“Temos uns problemas no monte que hai que recoñecer e afrontar”

A secretaria xeral de Confemadera Galicia, Ana Orons, explica nesta entrevista a decisión da patronal da madeira de abandonar os foros de interlocución coa Xunta. “Débese pasar das palabras ós feitos”, demanda

Publicidade

A decisión de Confemadera Galicia de abandonar os foros de interlocución que mantiña coa Xunta, tales como a Mesa da Madeira ou o Consello Forestal, é un golpe enriba da mesa que trata de chamar a atención sobre uns problemas, os do monte, nos que a patronal da madeira entende que xa se rematou a época de contemporizar. Din sentirse “desatendidos” pola Administración, á que critican por “pasividade”. Falamos coa secretaria xeral de Confemadera Galicia, Ana Orons, para que explique a situación.

Ana Orons, secretaria xeral de Confemadera Galicia.

Ana Orons, secretaria xeral de Confemadera Galicia.

A vosa ruptura coa Xunta sorprendeu a parte do sector, non tanto porque non estean xustificadas as vosas demandas, senón pola contundencia da decisión. ¿A que podemos atribuir o detonante de que cortedes a interlocución coa Administración?
– Non hai tanto un detonante, ó final é o paso do tempo e que un se sente impotente e non sabe que facer para lograr que a Administración pase das palabras ós feitos. Hai que pensar que a nosa actividade está altamente intervida porque antes de que unha das nosas empresas acenda unha motoserra ou unha máquina o luns pola mañá ten que facer multitude de trámites diante da Administración. Ata agora tivemos coa Xunta unha interlocución non construtiva; é verdade que si había reunións e temos un contacto persoal cordial, pero planteámonos como facer que se pase das palabras ós feitos. Entón, non se trata de que non nos volvamos sentar máis con eles, pero si que decidimos deixar de asistir a reunións infructuosas en tanto non vexamos un cambio de actitude.

“O principal problema é o ‘batiburrillo’ legal no que se teñen que mover as empresas”

Para explicar a vosa decisión, botades man de varios documentos onde expoñedes arredor dunha quincena de demandas. ¿Cales destacaría como principais preocupacións das empresas?
– En primeiro lugar, as nosas demandas puxémolas xa por escrito no 2009. Analizáronse os problemas do sector forestal, as posibles solucións e chegouse a un acordo coa Administración sobre como ir implementando as medidas ano a ano. Transcurridos varios anos, lonxe de implementarse, súmanse novos problemas no día a día, como foi o da falta de interlocución coa Xunta para a elaboración do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR). Agora ben, de todo o abano de problemas, eu diría que o principal, no día a día das empresas, é o ‘batiburrillo’ legal no que nos temos que mover, con multitude de lexislacións, tanto sectoriais como transversais, a nivel autonómico, estatal, provincial e tamén municipal.

“O lío é de tal calibre que para cortar unha árbore podemos ter que iniciar ata 20 trámites distintos”

¿A Lei de Montes de Galicia do 2012 non contribuiu a aclarar o panorama lexislativo?
– Un dos problemas co que nos atopamos, e que agardabamos que solucionase a Lei de Montes, é o da proliferación de ordenanzas municipais que gravan a corta de madeira. Son un tipo de normativas que comezaron a xurdir cando se iniciou a crise; nós entendemos que nun intento dos concellos de buscar vías alternativas de financiación. Na Lei de Montes hai unha disposición transitoria que deroga estas ordenanzas municipais, pero na práctica a lei é un mero papel se ninguén vela polo seu cumprimento.

¿Que resposta vos dá a Xunta a este problema?
– Abordamos o problema coa Xunta e hai boas palabras pero non avances. Para que nos fagamos unha idea, o ‘batiburrillo’ legal no que nos movemos é de tal calibre que para cortar unha árbore podemos ter en Galicia, nalgún caso, ata 20 trámites distintos que iniciar. Necesitamos que se axilicen os trámites e que se aclaren competencias, tamén entre os distintos departamentos da propia Administración, que non están coordinados en procedementos e prazos. Hai outras medidas que poden levar máis tempo, pero esta é unha cuestión de vontade.

“En Galicia hai 600.000 propietarios forestais, pero cantos son silvicultores?”

Cando abordades a situación de fondo do monte en Galicia, describides un panorama de aproveitamentos forestais pouco produtivos e de pouca calidade, pero un aspecto a ter en conta, que apunta a Xunta, é que se trata dun monte privado ou veciñal nun 98% da superficie.
– Hai que facer un exercicio de reflexión e recoñecer que na situación do monte todos temos un pouco de ‘mea culpa’, pero por parte da Consellería non vexo unha especial autocrítica. En Galicia hai sobre 600.000 propietarios forestais, pero cantos deses propietarios son silvicultores?. Temos un problema que hai que recoñecer e para o que hai que buscar solucións, ás veces con medidas a medio prazo, como a promoción de figuras de xestión conxunta do monte que sexan operativas. É a única maneira de evitar o abandono do monte e a Administración pública ten moito que dicir aí. Por outro lado, é verdade que o monte en Galicia é maioritariamente privado, pero a Administración xestiona, a través de convenios ou consorcios cos propietarios, unhas 300.000 hectáreas dos dous millóns de superficie forestal que ten Galicia e hai que dicir que a súa xestión non é precisamente un exemplo a seguir.

“O monte en Galicia é privado, pero a Administración xestiona 300.000 hectáreas que non son un modelo a seguir”

Explíquese
– Os montes de xestión pública deberían ser un exemplo no que os pequenos propietarios forestais visen un modelo a seguir e non é así. Difícil é convencer a un pequeno propietario de que ten que certificar o monte e que ten que apostar pola mellora xenética e polos traballos silvícolas se ó lado hai un monte de xestión pública de ducias de hectáreas onde estas prácticas non se fan. Os distritos forestais tamén terían que ter un papel clave no apoio ós propietarios, pero ó final son só departamentos da Administración que se adican a xestionar persoal para a extinción de incendios.

En relación á vosa decisión de rachar o diálogo coa Xunta, trascendeu estos días nos medios que Ence, que forma parte da directiva de Confemadera, non estaba a favor de tal decisión. ¿Pódese interpretar que a actual situación do monte en Galicia, cunha clara expansión do eucalipto, non preocupa tanto a Ence como a empresas de aserrado e madeira técnica que precisan outras especies e outras calidades?
– Vaiamos por partes. En canto ó posicionamento de Ence, hai que aclarar como tomamos os acordos en Confemadera. A adopción de acordos é por consenso. Hai un diálogo e un debate, pero as decisións tómanse por unanimidade. Non se fai nada que non validen os órganos de dirección. En Confemadera representamos a todo o abano de valor da cadea e todos formamos parte da mesma cadea, todos somos imprescindibles e nada se fai sen que haxa un acordo validado por todos. Se unha empresa cre importante que se coñeza a súa posición particular, parécenos ben, pero queremos deixar claro que toda a dirección de Confemadera, Ence incluida, validou a decisión adoptada.

“As decisións en Confemadera tómanse por unanimidade. Toda a dirección apoiou a medida, Ence incluida”

E en canto á distinta percepción que poden ter as empresas sobre a situación do monte en Galicia, ¿estaría de acordo?
– A situación do monte aféctalle a todas as empresas por igual. É verdade que o eucalipto está en crecemento, pero de que xeito. Cal é o estado sanitario desas masas? A información que temos demostra que está empeorando. Hai máis volume de madeira, pero máis atacada por plagas e con menos rendementos. O ‘batiburrillo’ legal, que eu digo, afecta tamén a Ence por igual. Os problemas son comúns a todas as empresas.

A patronal da madeira de Lugo, encabezada por Daniel Villapol, que se escindiu de Confemadera nos últimos meses, deu a coñecer estes días que estaba en desacordo coa vosa decisión de rachar o diálogo coa Xunta. Lin nun medio de comunicación unha interpretación na que se ligaba a vosa decisión a un pulso coa Secretaría Xeral de Montes, que se entende máis próxima a Villapol. ¿Sería esa unha interpretación correcta?
– Non moi correcta. A patronal é unha entidade independente que se autofinancia e que se debe ós seus asociados e ás necesidades que teñen. Decidimos deixar de participar nos foros de interlocución coa Xunta en tanto non haxa un cambio de actitude. Ese é o único motivo. Doutro lado, as nosas demandas veñen de moito antes de que a patronal de Lugo se escindise de Confemadera e durante todos estes anos estiveron de acordo coas nosas peticións.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información