Xornada sobre o eucalipto en Lugo

Xornada sobre o eucalipto en Lugo

A Xunta ultima un decreto para regular as plantacións de eucalipto.

O salón de actos da Deputación de Lugo acollerá este mes de marzo unha xornada adicada a analizar a situación do eucalipto na Reserva Terras de Miño. A xornada agárdase para final de mes, pero ten aínda o día e o programa sen confirmar.

Inquietude no interior de Lugo polo decreto de regulación da especie
O borrador de decreto deseñado pola Xunta para regular o eucalipto prevé restrinxir a súa plantación no interior e sur de Lugo, así como en toda a provincia de Ourense. Parte dos alcaldes dos Concellos afectados xa expresaron a súa disconformidade e tamén está moi activa na mesma liña a Asociación de Produtores dos Montes de Castroverde.

A executiva do colectivo de propietarios de Castroverde mantivo recentemente unha reunión na que acordou presentar alegacións ó proxecto de decreto. Agarda tamén unha próxima reunión coa Consellería do Medio Rural na que poder expoñer a súa postura e iniciará contactos asimesmo con outras forzas políticas, agrarias e do sector forestal.

Por outra banda, a asociación ten previsto colaborar con organizacións de produtores forestais que se están creando en concellos do sur e oriente de Lugo. A nivel interno, traballa ademais nun plan de reunións a nivel parroquial e xa prepara a segunda asemblea do colectivo, que se desenvolverá previsiblemente esta primavera.

Petición dun maior control
Fronte á postura que expresan os propietarios forestais de Castroverde, que conta co respaldo de boa parte do sector forestal, hai voces disconformes, como a da Organización Galega de Comunidades de Montes ou a da asociación ecoloxista Adega, que consideran insuficiente a regulación que prevé acometer o Goberno galego.

Fe de erros: Esta información indicaba nun principio que as xornadas sobre o eucalipto se desenvolverían o 23 de marzo e adxuntábase un programa das mesmas. Finalmente, as xornadas variaron o día de celebración, aínda sen confirmar, e haberá cambios no programa, polo que optamos por retiralo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información