Trinta e catro Concellos acometerán este verán franxas de protección contra o lume

Medio Rural comezou charlas informativas con veciños de Carballo, Boborás e Soutomaior, tres dos municipios prioritarios nas labores de prevención. O sector forestal agarda un cambio normativo que permita medidas “prácticas e realistas”

Trinta e catro Concellos acometerán este verán franxas de protección contra o lume

Fincas rozadas en Camariñas que antes estaban ocupadas por eucaliptos e piñeiros. / Arquivo.

A creación das franxas de protección contra o lume constitúe un asunto fundamental en 68 parroquias de 34 Concellos galegos (Lista embaixo). Medio Rural e os propios Concellos identificaron estas parroquias como prioritarias ben pola reiteración de lumes que sufriron nos últimos anos, ben pola dimensión dos mesmos ou pola perigosidade que representaron para a poboación. A Xunta, en colaboración cos Concellos, xa iniciou reunións informativas cos veciños en tres destes municipios (Boborás, Carballo e Soutomaioir) para ofrecerlles a roza das súas fincas por medio do sistema público de xestión de biomasa, contratado con Seaga.

“Nas parroquias prioritarias, atopamos boa disposición dos titulares dos terreos a acometer a xestión da biomasa das súas parcelas” (Medio Rural)

Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaran o pasado ano a xestión das franxas de protección por medio dun contrato coa empresa pública Seaga, que lle oferta ós veciños dos municipios prioritarios a roza das súas fincas a un custo bonificado de 350 euros por hectárea, inferior ó do mercado. As primeiras reunións para ofrecerlle ós veciños contratos de xestión da biomasa das súas fincas xa se realizaron nas últimas semanas en Boborás (Ourense), Soutomaior (Pontevedra) e Carballo (A Coruña).

Tralas reunións, a Xunta agarda que os primeiros contratos de roza entre os veciños e Seaga se subscriban en breve e que, unha vez asinados, os traballos de roza comecen de inmediato. “Nas xuntanzas que mantivemos ata agora, apreciamos unha disposición favorable por parte dos titulares dos terreos, pero esta é unha cuestión que se ten que substanciar en cada un dos municipios”, explican desde a Consellería do Medio Rural.

Reunión cos veciños de Soutomaior.

Reunión cos veciños de Soutomaior.

Os técnicos da Consellería teñen previsto continuar as xuntanzas e reunións de traballo en cada un dos Concellos que se definiron como prioritarios. O obxectivo é iniciar en todos eles a creación de franxas de prevención o antes posible. En parte dos casos, a Administración precisa tamén que os veciños están xa acometendo pola súa conta a limpeza das franxas, en tanto outros terreos mantéñense libres de mato pola actividade gandeira e agrícola.

A habilitación de franxas de protección en 68 parroquias de 34 Concellos é un primeiro paso dun traballo que se presenta titánico. Os Concellos que se sumaron ó sistema público de xestión de biomasa superan xa os 200, logo das adhesións dos últimos meses. A Administración está delimitando as franxas de protección dos núcleos de poboación en todos eles e xa ten deseñados 92 plans municipais de prevención de incendios, que inclúen os planos das franxas de 50 metros arredor dos solos urbáns e de núcleo rural.

A maiores, a Xunta está poñendo a disposición dos Concellos un visor dixital que identifica ó titular catastral de cada parcela ubicada nas franxas e que permite imprimir en cadea os correspondentes requerimentos de limpeza de parcelas.

Teléfonos para dar aviso de lumes e de incendiarios
Medio Rural habilitou este ano un número para permitir denuncias anónimas sobre posibles incendiarios. O número é o 900 815 085. Igual que outros anos, tamén estará operativo o número 085 para comunicar calquera alerta de lume.

“Ós propietarios que teñan as súas parcelas nunha franxa tocoulles a ‘china’, iso hai que cambialo”

O obxectivo da Administración é que en tódolos Concellos os propietarios vaian tomando conciencia da necesidade de deixar despexadas as franxas de protección, sen piñeiros, eucaliptos nin mato en 50 metros arredor de vivendas, solo urbán e solo de núcleo rural; en tanto as frondosas deberán manter unha separación mínima de 15 metros a vivendas e de 2 metros a solo de núcleo rural, segundo a normativa vixente.

A dimensión que esixiría tal esforzo é considerado no sector forestal “falto de realismo e pouco práctico”, pois obrigaría a rozas e cortas en arredor de 150.000 hectáreas arredor dos núcleos de poboación, sen ter en conta as medidas de prevención en torno a vías de comunicación.

A Asociación Forestal de Galicia propón unha comarcalización das medidas, cambios na Lei do Solo e maior financiación pública da prevención

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) trasladoulle a Medio Rural a necesidade dunha comarcalización das medidas de prevención que teña en conta o historial de lumes de cada territorio e os distintos riscos que presentan. O colectivo propúxolle á Xunta a reducción das franxas de protección naquelas zonas con menores riscos, en tanto noutras zonas recoñece que mesmo se poderían ampliar se fose preciso.

A AFG avoga ademais por unha modificación da Lei do Solo que obrigue ós promotores de toda nova edificación a xestionar a biomasa no seu entorno, ben coa compra do terreo preciso, ben por medio dun convenio cos titulares das terras. Os propietarios forestais consideran que en Galicia existe un desorde urbanístico que está detrás de moitos dos problemas que se plantean agora na protección das vivendas fronte ó lume, pois nas últimas décadas construíronse edificacións á beira do monte sen que as normativas urbanísticas se preocupasen de esixirlle ós promotores medidas de protección contra o lume.

Financiación das rozas
Un terceiro punto de discrepancia radica na financiación das rozas. O sistema público de xestión da biomasa márcase o obxectivo de rozar arredor de 4.000 hectáreas ó ano a un custo bonificado de 350 euros. O resto do territorio quedaría no mercado, a custos que no caso das rozas manuais poden superar os 1.000 euros por hectárea.

“Son custos que non poden recaer no propietario forestal ó que lle toca a china de que a súa parcela estea nunha franxa de protección. Isto é como se o custo da limpeza das beirarrúas na cidade tivese que recaer sobre os veciños que viven no baixo dos edificios. Ten que haber un sistema público de xestión da biomasa financiado con cartos públicos”, valoran na Asociación Forestal de Galicia.

A Xunta polo de agora confirmou no Parlamento que vai modificar novamente a Lei de Prevención de Incendios, pero queda por saber en que sentido o vai facer. Entre tanto, as noticias que aparecen nos medios sobre posibles multas da Administración no caso de parcelas sen rozar preocupan entre os propietarios forestais, que se amosan inquedos ante a posibilidade de sancións.

Reunión de Medio Rural cos veciños de Osmo, en Cenlle.

Reunión de Medio Rural cos veciños de Osmo, en Cenlle.

Promoción da actividade agrogandeira nas franxas de protección

Naquelas parcelas sen uso arredor dos núcleos de poboación, a Consellería tratará de promover a actividade agrogandeira. Medio Rural, conxuntamente cos Concellos, entende que esa é a vía para evitar que as franxas de protección se teñan que rozar cada ano, posibilitando ó mesmo tempo base territorial para as explotacións que demanden terra, ben para pastos, cultivo de cereal, horta, froiteiras, castiñeiros, oliveiras ou outros aproveitamentos.

O primeiro núcleo no que se pretende impulsar a actividade agraria na franxa de protección é en Osmo, no concello de Cenlle (Ourense), que dispón de arredor de 20 hectáreas abandonadas na súa franxa de protección, segundo indica Medio Rural, que califica a Osmo como a futura primeira “aldea modelo” de Galicia.


Parroquias prioritarias na xestión da biomasa

A Coruña

Boiro: Boiro (Santa Baia), Cures (Santo André), Macenda (San Xoán).

Carballo: Carballo (San Xoán).

A Coruña: Visma (San Pedro).

Lousame: Tállara (San Pedro).

Porto do Son: Baroña (San Pedro), Caamaño (Santa María), Ribasieira (San Fins), Xuño (Santa Mariña).

Teo: Cacheiras (San Simón de Ons), Calo (San Xoán).

Lugo

Lugo: Bóveda (Santa María), Pedreda (San Vicente), Lugo, Muxa (Santa María).

Sober: Anllo (Santo Estevo), Doade (San Martiño).

O Incio: Vilasouto (San Mamede), Foilebar (Santa María), Toldaos (Santiago).

Ribas de Sil: Peites (San Martiño), Ribas de Sil (San Clodio), Rairos (Santa Lucía).

Ribadeo: Ove (San Xoán).

Pedrafita do Cebreiro: Lousada (San Vicente).

Xermade: Cazás (San Xulián), Lousada (Santo André).

A Pastoriza: A Regueira (San Vicente).

Ourense

Avión: Nieva (Santa María).

O Barco de Valdeorras: Millarouso e Santurxo (A Concepción).

Boborás: Albarellos (San Miguel), Xurenzás (San Pedro).

Carballeda de Avia: Abelenda das Penas (Santo André).

Cualedro: A Xironda (San Salvador), Lucenza (Santa María), Montes (Santa Baia), San Millao (Santa María).

Entrimo: A Illa (San Lourenzo).

Laza: Camba (San Salvador), O Castro de Laza (San Pedro).

A Merca: A Merca (Santa María), A Mezquita (San Pedro).

Muíños: Prado de Limia (San Salvador), Requiás (Santiago), As Maus de Salas (Santa Baia).

Oímbra: A Granxa (San Xoán), Bousés (Santa Baia), Oímbra (Santa María), Videferre (Santa María).

Paderne de Allariz: Cantoña (San Mamede), Solbeira (San Salvador).

Rairiz de Veiga: Guillamil (Santo André).

Sandiás: Sandiás (Santo Estevo).

Vilardevós: Osoño (San Pedro), Vilar de Cervos (San Vicente), Terroso (Santa Cruz).

Xinzo de Limia: Xinzo de Limia (Santa Mariña).

Pontevedra

A Cañiza: Valeixe (Santa Cristina), As Chas (San Sebastián), Parada das Achas (Santiago), Oroso (Santa María).

Fornelos de Montes: Oitavén (San Vicente), Traspielas (Santa María).

Soutomaior: Arcade (Santiago), Soutomaior (San Salvador).

Mos: Cela (San Pedro).

Rodeiro: Arnego (Santiago).

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información