A Xunta anuncia que reducirá ata dous meses o tempo máximo para lograr un permiso de corta

Substituiranse as autorizacións e comunicacións previas por unha declaración responsable para aquelas zonas non protexidas por unha lexislación especial. No caso dos espazos cunha especial protección, os propietarios xa non terán que interactuar con distintos departamentos, senón que será a Consellería do Medio Rural a que autorice a modo de “xanela única”

A Xunta anuncia que reducirá ata dous meses o tempo máximo para lograr un permiso de corta

Na actualidade os permisos de aproveitamento madeireiros poden tardar varios meses.

A Xunta modificará toda a tramitación para solicitar as autorizacións de cortas de madeira e de aproveitamentos madeireiros para reducir os tempos de espera dunha autorización dos arredor de seis meses actuais a dous meses como máximo.

Estes cambios están incorporados na Lei de fomento de implantación empresarial, unha norma que dende o Goberno da Xunta calculan que podería estar lista para a súa aprobación en outubro, antes da entrada en vigor dos orzamentos de Galicia para o vindeiro ano. Deste xeito, entre finais de 2017 e comezos de 2018 a axilización e simplificación dos permisos de corta podería ser unha realidade.

En concreto, coa nova normativa modifícanse dous aspectos da lei de montes. Dunha banda, nos espazos que non estean suxeitos a unha protección especial, apóstase polo concepto de declaración responsable, que vén substituír o que ata o de agora era unha autorización ou unha comunicación previa e que tardaba entre sete e quince días, segundo o caso. Agora, con este documento no que o propietario do terreo afirma a súa posesión e, como tal, asume a súa responsabilidade, será un trámite practicamente instantáneo a través da súa presentación telemática.

Doutra banda, dende a Consellería do Medio Rural informan de que naquelas zonas que si estean suxeitas a unha especial protección ben pola lexislación de augas, estradas, costas ou polo patrimonio cultural ou natural, a partir de agora os particulares ou empresas forestais só terán que contactar co departamento de Medio Rural como único interlocutor para solicitar estes permisos. Será a propia consellería a que solicite os perceptivos informes á administración responsable en cada caso e autorice a continuación a actuación.

15 días de prazo máximo canto o terreo non teña protección e 2 meses cando conte con ela

Así, traballarase cunha “xanela única”, unha simplificación burocrática que fará menos complicada a actividade do sector forestal ao tempo que supón un aforro para os particulares e compañías cando queiran realizar aproveitamentos forestais madeireiros ou leñosos. Isto é así porque a tramitación redúcese a unha autorización única e, polo tanto, a unha soa taxa fronte a todas as que ata o de agora tiñan que aboar os solicitantes.

Calcúlase que neste último caso, autorizacións que na actualidade poden tardar ata seis meses, segundo a administración implicada, reduciranse a dous meses como máximo: un para a recepción do informe correspondente e outro para ditar a autorización final.

Dende a Consellería do Medio Rural matizan que “ningunha destas modificacións supoñen unha diminución da preservación dos valores culturais, naturais e paisaxísticos de Galicia, xa que se conta co informe do órgano competencial”. “Moi ao contrario, lógrase a optimización de recursos humanos e a simplificación e normalización dos procedementos de autorizacións de aproveitamentos forestais”, subliñan.

O forestal é un sector moi importante para a economía galega xa que anualmente realízanse en Galicia arredor de 75.000 aproveitamentos madeireiros cun movemento duns 8 millóns de metros cúbicos de madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información