Crearase un visor web que delimitará as franxas de protección contra o lume

Para manter limpas estas zonas, a Administración cobrará unha tarifa de 350 euros por hectárea rozada ós propietarios que selen un acordo

Crearase un visor web que delimitará as franxas de protección contra o lume

O visor web marcará as zonas que deben quedar libres de mato e arborado.

A Xunta poñerá en marcha un visor web específico para controlar a xestión da biomasa nas chamadas faixas secundarias, as franxas de 50 metros ao redor de núcleos de poboación que serven como protección contra o lume. A medida foi anunciada no último Consello da Xunta, celebrado onte, e enmárcase nas accións de colaboración da Xunta coas administracións locais na prevención de incendios forestais.

Esta ferramenta web específica, e de acceso público, conterá as faixas daqueles concellos con plans xerais de ordenación municipal adaptados á Lei de Ordenación Urbanística (Loug). Os propietarios poderán coñecer así as parcelas afectadas en cada caso, coa súa referencia catastral correspondente. Tamén se incorporarán gradualmente os concellos restantes segundo se vaian tramitando as novas adaptacións dos planeamentos municipais e en función dos plans de prevención aprobados. Toda esta información presentarase sobre a última foto aérea dispoñible.

Este visor web estase xerando coa intersección das faixas secundarias, xeradas cun avanzado sistema de información xeográfica (GIS), e da cartografía catastral dispoñible na sede electrónica do Catastro.

Tarifa uniforme para manter limpas as franxas

Co obxectivo de manter limpas estas faixas secundarias e reforzar a prevención e defensa contra os incendios forestais, a Consellería de Medio Rural asinará un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para crear un sistema público de xestión da biomasa, que será xestionado polos técnicos da empresa pública Seaga.

Deste xeito, os propietarios forestais que se comprometan coa Administración para esta xestión da biomasa nos seus terreos aboarán unha tarifa uniforme de 350 euros por hectárea. É un prezo fixo, aínda que estes traballos de desbroce supoñan uns custos máis elevados, que nese caso asumirán as administracións públicas. Se o propietario non se adhire ao sistema e non cumpre coa xestión da biomasa, o Concello deberá facer un requirimento para que proceda á limpeza. E se non houbese propietario coñecido, a Xunta asume todas as actuacións necesarias.

O acordo permitirá actuar ó longo de 4 anos nunhas 16.000 hectáreas de faixas secundarias, “garantindo a intervención naqueles concellos máis afectados polos lumes”, segundo a Xunta.

Os traballos enfocaranse tanto ós terreos abandonados como a aqueles de particulares que se adhiran a un contrato de xestión de biomasa coa entidade xestora do devandito sistema público. A Xunta investirá así máis de 28 millóns de euros ata 2021 para establecer este sistema público de xestión da biomasa nestas zonas de especial protección contra o lume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información