestión é que na práctica, esa posibilidade non se está a aplicar.

Hai 290 comunidades, cun total de 20.000 hectáreas, que nunca deron sinais de vida ante a Administración

Das 1.000 comunidades que desde a Xunta se calcula que están sen actividade, hai 290, cun total de 20.000 hectáreas, que nunca deron sinais de vida ante a Administración. Non consta que tivesen nunca nin estatutos nin censo de comuneiros nin xunta rectora, segundo os datos expostos nas xornadas polo xefe de servfzo de montes veciñais en mancomún e estruturas forestais, Carlos González Andrés.

As outras 700 comunidades sen actividade rexistraron un abandono progresivo, ben por carecer de xunta rectora ou por non funcionar na práctica. A progresiva despoboación do interior galego, nomeadamente das zonas orientais de Ourense e Lugo, apunta a un empeoramento da situación. “Nas próximas décadas, Galicia perderá arredor de medio millón de persoas, un terzo da súa poboación en idade de traballar”, pronostica Carlos González.

Medidas
Ante ese escenario, que facer cos montes veciñais que están a quedar no abandono? Os debates que xurdiron ao longo das xornadas do Consello da Cultura Galega apuntaron na dirección de poñer a pelota no tellado da Xunta, aínda que con precaucións.

A lexislación permitiría que Medio Rural iniciase procedementos para declarar os montes veciñais sen actividade en estado de grave abandono. A Lei 13/1989 de montes veciñais tipifica como casos de grave abandono o deterioro ecolóxico dun monte veciñal ou o feito de que non estea aproveitado conforme á potencialidade dos seus recursos. Unha vez declarado un monte en estado de grave abandono, a Xunta asumiría a súa xestión temporal, en tanto non houbese unha comunidade que se fixera cargo.

Xestión pública en montes conveniados
Outra cuestión a debate é como sería esa xestión. A Administración autonómica manexa na actualidade arredor de 240.000 hectáreas de montes veciñais a través de convenios coas correspondentes comunidades.

Desde as comunidades de montes, veñen transmitíndose nos últimos anos queixas reiteradas sobre a xestión da Xunta por cuestións como a ausencia de traballos no monte, a falta de coordinación coas comunidades ou a carencia de instrumentos de ordenación das superficies conveniadas.

Futuro
Os actuais convenios da Administración para a xestión dos montes veciñais concluirán, a máis tardar, o 31 de decembro do 2021. A Xunta ten anunciado a posta en marcha dun novo contrato para continuar asumindo a xestión dos montes veciñais que así o decidan, se ben desde a Organización Galega de Comunidades de Montes hai reticencias sobre este proceso.

“Hai unha estratexia planificada para privatizar a xestión do monte veciñal, entregándollo a empresas, ou para remunicipalizalos”, sostén o presidente da Organización Galega de Montes Veciñais, Xosé Alfredo Pereira. “A clave nos próximos anos vai estar de novo na defensa da titularidade veciñal e comunitaria do monte”, pronostica.

Recentemente, xurdiu unha polémica por un suposto borrador da Xunta que modificaría a lei de montes veciñais no sentido de permitir a transformación de montes veciñais abandonados en públicos. Desde Medio Rural tense negado que ese borrador sexa autoría da Administración, se ben Pereira insiste de novo nesa teoría. “Unha funcionaria de Presidencia confirmounos que ese documento existiu pero que nunca se tramitou”, asegurou nas xornadas do Consello da Cultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información