Uns 5.000 escolares galegos participarán nos actos do Día Internacional dos Bosques

Uns 5.000 escolares galegos participarán nos actos do Día Internacional dos Bosques

Tomás Fernández Couto na presentación dos actos da Consellería do Medio Rural

Uns 5.000 escolares de toda Galicia prevese que participen nas actividades programadas pola Consellería do Medio Rural con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se celebrará, como todos os anos, o vindeiro 21 de marzo. A Organización das Nacións Unidas instituíu esta xornada para poñer de manifesto a importancia destes ecosistemas e sensibilizar á poboación sobre a necesidade da súa axeitada protección, ordenación e fomento.

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, explicou esta mañá en rolda de prensa os detalles desta programación e indicou que a Xunta se suma a este evento para chamar a atención sobre a riqueza ambiental, económica e social do monte, así como sobre a necesidade de promover o seu aproveitamento sustentable.

Fernández-Couto sinalou que o Goberno galego organizou máis de 60 actividades en medio cento de colexios da comunidade, que terán lugar entre os días 16 e 23 de marzo. Trátase, fundamentalmente, de charlas divulgativas e plantacións de árbores por parte dos alumnos, a maior parte delas autóctonas.

Estas iniciativas complementaranse con outras accións enfocadas cara as persoas maiores, así como con demostracións con motobombas e helicópteros de loita contra os incendios, obras de teatro, lectura de poemas ou xogos populares centrados na temática forestal. Engadiu que o programa céntrase nos máis cativos, porque “eles son os xestores de futuro da nosa riqueza forestal”.

Segundo dixo o director xeral, este programa desenvolverase nos dezanove distritos forestais nos que se distribúe Galicia, co seguinte reparto provincial: Na Coruña haberá oito charlas e outras tantas plantacións en 13 colexios; en Lugo serán 11 as charlas e o mesmo número de plantacións en 10 centros educativos; Ourense acollerá catro conferencias e seis plantacións nun total de 19 colexios e en Pontevedra impartiranse sete charlas e levaranse a cabo idéntico número de plantacións en oito colexios da provincia. Así pois, son 30 as charlas programadas e 32 as plantacións previstas, nun total de 50 centros educativos.

Galicia, potencia forestal

Na súa intervención, Fernández-Couto lembrou a vocación “claramente forestal” de Galicia, xa que ata o 66% do seu territorio ten este uso. “A nosa comunidade, -engadiu- conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de monte e está considerada a novena potencia europea neste eido”. Ademais, lidera as cortas de madeira en España, xa que máis da metade da madeira que se corta no territorio español procede de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información