Xornadas en Lourizán sobre a cerdeira, restauración de montes queimados e a construción con madeira

Xornadas en Lourizán sobre a cerdeira, restauración de montes queimados e a construción con madeira

Plantación experimental de cerdeiras en Lourizán.

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán desenvolverá esta semana dúas xornadas técnicas sobre as posibilidades da cerdeira galega e sobre a restauración de montes queimados. Para o 11 de decembro está prevista unha nova actividade, nesta ocasión sobre a construción con madeira de piñeiro.

A primeira das xornadas, mañá mércores 21, adicarase ás árbores de cerdeira seleccionadas para uso forestal. Están previstos relatorios técnicos do equipo de investigación do CIF – Lourizán e tamén intervencións adicadas a explicar a situación das plantacións de frondosas nos montes galegos, coa participación da comunidade de montes de Matamá, de Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX, e de Braulio Molina por parte da Asociación Forestal de Galicia. Pódese consultar neste documento o programa completo da xornada, que é de acceso libre, pero require inscripción previa.

Restauración de montes queimados
Para o xoves 22 e venres 23 está programada unha xornada sobre a rehabilitación urxente de áreas forestais queimadas, nas que se fará fincapé nas estratexias de mitigación da erosión e abordaranse os condicionantes a ter en conta na xestión da madeira queimada.

O primeiro dos días, o xoves, estará adicado a relatorios dos investigadores e técnicos, en tanto o segundo día, o venres, farase unha visita de campo ás Neves para comprobar os tratamentos feitos pola Administración nun área afectada polos lumes do pasado ano. Pódese consultar neste documento o programa da actividade.

Madeira na construción
A última xornada técnica programada polo de agora leva por título ‘A madeira é presente e futuro: construción en madeira de piñeiro na era da bioeconomía’. A acción abordará a arquitectura en madeira e as posibilidades dos piñeiros galegos nese marco. Pódese consultar neste documento o programa completo da xornada.

As inscripcións deberán dirixirse a infolourizan.mr (arroba) xunta.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información