A Xunta asinará convenios cos concellos para rozar a biomasa nas proximidades das vivendas

A Xunta asinará convenios cos concellos para rozar a biomasa nas proximidades das vivendas

Tomás Fernández Couto

A campaña de alto risco de incendios forestais comezará, un ano máis, o vindeiro 1 de xullo con todo o operativo dispoñible e a pleno rendemento. Así o anunciou este venres o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, nun encontro cos medios locais de Santiago.

Por primeira vez, todo o dispositivo estará despregado polo territorio a comezos de xullo, xa que este ano se amplía a prestación do servizo dos fixos-descontinuos da Xunta e as brigadas de Seaga e Tragsa, que pasarán de 3 a 4 meses ata o 31 de outubro. Por outra banda, quedarán cubertas o cen por cento das vacantes que había no servizo antes da tempada de alto risco. Estas melloras reforzarán a operatividade do dispositivo.

O director xeral aproveitou tamén para facer un novo chamamento á cidadanía para que denuncien calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo a riqueza forestal de Galicia, xa que reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados. “Podemos ter temperaturas elevadas que iso non implica que haxa incendios, o problema está na man do home que está detrás”, subliñou o Fernández-Couto.

Nos próximos días a Xunta asinará un convenio coa Fegamp para rozar a biomasa nas proximidades das vivendas e núcleos de poboación

Porén, tamén aclarou que hai un cambio de actitude na poboación, non só á hora de denunciar senón tamén de colaborar na limpeza das parcelas. E para que esa colaboración chegue a todos os concellos de Galicia, a Xunta asinará nos vindeiros días un convenio de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para mellorar a xestión da biomasa nas proximidades das vivendas e núcleos de poboación e, consecuentemente, previr e minimizar os danos polos lumes.

A Consellería do Medio Rural comprométese a sufragar nunha porcentaxe do 75% os custes das actuacións precisas para manter estas faixas secundarias de acordo co establecido na normativa. Corresponderalle á Fegamp e, no seu caso, aos concellos adheridos ao convenio, o financiamento do 25 por cento restante. Para impulsar e formalizar este acordo, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez achega este ano un total de 6 millóns de euros co que se asumirá o 100% dos gastos.

Por outra banda, lembrou que o dispositivo en Galicia está composto por uns 7.000 efectivos que cobren a totalidade do terreo, entre medios propios, do Ministerio, e municipais. “Haberá vixilancia nos nosos montes, porque previr é fundamental na loita contra os lumes”, e engadiu que non só haberá efectivos a pé, como a Operación Centinela Gallego ou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, senón tamén fixos a través dos 91 postos que conforman a rede de vixilancia contra incendios. Así, nos vindeiros días quedarán instaladas as 44 novas cámaras que cubrirán o 54% do territorio.

Medios materiais

Galicia manterá os medios materiais dos últimos anos, con 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, e aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos. No tocante ao medios aéreos, estarán dispoñibles unha trintena de helicópteros entre os que se atopa un dotado con cámaras que transmitirán imaxes e vídeo en tempo real e xeorreferenciadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información