Unha xornada abordará en Vigo o redeseño do monte periurbán para a defensa contra incendios

A Asociación Forestal de Galicia organiza este sábado 10 de novembro unha xornada técnica para abordar a transformación do monte no entorno dos núcleos de poboación. Será no Centro Veciñal e Cultural de Valadares

Unha xornada abordará en Vigo o redeseño do monte  periurbán para a defensa contra incendios

Lume no municipio de Baiona. / Arquivo.

A vaga de lumes de hai un ano deixou tras de si unha catástrofe que obriga a propietarios forestais e xestores a redeseñar o monte con novos criterios, de cara a reducir o impacto de posibles lumes nos entornos de núcleos de poboación. Co obxectivo de abordar ese necesario redeseño do monte periurbán, a Asociación Forestal de Galicia organiza este sábado 10 de novembro unha xornada en Vigo na que participarán técnicos, investigadores e responsables políticos.

A xornada desenvolverase na mañá do sábado no Centro Social e Cultural de Valadares (Camiño do Pedregal, 6) a partir das 10.45 horas. A sesión comezará con ponencias orientadas a enmarcar o monte nas ideas de bioeconomía e multifuncionalidade, pois o colectivo entende que o monte cómpre entendelo como un conxunto de recursos e servizos á sociedade (biodiversidade, paisaxe, auga, madeira, froitos, biomasa, etc.), que ademais deberá funcionar como un axeitado sistema de defensa contra incendios.

Faixas de protección e o proxecto do Anel Verde de Vigo
No redeseño do monte para mellorar a protección dos núcleos de poboación, terá un papel relevante a creación de faixas protectoras no entorno dos núcleos de poboación. Por iso, unha parte da xornada técnica adicarase a falar sobre o deseño das faixas protectoras e os tratamentos silvícolas a realizar nelas. Expoñeranse as conclusións dos estudos realizados polos investigadores co obxectivo de definir as características das que sexan máis efectivas contra o lume.

A política forestal ten tamén unha especial importancia no proceso de transformación do monte que se sitúa no entorno dos núcleos de poboación, polo que se programaron exposicións dos proxectos cos que se está a traballar tanto a nivel galego coma no caso concreto do Anel Verde promovido polo Concello de Vigo. Contarase para iso cunha exposición do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, e coa participación dun técnico do Concello de Vigo.

O evento, que está organizado pola Asociación Forestal de Galicia en colaboración con Montes de Vigo, forma parte do proxecto Biotecfor, financiado polo Programa Interreg España – Portugal. A asistencia á xornada é gratuita, pero é precisa a inscripción previa no e-mail afg (arroba) asociacionforestal.org ou nos teléfonos 986 660 864 ou 981 564 011.

Programa

10.45h. – Acto inaugural.

11.00 h. – O futuro do monte veciñal aplicando criterios de bioeconomía.
Xosé Covelo Míguez. Director técnico da Asociación Forestal de Galicia

11.20 h. – O monte multifuncional como sistema de defensa contra incendios.
Juan Picos Martín. Director da Escola de Enxeñaría Forestal. Universidade de Vigo

11.45 h. – Anel verde de Vigo.
Álvaro Crespo Casal. Enxeñeiro técnico municipal do Concello de Vigo.

12.10 h. – Os tratamentos preventivos e a xestión da biomasa nas faixas de prevención contra incendios.
José María Fernández Alonso. Investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Consellería do Medio Rural

12.35 h. – O monte periurbán na revisión do Plan Forestal de Galicia.
Tomás Fernández-Couto Juanas. Director xeral de Ordenación e Produción Forestal

13.00 h. – Coloquio.
Moderador: Carlos Hermida García, ex- vicepresidente da Asociación Forestal de Galicia.

13.30 h. – Clausura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información