A Veiga, un concello que procura no monte unha oportunidade de futuro

A Veiga quere dar un pulo ó seu sector forestal polo que valora promover iniciativas como a produción de carbón vexetal con carballos. O alcalde do municipio, Juan Anta, detalla algunhas das propostas que están estudando

A Veiga, un concello que procura no monte unha oportunidade de futuro

Vista dos montes da Veiga, onde predomina o bosque autóctono e as plantacións de piñeiro.

Cos seus 290 quilómetros cadrados, A Veiga, na comarca de Valdeorras, é o municipio con maior superficie da provincia de Ourense. Boa parte desta extensión é monte, polo que para a administración local, o forestal é un sector no que procurar oportunidades. Nos últimos anos están a valorar a posta en marcha de iniciativas neste eido que ofrezan unha alternativa ós veciños. Algunhas das propostas que estudan son novidosas nesta zona, como é o caso da produción de carbón vexetal con rebolos.

Como boa parte de Galicia, A Veiga leva tempo sufrindo o despoboamento e avellentamento dos territorios rurais, pasando dos case 1.450 veciños no ano 2000 a ter pouco máis de 900 no 2017. Por iso, Juan Anta, alcalde dende o 2015 apunta a que “é preciso ordenar o territorio, vertebralo e poñelo en valor”. Ese foi o punto de partida e o motivo polo que encargaron un estudo, hai arredor de oito meses, á Universidade de Santiago para avaliar os seus montes e co que detectar as súas potencialidades.

Predominan os carballos

Arredor de 10.000 hectáreas de carballos e unhas 3.000 hectáreas de piñeiro conforman o bosque predominante neste municipio ourensán. Porén, A Veiga apenas conta na actualidade con actividade no eido forestal. Unha das alternativas que valoran, presentadas nun estudo realizado pola empresa Asefor, é a produción de carbón vexetal a base de madeira de carballo. “É unha actividade novidosa para A Veiga pero que está a ser rendible noutros países”, indica Anta.

“Cada iniciativa hai que estudala no territorio sen pretender homoxeneizar o rural galego”, Juan Anta

A produción de carbón foi tamén unha actividade cunha fonda tradición noutras zonas de Galicia, sobre todo na provincia de Lugo. Enfocados durante anos en abastecer a demanda dos ferreiros, os carboeiros foron cada vez indo a menos. Porén, na Veiga, lonxe deste enfoque, propoñen unha produción de carbón vexetal centrada nas demandas actuais.

“É unha opción máis. Agora estamos vendo se hai algún veciño ó que poida interesarlle apostar por ela para comezar a valorala dun xeito máis detallado”, comenta Anta. “Cada iniciativa hai que estudala e analizala no territorio, o que funciona nun sitio non ten porque ser a alternativa axeitada para outros. O que non se pode é homoxeneizar o rural galego”, afirma.

Xestionar o monte

Xunto cos carballos, os piñeiros son outras das árbores predominantes.“As plantacións de piñeiro son moi antigas e parte dos nosos esforzos céntranse en buscar opcións coas que mellorar a súa produtividade”, incide Anta. A meirande parte destas plantacións están asentadas en montes veciñais e xestionadas por comunidades en mancomún.

“Hai un traballo moi importante por facer con estes montes veciñais para que sexan unha alternativa rendible para os veciños. Os beneficios do monte teñen que reverter nos veciños que viven aquí, os están traballando e apostan por eles. Os montes veciñais en mancomún teñen que xerar moita máis riqueza da que producen hoxe”, reivindica. A Veiga conta con 20 comunidades de montes veciñais que xestionan preto do 53% da superficie do concello, arredor dunhas 15.400 hectáreas, destinada tanto para usos forestais como para un aproveitamento gandeiro.

Máis do 50% da superficie do Concello está xestionada por comunidades de montes veciñais

Neste último ano xurdiron na Veiga dúas empresas centradas na xestión e desbroce do monte que Anta ve como unha oportunidade no camiño de facer destes montes veciñais un espazo máis produtivo. “Estas dúas empresas van tentar xestionar o monte en mancomún”, comenta Anta. Con estes montes en mancomún, dende o Concello buscan unha colaboración para “que non só se trate de vender ou malvender uns piñeiros senón que se xestione o monte para que realmente se pague un prezo axeitado por esa madeira e os cartos do monte queden no territorio”, reafirma Anta.

Ademais, dende a administración local, tamén están procurando xerar nova actividade no sector agroforestal mediante obradoiros locais con empresas deste sector, de xeito que poidan optar a axudas supeditadas á contratación de persoal. Tamén contemplan bonificacións nas taxas dos autónomos.

Oportunidades con novas plantacións

Á par das plantacións actuais, outra das oportunidades no ámbito forestal que valoran dende o Concello céntrase en novas plantacións nun proxecto que están estudando co grupo empresarial ourensán Coren. Aínda que polo do momento non está concretado, entre as opcións que barallan figuran plantacións de oliveiras ou castiñeiros, cuxos detalles concretarán nos próximos meses.

Este Nadal, a decoración foi elaborada con madeira.

Este Nadal, a decoración foi elaborado con madeira.

Outro dos proxectos que se valoran para o aproveitamento do monte é a micoloxía e a produción de froitos silvestres.

Namentres estudan estas alternativas para o seu sector forestal, tamén reivindican de xeito simbólico a importancia dos seus montes e da súa madeira con iniciativas divulgativas e lúdicas. Unha das últimas foi o emprego de adornos de Nadal elaborados con madeira, que conformaron a decoración das rúas da vila na pasada campaña.

Plantacións específicas para a produción de mel

Nos próximos meses, o Concello acometerá tamén plantacións específicas centradas en favorecer a produción de mel nestes montes. En concreto, contemplan plantar tanto arbustos como árbores autóctonas melíferas preto dos apiarios dos produtores do municipio. “Aínda está por concretar pero, barallamos realizar plantacións de especies como o sanguiño, o romeu ou lavanda, entre outras”, explica Raquel Rodríguez, enxeñeira agrícola municipal, encargada do asesoramento ós gandeiros e produtores. Polo momento, as plantacións realizaranse nunhas preto de 40 fincas de distintas dimensións, que serán determinantes á hora de plantar unhas ou outras especies.

Mel de Trevinca.

Mel de Trevinca.

A produción de mel foi o primeiro proxecto que impulsaron dende o concello e co que están a obter xa resultados. Así, nun municipio no que non quedaban case apicultores pasouse a que, en apenas dous anos, se contabilízasen xa 18 produtores que lograron unha produción no 2018 de 10.000 quilos.

Trátase dun proxecto respaldado e tutelado polo Concello que, á par da formación, tamén se encargou das infraestruturas para sacar adiante esta iniciativa. “Somos dos concellos que máis aposta pola formación. Só no último ano impartíronse 18 cursos formativos, boa parte deles centrados na apicultura”, recorda Anta. O Centro Apícola de Prada, cunha inversión de 135.000 euros aportados pola Consellería de Medio Rural e a Deputación de Ourense, é un dos espazos creados para os apicultores, onde extraen, almacenan e etiquetan o seu propio mel baixo a marca Mel Montaña de Trevinca.

En só dous anos, a Veiga pasou a contar con 18 apicultores que comercializan o mel baixo unha marca propia da Veiga

Outra das instalacións municipais destinadas tanto ó sector apícola como a calquera produtor da zona é o Centro de Comercialización, un espazo de venda directa “para evitar que os produtores perdan beneficios polos intermediarios”, concreta Anta. Este centro supuxo unha inversión de 98.000 euros financiada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e o Concello. “Todo isto permite pór en valor a produción. Pasouse de vender o mel a granel a 3 euros, a comercializalo etiquetado a un prezo de entre 8 e 10 euros”, concreta Anta.

Centro de comercialización de produtos agroforestais.

Centro de comercialización de produtos agroforestais.

Ademais das infraestruturas, ós apicultores subvenciónanlles, con fondos municipais, todo o procedemento de produción, dende as colmeas iniciais, os botes ou a formación para comercializar o mel baixo a marca que é propiedade do Concello.

Combater os incendios

A limpeza do monte é outro dos aspectos no punto de mira da administración local, co fin de reducir o risco de incendios. “Coa superficie que temos na Veiga non é asumible desbrozar e manter limpo todo
o monte se non lle damos valor e o facemos rendible”, reafirma o alcalde. Porén pese a que están a realizar desbroces, na maioría dos casos en colaboración cos gandeiros e produtores da zona para favorecer a súa actividade, tamén levan a cabo unha campaña para que os particulares manteñan limpas as zonas de maior risco de incendio.

“A loita contra os incendios é unha labor que temos que facer entre todos, temos que implicar a tódolos veciños”, apunta Anta. No último ano enviaron máis de 300 notificacións para que os propietarios mantivesen limpas fincas para reducir o risco de incendios. Nos último seis anos, A Veiga, foi un dos concellos da provincia con menor incidencia do lume.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información