Unha procesadora forestal máis adaptable ao terreo, premio de Innovación en Galiforest

O xurado concedeulle o máximo galardón do certame á procesadora Komatsu 901 XC de 8 rodas, presentada pola empresa Hitraf, de Vila de Cruces. Outorgáronse tamén dúas mencións a un camión astillador, presentado por Motogarden, e a unha procesadora de Forest Pioneer

Unha procesadora forestal máis adaptable ao terreo, premio de Innovación en Galiforest

Entrega do primeiro premio do certame á empresa Hitraf pola procesadora forestal Komatsu 901.

A procesadora forestal Komatsu 901 XC, comercializada pola empresa Hitraf (Vila de Cruces), vén de facerse co primeiro premio do certame de Innovación da feira Galiforest, que se celebra ata o sábado en Sergude (Boqueixón). O xurado destacou a capacidade da procesadora para adaptarse a terreos irregulares de xeito estable, o que a fai propicia para o monte galego.

A máquina galardonada conta cunha articulación central ríxida e un eixo traseiro oscilante sobre o que se montan as rodas. Esa configuración, xunto cos cilindros de inclinación da cabina, confírenlle á procesadora Komatsu unha maior estabilidade e eficacia na súa adaptación ás irregularidades do terreo.

Camión astillador
No certame de innovación de Galiforest tamén se concederon dúas mencións, sendo unha delas para o camión astillador Heizohack HM 14-860 KL, presentado por Motogarden (Oroso, A Coruña).

Este vehículo une nunha mesma máquina o transporte, alimentación e o astillado, sendo a súa principal diferencia con respecto á oferta existente no mercado o incremento substancial do diámetro de corte e a produción, xa que permite trocear todos os residuos de madeira, como listóns, vigas, leña, podas ou troncos cun diámetro de ata 80 centímetros.

Procesadora híbrida
A outra mención concedeuse á procesadora forestal híbrida Logset 12H GTE Hybrid, presentada por Forest Pioneer (Irún, Guipúzcoa). Esta máquina incorpora tecnoloxía híbrida, xa implantada noutros sectores pero de nova incorporación no sector da maquinaria forestal. Consta dun motor eléctrico de 210CV que, combinado cun motor de 300CV de combustión interna, proporciona unha gran potencia de 510CV, reducindo ao mesmo tempo as emisións de C02 entre un 15 e un 30%.

Os premios foron entregados esta tarde pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante o percorrido de inauguración da feira. Ademais das máquinas galardoadas, concorreron ao certame dous cabezais taladores, un centro de produción de leña para queima, unha raxadora horizontal progresiva, un sistema de embalaxe de leña, unha trituradora híbrida e dous tipos de pneumáticos forestais.

As innovacións participantes foron examinadas esta mañá por un xurado conformado por sete expertos pertencentes a outras tantas institucións e entidades. Foron Raúl Rodríguez, técnico da Axencia Galega de Innovación (GAIN); Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia (FEARMAGA); Alejandro Arias, membro da xunta directiva da Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (SERFOGA); Enrique Martínez, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; Patricia González, xerente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia; Pablo Vila director do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela) e Juan J. Isorna, xefe de explotación do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información