Tratamentos silvícolas no castiñeiro para a produción de madeira

A árbore, cultivada en bo terreo, pode cortarse para serra a partir dos 35 anos. Resumimos as recomendacións de manexo do castiñeiro que recolle unha guía editada pola Asociación Forestal de Galicia

Tratamentos silvícolas no castiñeiro para a produción de madeira

Souto de castiñeiros orientado á produción mixta de madeira e castañas.

A plantación de castiñeiros para a produción de madeira ou para a produción mixta de madeira e froito constitúe unha opción atractiva para o propietario, pois a árbore pode acadar turnos de corta para serra similares ós do piñeiro do país, arredor dos 35 anos. Cómpre, iso si, contar con terreos de boa aptitude forestal e con planta de calidade, así coma estar disposto a facer un bo manexo de podas e rareos da plantación.

Detallamos a continuación algúns dos factores a ter en conta na plantación e no tratamento silvícola do castiñeiro orientado a produción de madeira. As recomendacións son un resumo dunha guía de cultivo do castiñeiro editada no seu día pola Asociación Forestal de Galicia (AFG) e coordinada por Fernando Molina, ex-director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Estacións forestais
O frío e a seca son os dous factores climáticos que máis limitan a presenza do castiñeiro. Sen embargo, nos climas temperados e húmidos é onde a enfermidade da tinta actuou con máis virulencia, polo que na Galicia litoral cómpre empregar castiñeiros híbridos resistentes á tinta.

O castiñeiro pode chegar ata altitudes de 700 metros na maior parte da comunidade, se ben na zona oriental de Ourense pode acadar os 1.000 metros con orientación sur, máis soleada. En calquera caso, a árbore precisa de choivas suficientes ó longo do ano e tamén durante o verán.

Elección do lugar de plantación
O castiñeiro é unha árbore que admite mal a presenza de caliza activa no solo. Esta característica derívase da súa facilidade para absorber o calcio, o que pode levar a que absorba de máis, producíndolle problemas. En terreos excesivamente ácidos, tamén poden aparecer carencias nutritivas para o castiñeiro O ideal é un pH do solo entre 4,5 e 6,5.

Precísanse solos de profundidade, ben drenados, con abundancia de auga e de boa fertilidade

Precísase ademais dun solo con profundidade de alomenos 50 centímetros e ben drenado. A abundancia de auga e unha boa fertilidade son outros factores a ter en conta no chan.

Características da madeira

A madeira de castiñeiro é moi apreciada pola súa durabilidade. Os troncos da árbore teñen unha gran porcentaxe de cerna (a madeira máis interior), en tanto a albura (parte exterior) ocupa só entre tres e cinco aneis.

O defecto que presentan algúns troncos, que os inutiliza para aplicacións de mérito, é o acebolamento, que consiste en fendas curvas, separando os aneis de crecemento. Outros defectos típicos son fendas radiais e podremias, que poden ser causadas por danos de poda, fauna ou por outros factores.

A probabilidade de defectos aumenta coa idade da árbore e tamén en solos pobres, terreos mal drenados ou moi inclinados. Para reducir os riscos, recoméndanse rareos que manteñan uniforme o crecemento da masa e os troncos verticais, así como quendas inferiores a 50 anos. Hai que ter en conta que os posibles defectos da madeira só se descubren tras a corta.

A elección do lugar de plantación é clave para garantir un bo desenvolvemento das árbores. As zonas chans, con pouca drenaxe, e moi expostas ó vento, non son lugares propicios para o castiñeiro.

Densidade de plantación

Á hora de escoller a densidade de plantación, cómpre deixar sempre máis de 3 metros para permitir a circulación de maquinaria forestal sen ferir as árbores. O castiñeiro leva mal as feridas, xa que son unha vía habitual de entrada de fungos e enfermidades.

Os marcos de plantación aconsellados para a produción de madeira son os seguintes:

– Calidade de planta media, pouca poda: 3,5×3 ou 4×2,5 metros, o que supón uns 1.000 pés por hectárea.

– Alta calidade de planta e podas frecuentes: 5×5 ou 4×4 ou 4×3. Estes marcos representan entre 400 e 830 pés por hectárea. Un marco habitual en Galicia para a produción de madeira é o de 4×4 metros.

Para produción de froito, as separacións son maiores, de ata 10×10 metros.

A planta de castiñeiro ten un arraigo difícil, polo que resulta convinte plantala a final de outono ou comezo do inverno, para que lle dea tempo a instalarse ben no terreo antes do verán.

En soutos con elevadas densidades, haberá que facer rareos.

En soutos con elevadas densidades, haberá que facer rareos.

Dada a sensibilidade da casca do castiñeiro ás altas temperaturas, é recomendable protexer o pé das radiacións solares. Os tubos de protección de 1,20 metros aportan esa protección e tamén defenden a planta da acción do corzo.

No momento da plantación, débese facer unha fertilización con abono complexo de liberación lenta no fondo do burato.

O castiñeiro é moi sensible durante os primeiros anos á competencia da herba e do mato, polo que cómpre eliminar a vexetación de competencia, ben cunha desbrozadora de cadeas, ben con herbicidas. A utilización da grade de discos ou de fresadoras non se recomenda debido a que os castiñeiros teñen as raíces superficiais e poden ser danadas por estes apeiros.

Podas de formación

Nos soutos adicados á produción de madeira, a poda de formación debe comezar a partir do establecemento da planta. O seu obxectivo é a formación dun tronco vertical, dereito, sen bifurcacións e cunha guía terminal ben diferenciada.

Aconséllase facer a poda de formación da guía todos os anos ou, como moito, cada dous, a comezo do verán e só nos pés que se bifurcan. Se por descoido, non se acadan máis de 400 pés por hectárea con boa guía, convén recorrer á corta dos pés defectuosos para facelos afillar.

Nunha cepa ben enraizada, o rebento que produce pode chegar ós 2 metros ó final do primeiro ano e ser dereito e vigoroso.

Podas para a madeira de calidade
Tras as podas de formación, é tamén fundamental aplicar podas normais para evitar que a madeira presente nós nos toros basais, que é onde se concentra a maior cantidade de madeira. A época máis axeitada para efectuar a poda de calidade en Galicia é entre o 15 de marzo e o 15 de abril, pois a cicatrización será rápida.

Pé cun forte ataque de cancro. / Imaxe: AFG.

Pé cun forte ataque de cancro. / Imaxe: AFG.

Para reducir os riscos do cancro, unha das enfermidades que máis afecta ó castiñeiro, hai que podar a árbore preferiblemente con tempo seco e soleado. Pódense protexer tamén as feridas de poda cunha pasta cicatrizante que aporte un funxicida. Haberá que evitar ademais a poda de pólas grosas e desinfectar as ferramentas de poda entre cada árbore.

As boas árbores para serra deben ter un diámetro de 35-40 centímetros, que se pode conseguir máis ou menos ós 35 anos, cunha densidade final de 200-250 pés por hectárea. Para toros con destino a chapa, aconséllanse diámetros de 45-50 centímetros, que requiren quendas superiores e densidades finais de 140-180 pés por hectárea.

Son quendas relativamente curtas en comparación coas que se aplican ó carballo e a outras especies de crecemento lento e boa madeira. Os rareos, que se executan a partir dos 10 anos, deben procurar conservar os pés con maiores crecementos en diámetro.

A especie ten quendas relativamente curtas, en comparación con outras frondosas, e ademais de madeira, produce castañas

Os soutos galegos dirixidos á produción de madeira presentan crecementos anuais de entre 8 e 15 metros cúbicos por hectárea cando se fan nun terreo de boa calidade forestal e en densidades normais, mantendo a tanxencia de copas. En terreos de calidade media, a produción redúcese a 4-7 metros cúbicos por hectárea e ano. En canto ós terreos de calidade baixa, con chans pouco profundos e menos fértiles, debe evitarse a plantación do castiñeiro, pois non ten ningún porvir.

De xeito simultáneo á produción de madeira, pódense acadar ata 2.000 quilos de castaña por hectárea, que se ben non é tan saborosa como as das variedades habituais para froito, si ten comercialización. Desde os 13 anos de idade da plantación, tamén se poden obter boas producións de cogomelos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información