Variedades de castiñeiro e portaenxertos para as distintas zonas de Galicia

Unha guía editada por Lourizán ofrece recomendacións para a elección axeitada das árbores en función de factores como a ubicación xeográfica ou a resistencia ó mal da tinta

Variedades de castiñeiro e portaenxertos para as distintas zonas de Galicia

O traballo de Lourizán evalúa preto dunha vintena de variedades autóctonas que producen castaña de calidade.

As árbores dos soutos tradicionais adoitan ser enxertos de variedades autóctonas do castiñeiro europeo (Castanea sativa) sobre patróns da mesma especie. Esas variedades, noutrora de carácter comarcal, están difundíndose agora para a instalación de novas plantacións en distintos puntos de toda Galicia, polo que convén ter en conta como se adapta cada variedade a cada zona para facer a elección correcta. Outro factor a ter en conta é a resistencia a enfermidades como o mal da tinta das raíces (causada polo fungo Phytophthora cinnamomi) ou o cancro da casca (ocasionada por Chryphonectria parasitica).

A ‘Guía de cultivo do castiñeiro para a produción de castaña’, editada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán coa coordinación de Josefa Fernández, ofrece unha serie de recomendacións –que pasamos a resumir- sobre as variedades e sobre os patróns para enxertos. A primeira cuestión a ter en conta é a ubicación xeográfica da plantación. A maior parte do territorio de Galicia conta cun clima propicio para o castiñeiro, con chuvias e temperaturas medias moderadas, pero cada zona presenta características máis axeitadas para determinadas variedades.

División de Galicia en zonas xeográficas
O traballo de Lourizán opta por dividir Galicia en catro zonas: zona I (Atlántica, a máis próxima á costa, sen seca estival e de temperaturas suaves), zona II (Interior norte e centro e serras da dorsal galega, con algo máis de seca estival e temperatura máis fría), zona III (Val do Sil e depresións do sur, con periodo de seca superior a dous meses) e zona IV (serras orientais de Lugo e do sur e sureste de Ourense, de clima máis frío e con certa seca estival).

Mapa de zonas con características diferentes para o castiñeiro.

Mapa de zonas con características diferentes para o castiñeiro.

Gran parte dos soutos, máis do 80%, atópase nas zonas II e IV, caracterizadas por ter máis de 1.000 horas de frío (suma das horas por baixo dos 7º centígrados entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril) fronte ás 600-800 horas da Galicia atlántica. Esas condicións de frío semellan favorecer a produtividade e sanidade das castañas, se ben a Galicia atlántica presenta tamén condicións axeitadas para o desenvolvemento dos castiñeiros.

Resistencia ó mal da tinta
O clima de Galicia é apropiado para o castiñeiro pero tamén para o crecemento óptimo do fungo que causa o mal da tintas das raíces, un problema que presenta especiais riscos nas zonas de temperaturas máis elevadas, como as próximas ó mar (zona I). De aí, a importancia de empregar árbores resistentes ó mal da tinta, sobre todo na zona I e en menor medida canto máis afastados esteamos do mar. As zonas con temperaturas máis baixas, como a montaña de Lugo ou as serras ourensás, están tradicionalmente exentas da enfermidade.

Dado que as distintas variedades de castiñeiro europeo non son resistentes ó mal da tinta, cómpre botar man de portaenxertos híbridos entre castiñeiro europeo e castiñeiro xaponés (Castanea crenata) ou chinés (Castanea mollissima) para facer fronte ó problema. Sobre os portaenxertos, hai que facer tamén unha elección axeitada tendo en conta factores como as posibles incompatibilidades coas variedades a enxertar ou a súa menor resistencia ó frío e á seca.

Características produtivas e de calidade das variedades

A guía editada por Lourizán describe as características de preto dunha vintena de variedades habituais en Galicia, tanto das que se están cultivando en zonas amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia como doutras variedades tradicionais apreciadas nas súas zonas de cultivo.

Algúns dos aspectos analizados son a data de brotación e de produción, o tamaño da castaña e a produtividade da árbore, entre outras cuestións.

Brotación
As variedades estudadas presentan características diversas de brotación que as fan máis axeitadas para unhas ou outras zonas climáticas.
– Variedades de brotación temporá: Luguesa.
– Variedades de brotación media: Branca, De Parede, De Presa, Inxerta, Loura, Negral, Raigona, Rapada, Ventura, Picona e Puga de Afora.
– Variedades de brotación serodia: Amarelante, Famosa, Garrida e Longal.

Datas de produción
– Variedades temporás ou de cedo: Luguesa, Negral, Ventura.
– Variedades con data de produción media: De Parede, De Presa, Inxerta, Loura, Raigona, Rapada, Picona e Puga de Afora.
– Variedades con data de produción serodia: Amarelante, Branca, Famosa, Garrida e Longal.

Tamaño da castaña
– Castaña pequena: De Parede, Loura, Rapada, Ventura e Puga de Afora.
– Castana mediana: Amarelante, Branca, Longal, Luguesa, Negral, Raigona, Picona.
– Castaña grande: De Presa, Famosa, Garrida, Inxerta e Xudía.

Cada variedade produce castañas particulares.

Cada variedade produce castañas de características diferentes.

Produción de castaña
– Variedades moi produtivas (máis de 18 kg./árbore): Branca, De Parede, Raigona e Rapada.
– Variedades produtivas (entre 12 e 18 kg./árbore: Amarelante, Famosa, Luguesa, Negral, Ventura e Picona.
– Variedades de produción media (entre 6 e 12 kg./árbore): Loura, Puga de Afora.
– Variedades de baixa produtividade: De Presa, Garrida, Inxerta e Longal.

Conservación
Fíxose unha proba no ano 2009 de conservación de 3 quilos de cada variedade nun almacén escuro durante un mes. En función da porcentaxe afectada por fungos de podremia, clasificáronse as variedades:

– Moi boa conservación: Amarelante, De Parede, Longal, Negral e Raigona.
– Boa conservación: Branca, Garrida, Inxerta, Loura, Luguesa, Rapada, Ventura, Picona e Puga de Afora.
– Mala conservación: De Presa, Famosa.

Características dos polinizadores
Nos soutos tradicionais non son frecuentes os problemas de polinización debido á presenza de árbores bravas mesturadas coas enxertadas. En soutos novos, non obstante, si pode ser convinte a presenza de árbores polinizadoras, xa que os castiñeiros precisan de pole dunha variedade distinta á propia.

Entre as variedades que se aconsellan como polinizadoras, pola cantidade de pole que producen, figuran a Serodia e a Picona (as máis temporás), a Negral (intermedia) e a Rapada (algo máis tardía). Nas probas realizadas coas variedades galegas comprobouse tamén que as variedades Serodia, Picona e Negral teñen boa compatibilidade coas distintas árbores, obténdose os mellores resultados, en xeral, coa Serodia e a Picona.

Os portaenxertos
Nas zonas nas que o mal da tinta ten probabilidade de causar máis danos, convén empregar portaenxertos híbridos resistentes que sexan compatibles ó enxerto coas variedades tradicionais. Os clons máis probados, segundo a guía editada por Lourizán, son os que levan por número 7521, 11, 1482, 1483, 2671, 760 e 125. Outros clons dispoñibles nos viveiros sobre os que hai información de certa compatibilidade son os 3, 7810, 90025, 324 e 592.

Variedades recomendadas

As variedades propostas para novas plantacións en Galicia orientadas á produción de castaña son as seguintes:

– Zona I (Galicia atlántica): Recoméndase a variedade De Parede para produción de castaña pequena e de bo pelado, ou a variedade ‘Luguesa’ para tamaño grande. Como polinizadores, aconséllanse as variedades Serodia e Picona.
– Zona II (interior norte e centro e dorsal galega): De Parede, e de tamaño máis grande Luguesa, Ventura e Garrida. Recoméndanse como polinizadores Picona, Negral e Serodia.
– Zona III (val do Sil e depresións do sur): Amarelante e Raigona, con polinizadores de Negral ou Serodia.
– Zona IV (serras orientais e do sur): Amarelante, Famosa, Longal, Ventura e Xudia. Como polinizador, a Negral.

Portaenxertos recomendados
Como patrón dos enxertos, hai o dilema de empregar planta de Castenea sativa, o patrón de sempre, con afinidade ó enxerto e adaptación climática pero sensible ó mal da tinta; ou un clon híbrido, resistente ó mal da tinta pero con máis problemas de compatibilidade e adaptación. Estas son as recomendacións da guía de Lourizán:

– Zona I (Galicia atlántica): Recoméndanse sempre patróns híbridos resistentes ó mal da tinta, como os clons 7521, 111 e1482.
– Zona II (Interior norte, centro e dorsal galega): Proponse o emprego de clons con certa resistencia ó frío (7521, 2671 e 3) ou patróns de sementes de Castanea sativa.
– Zona III: recoméndase o 7521, con certa resistencia á seca estival ou o Castanea sativa de sementes.
– Zona IV: recoméndanse principalmente portaenxertos de Castanea sativa.

[Máis información]Plantación e coidado do souto para a produción de castaña

2 ideas sobre “Variedades de castiñeiro e portaenxertos para as distintas zonas de Galicia

  1. Xosé

    Boas, a parroquia de Castilla, no concello de Santa Comba, atópase na Zona 1 ou 2? Cal deles sería o mellor e resistente te?híbrido ou inserto?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información