Un segundo barco de piñeiro consolida a ruta de exportación a Asia

A operación comercial, consistente nun buque con 35.000 toneladas cargadas en Ferrol, foi executada polas firmas Global Timber Trading e Explotaciones Forestales Rudive

Un segundo barco de piñeiro consolida a ruta de exportación a Asia

Carga do buque 'Feyha' con 35.000 toneladas de piñeiro galego.

O Porto Exterior de Ferrol acolleu estes días unha operación de carga de 35.000 toneladas de tronco de piñeiro galego con destino a Asia. É o segundo envío destas características que se acomete en Galicia, tras o realizado o pasado verán, e hai perspectivas dunha ruta regular para comercializar o piñeiro galego en Asia. Unha das sociedades que participa na exportación, Global Timber Trading, sinala que a súa idea é a de cargar un buque cada dous meses.

O segundo envío que se realiza a Asia, nesta ocasión no buque ‘Feyha’, consiste en piñeiro insigne procedente na súa maioría da provincia de Lugo. “Interésanos o piñeiro insigne pola súa rectitude. Tanto no anterior envío -de 27.000 toneladas- como neste tamén mandamos unha mínima parte de piñeiro silvestre, que é igualmente válido, pero o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) non nos interesa porque adoita presentar peor forma”, explican desde Global Timber Trading, unha firma especializada no comercio internacional con sedes en Madrid e Shangai.

O barco parte con destino a Singapur, se ben futuros envíos poden dirixirse a outros países do Pacífico

A operación de envío a Asia contou coa participación de Explotaciones Forestales Rudive (Guitiriz, Lugo), que se encargou do aprovisionamento da madeira. O envío inclúe todo tipo de diámetros de tronco, tanto para usos de serra como para trituración.

As perspectivas das dúas firmas que lideraron este envío é a de executar novas operacións nos próximos meses. “En principio queremos enviar un barco cada dous meses, sempre e cando o tempo o permita, pois este envío retrasouse polas dificultades do traballo en monte durante o inverno”-sinalan desde Global Timber Trading.- “Este buque parte con destino a Singapur, pero os próximos poden ir para outros países da zona, como Xapón ou Corea do Sur”, apuntan en Global Timber, a empresa que mantén contacto cos importadores asiáticos.

Mercado
A venda de madeira de piñeiro a Asia constitúe un alivio para o mercado galego que, polas circunstancias dos últimos anos e por factores coma os lumes, acusa de xeito periódico unha certa ralentización das cortas en verde. De chegar a consolidarse un envío cada dous meses destas características, as vendas a Asia poderían chegar a representar arredor do 5% piñeiro cortado en Galicia cada ano.

A carga do segundo buque con destino a Asia foi realizado pola emrpesa estibadora Terminales Marítimos de Galicia (Tma), unha das principais da comunidade. Desde a Autoridade Portuaria de Ferrol destacan que este buque supón un fito, pois trátase do maior envío de piñeiro realizado a China desde Galicia.

As sociedades exportadores contaron desde o inicio co asesoramento e financiación do Banco Pastor (Popular) para xestionar con garantías esta operación.

Porto Exterior de Ferrol
O Porto Exterior de Ferrol, con 20 metros de calado e 1.500 metros de muelle, permite este tipo de embarques de gran magnitude. A instalación xa viña sendo utilizada de xeito habitual polas firmas lusas exportadoras de eucalipto a Portugal e a súa ubicación preséntase tamén axeitada para a carga de piñeiro con destino a Asia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información