Xornada gratuíta este xoves en Lugo sobre as posibilidades do aproveitamento da resina

A cita será este xoves no Salón de Actos da Deputación. As persoas interesadas en asistir poden formalizar a inscrición a través do correo [email protected] ata completar o aforo

Xornada gratuíta este xoves en Lugo sobre as posibilidades do aproveitamento da resina

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández Queipo, xunto con Érika Martínez

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández Queipo, presentou este luns no Salón de Actos da Deputación, a xornada “Posibilidades do aproveitamento resineiro na comunidade autónoma galega”, que reunirá este xoves en Lugo a destacados expertos na xestión forestal e, en concreto, na produción de resina destinada á industria transformadora. Acompañouno na presentación Érika Martínez, enxeñeira de montes, que participará como poñente na xornada.

Fernández Queipo destacou que se trata “dunha iniciativa que busca dar a coñecer aproveitamentos forestais alternativos e complementarios á xestión da madeira, e que supoñen novas oportunidades de emprego no rural”. O vicepresidente avanzou que “a extracción de resina é un sector incipiente en Galicia, que duplicará neste 2018 a súa produción, ao pasar dos 30.000 pinos resinados en 2017 aos 60.000 deste ano, segundo as últimos datos do sector”.

“A extracción de resina é un sector en despegue na provincia de Lugo e supón unha alternativa económica para a mocidade do rural”, sinalou. “Somos unha provincia rural e queremos aproveitar todas as posibilidades que nos brinda a natureza, por iso apostamos polo desenvolvemento deste tipo de iniciativas”, subliñou Fernández Queipo.

A xornada desenvolverase no salón de actos da Deputación de Lugo, en horario de mañá e tarde. A inscrición é gratuíta, ata completar o aforo. As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web www.deputacionlugo.gal.

Programa da xornada

O vicepresidente da Deputación de Lugo abrirá a xornada ás dez da mañá, seguido da intervención de Gregorio Chamorro García, representante da Secretaría Xeral de Política Forestal, que falará sobre as actuacións da administración forestal do Estado en relación coas resinas naturais.

A continuación, Juan Carlos Álvarez Cabrero, da Asociación Nacional para a Vertebración e Defensa do Sector Resineiro, expoñerá a situación do sector en España e o seu potencial como motor de desenvolvemento rural. E Gregorio Luis Cazurro, da Sociedad de Resinas Naturales, centrará a súa presentación na adaptación dos montes galegos á resinación. Finalmente, a sesión da mañá pecharase cunha mesa redonda.

A xornada continúa ás 16.00 horas coa intervención de Manuel Francisco Marey, da Universidade de Santiago de Compostela, que falará do futuro do sector forestal galego e da necesidade de novas alternativas. A continuación participarán Érika Martínez, de Letme Soluciones, e Manuel Guaita Fernández, que falarán do aproveitamento resineiro como actividade para valorizar o sector forestal e o papel da madeira de coníferas e o seu papel na economía circular. Unha mesa redonda moderada por Fernández Reija poñerá o colofón ao evento, aproximadamente ás 20.00 horas.

O programa da xornada está dispoñible na web www.deputacionlugo.gal. A inscrición pode facerse a través do correo [email protected] e no teléfono 982 227 813.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información