Visitas do sector da madeira a diversos países europeos

Unha expedición de empresarios desprazouse a Alemaña, nunha viaxe organizada por Confemadera Galicia. Alumnos do Máster de Enxeñaría da Madeira (USC) visitan empresas de Alemaña e Austria

Visitas do sector da madeira a diversos países europeos

Ponte cuberto de Punbrugge (Austria), visitado por alumnos do Master da Madeira.

O sector galego da madeira realizou este mes visitas a diversos países europeos. Empresarios do sector desprazáronse recentemente a Alemaña para acudir a Ligna 2015 a feira de referencia en innovación tecnolóxica, e para visitar un dos serradoiros máis emblemáticos do país xermano, Benteheimer – Holz. Doutro lado, alumnos do Máster de Enxeñaría da Madeira (Universidade de Santiago), ampliaron coñecementos na industria europea da madeira en Italia e Austria.

Na expedición galega a Alemaña, organizada por Confemadera Galicia, a patronal do sector na comunidade, participaron unha ducia de empresas interesadas en coñecer as últimas innovacións no traballo da madeira. A crecente dixitalización dos procesos de produción e a xeneralización das interconexións de máquinas intelixentes foron algúns dos eixes centrais de Ligna 2015, feira da madeira de referencia en Europa.

“O obxectivo da viaxe é coñecer as tendencias do mercado global da madeira en materia de procesos e tecnoloxía, así como coñecer as condicións en que desenvolven o seu traballo os grandes serradoiros do centro de Europa”, apuntou Ana Oróns, secretaria xeral de Confemadera Galicia. Durante a viaxe, a expedición galega mantivo tamén un encontro coa Asociación Alemá de Serradoiros.

Visita dos empresarios a un serradoiro alemá.

Visita dos empresarios a un serradoiro alemá.

A viaxe a Alemaña pechouse cun encontro de Confemadera Galicia coa patronal europea do serrado (EOS – European Organization of the Sawmill Industry) para analizar asuntos como as dificultades da industria europea para o acceso á materia prima, a certificación forestal ou as políticas europeas de promoción da madeira como materia prima de futuro.

Máster da madeira
Os alumnos do Máster en Enxeñería da madeira estrutural (Universidade de Santiago, USC) visitaron, pola súa banda, empresas de referencia en Italia e Austria. As visitas comezaron en Salorno (Italia) na sede de Rothoblaas. As clases analizaron conceptos básicos de construción con madeira, medidas de seguridade na construción, carpintaría tradicional con emprego de maquinaria manual e formación en unións. A continuación, realizáronse visitas a casas con certificación Passivhaus e ao centro tecnolóxico e de investigación, CNR – IVALSA.

En Austria, o protagonismo centrouse na madeira contralaminada (CLT). Julia Ahvenainen, directora da Plataforma de Construción urbana de Stora Enso e Manuel Guaita, director do Máster, impartiron a parte teórica sobre o material. A xornada formativa completouse cunha visita guiada pola fábrica de Stora Enso, onde os alumnos descubriron o proceso e toda a tecnoloxía empregada na fabricación do CLT.

Tamén se visitaron edificacións en madeira con outros usos: residencial, comercial, industrial e público. En colaboración co estudo de arquitectura Nussmüller en Graz, mostráronse as prestacións da madeira na emblemática ponte cuberto Punbrugge ou a moderna Pyramidenkogel, torre de observación máis alta do mundo construída integramente en madeira.

Alumnos do master da madeira durante a viaxe.

Alumnos do master da madeira durante a viaxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información