Xornada de voluntariado para crear franxas verdes de frondosas no monte veciñal do Viso

Xornada de voluntariado para crear franxas verdes de frondosas no monte veciñal do Viso

Zona do monte do Viso afectada por un lume no 2016. / Arquivo.

A comunidade de montes veciñais do Viso, en Redondela, organiza este domingo 10 de marzo unha nova edición do seu Día da Árbore. A xornada, que está aberta á participación de voluntarios, seguirá o traballo de anos anteriores, encamiñado a crear franxas verdes de frondosas caducifolias para mellorar a defensa do monte contra os incendios forestais. Para elo, faranse plantacións de castiñeiros, bidueiros e carballos nun rodal dunha hectárea de superficie ubicado na zona norte do monte, pola que adoitan entrar os lumes na parroquia do Viso.

Outro dos puntos de plantación de frondosas será unha zona próxima ás casas do barrio de Escredo que foi recentemente rozada. A repoboación do domingo incluirá a plantación de máis de 200 árbores de distintas especies, coas que se potenciará a biodiversidade do monte veciñal. As persoas que queiran colaborar na xornada poden acudir ás 10.30 horas da mañá do domingo ó alto do monte Espiño, onde se fixou o punto de encontro. Pídese que as persoas voluntarias leven legón e luvas.

A xornada contará tamén coa colaboración de ‘Xirela, servizos técnicos e obras do rural’ e de ‘Maquinaria Agrícola Carpintero’, igual que en anos pasados. A xunta directiva da comunidade de montes destaca que a plantación do domingo concíbese como unha acción didáctica tanto para adultos como para nenos, “ofrecendo a experiencia de participar no mantemento e coidado da natureza en xeral, e dun monte veciñal en man común en concreto”. A comunidade de montes lembra a importancia dos recursos que proporciona o monte, como auga, paisaxe, a fixación de carbono, leñas, froitos como as castañas, cogomelos ou hábitats de fauna e flora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información