“Unha Sofor é o mellor polígono industrial para o interior de Galicia”

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, pronostica a expansión das sociedades de fomento forestal, que agrupan a pequenos propietarios particulares para a xestión conxunta das súas parcelas

“Unha Sofor é o mellor polígono industrial para o interior de Galicia”

Á dereita, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto.

En Galicia, as parcelas forestais privadas presentan un escaso tamaño que ronda os 2.000 metros cadrados de media. Ese minifundio dificulta o aproveitamento do monte, polo que desde hai anos búscanse fórmulas para crear agrupacións de propietarios que fagan unha xestión conxunta. A figura das Sociedades de fomento forestal (Sofor), creada hai 5 anos, persegue ese obxectivo. Polo de agora hai 5 en funcionamento e a Xunta pronostica que o 2018 rematará cunhas 20 en marcha.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, advirte dos perxuicios que xera o minifundio forestal en Galicia. “O monte galego ofrece unha rentabilidade moito más reducida da que pode producir. Un dos motivos é que o custo de mecanización das cortas repercute directamente no prezo da madeira. Calcúlase que é precisa a corta de 10 hectáreas para evitar que ese custo lle afecte ó propietario”, destaca Fernández Couto.

“Dise que a madeira de piñeiro non ten valor. Non vale se non ten calidades nin cantidades” (Tomás Fernández Couto)

Outro problema radica nas calidades da madeira. “Con parcelas de 2.000 metros non se poden facer podas nin silvicultura. Dise que a madeira de piñeiro non ten valor. Non vale se non ten calidades nin cantidades. A madeira de piñeiro ten valor. Hai barcos saíndo de Galicia con madeira de rolla de piñeiro para China, así que terá valor”, subliñou Fernández Couto nunha recente xornada en Melide, organizada pola Asociación Agraria de Galicia (sucesora de Asaja Galicia).

Abandono
O escaso tamaño das parcelas non só dificulta o seu aproveitamento produtivo, senón que a miúdo o problema radica en que o propietario saiba onde están. “O abandono e a desvinculación das familias do monte está medrando”, recoñece o director xeral. “É frecuente que nas herdanzas se deixe o monte sen repartir porque non se sabe onde están as parcelas e pénsase que é máis un problema que un beneficio”.

“É frecuente que nas herdanzas se deixe o monte sen repartir porque non se sabe onde están as parcelas”

Perspectivas
Ante ese escenario, Fernández Couto avoga por potenciar a creación de sociedades de fomento forestal, que permiten agrupar a xestión das pequenas parcelas. Polo de agora hai 5 Sofor constituídas en Galicia, todas elas con superficies que rondan como mínimo as 100 hectáreas. Para este ano, o director xeral calcula que se crearán outras 5 e o 2018 pronostica que rematará cunhas 20 constituídas. “Unha Sofor é o mellor polígono industrial que pode ter un concello do interior de Galicia”, defende.

As sociedades de fomento forestal poden ter orientacións produtivas diversificadas: madeira, pastos, produción de castañas e outros. O obxectivo é mellorar a rendibilidade dos aproveitamentos. “Se unha Sofor ten 300 hectáreas de piñeiro, pode cortar unhas 10 hectáreas o ano, o que pode representar 3.500 toneladas de madeira de calidade. Con ese volume xa se pode ir ó mercado, pero hai que pensar máis alá. Chegará un día no que haxa en Galicia 100 Sofor e se esas Sofor estivesen agrupadas nunha cooperativa, poderían vender en conxunto decenas de miles de toneladas ó ano”.

Contexto
As boas perspectivas que anuncia Fernández Couto para as Sofor chocan co seu escaso desenvolvemento nos últimos anos. Desde o sector forestal e desde os grupos da oposición considérase que as Sofor son unha figura con escaso percorrido, entre outras cuestións por unha fiscalidade que penaliza ós propietarios. Deféndese a busca de fórmulas alternativas para promover o asociacionismo forestal, unha necesidade na que si hai consenso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información