“Temos os montes inzados de moedas de céntimo de euro que non apañamos”

Luis Miguel e Alejandro Lolo Bardasco son dous mozos dos Ancares decididos e coas ideas claras e en só cinco anos lograron montar un potente grupo empresarial que este ano vai procesar e vender un millón e medio de quilos de castañas.

“Temos os montes inzados de moedas de céntimo de euro que non apañamos”

Alejandro na planta de envasado que teñen no Corgo.

No canto de emigrar coma moitos outros mozos da súa idade, Luis Miguel e Alejandro, naturais de Pedrafita do Cebreiro, decidiron en 2012 quedar na comarca dos Ancares e vivir das súas potencialidades, co mel e as castañas como punta de lanza. Están convencidos de que hai futuro na agroecoloxía e animan a outros mozos a seguir os seus pasos porque consideran que na zona hai recursos de sobra para saír adiante cun traballo digno.

“Por desgracia, en comarcas coma a dos Ancares temos miles de hectáreas de monte abandonadas e moi pouca poboación nova. Pero esa situación, negativa en si mesma, é ao mesmo tempo unha grande oportunidade, porque tocamos a moitas hectáreas por mozo ou moza”, razoa Alejandro, de 28 anos.

“A xente non ve a castaña como algo rendible e si que o é. Un quilo de castañas vale un euro, así que cada castaña vale un céntimo de euro e temos montes e montes inzados de moedas dun céntimo tiradas no chan en forma de castaña que ninguén recolle”, argumenta.

“Detrás da castaña hai algo cultural porque é parte da nosa historia, e recuperar un souto centenario é algo bonito porque a castaña é o noso estandarte; pero eu non vexo a castaña como algo nostálxico, eu vexo a castaña como futuro e como negocio, non como pasado”, xustifica, porque a maiores dos aspectos culturais ou ambientais, Alejandro está convencido de que ese pode ser un medio de vida para moita xente.

“Hoxe en día unha familia que se dedique a coidar os soutos en dous meses apañando castañas saca a mesma rendibilidade que cunha explotación de 20 vacas durante todo o ano”, afirma.

 Alejandro: “Eu vexo a castaña como futuro e como negocio, non como pasado”

Luis Miguel e Alejandro están tan convencidos do potencial da castaña que hai dous anos embarcáronse nunha aventura dun millón de euros para procesar e vender castaña baixo a marca Ancarolo. Mercaron unha parcela no polígono industrial do Corgo, construíron unha nave e importaron de Italia maquinaria para clasificar, esterilizar, deshidratar e envasar castañas. A fábrica estará este ano a pleno funcionamento e contan procesar millón e medio de quilos deste froito. Se a cousa vai ben aínda poderán seguir medrando, porque a comarca dos Ancares produce uns 8 millóns de quilos de castaña, aínda que a maior parte dela queda todos os outonos tirada polo chan nos soutos sen apañar.

A comarca dos Ancares produce uns 8 millóns de quilos de castaña, pero gran parte dela non se apaña

Castañas dos Ancares SL, que así se chama a empresa que montaron, pretende “darlle un valor engadido á castaña que temos aquí” e facer que este froito estacional pase de ser complemento das rendas familiares, como acontece na actualidade, a ingreso principal. A fábrica foi inaugurada en 2015 e nela traballan 10 persoas durante a campaña. Ten dúas liñas de produción, unha para produto en seco (deshidratado) e outra en fresco e este ano incorporarán tamén un muíño para facer fariña.

Cando a castaña chega á fábrica, a granel, o proceso comeza cunha clasificadora que separa o froito en cinco calibres diferentes. Os dous tamaños máis pequenos van destinados á industria de transformación, onde destaca a empresa Alibós, de Monterroso. “Temos neles un apoio moi importante”, recoñece Alejandro.

O tamaño intermedio, de 28 milímetros de diámetro, pélase e deshidrátase na propia nave do Corgo, que ten capacidade para deshidratar e envasar ao baleiro 6.000 quilos ao día nun proceso que dura 32 horas. Os dous tamaños máis grandes, de 30 e 32 milímetros, van destinados á venda en fresco.

“Unha boa parte da produción xa a exportan”

A liña de fresco é, de feito, “a xoia da coroa” da empresa. Primeiro esteriliza a castaña mergullándoa en auga quente a 60 grados; as castañas pasan despois a unha piscina de auga a só tres grados onde a que está danada flota e é retirada, servindo de alimento para porcos. O resto continúa camiño cara a un túnel con 5 ventiladores en liña que a secan antes de pasar a unha mesa de seleccionado e á envasadora, da que sae en dous formatos, un grande en sacos de 20 quilos e un pequeno en mallas de 2 quilos. O produto final, xa envasado, pasa a unha cámara de frío na que se conserva a unha temperatura de entre 2 e 4 grados.

Alejandro e Luis Miguel pensan vender en fresco este ano un millón de quilos de castaña. Outro medio millón será produto elaborado. Unha boa parte da produción xa a exportan a mercados como o italiano ou o francés e os seguintes obxectivos son entrar en Inglaterra e en Alemaña.

Do boom inmobiliario ao boom da castaña

Pero malia abrirse camiño nos mercados internacionais, a historia de Luis Miguel e Alejandro está tan fondamente chantada na terra como as raíces dos castiñeiros centenarios dos seus soutos dos Ancares, e é ademais unha historia a medio camiño entre decisión e necesidade.

Seu pai Manuel traballou durante 17 anos na mina de cinc e chumbo que a empresa Exminesa tiña en Rubiais, en Pedrafita. Cando a explotación pechou, no ano 1992, montou en Zanfoga unha taberna con ultramarinos e empezou a vender pensos, cereais e abonos. E dentro dese negocio mercaba castañas na zona, ás veces como simple intercambio por outros produtos.

Anos máis tarde, cando os tres cativos tiveron que estudar, a familia trasladouse a vivir a Lugo, aínda que mantiña o negocio de Zanfoga, a onde Manuel se desprazaba todos os días. Eran os anos do boom da construción, así que Luis Miguel, que agora ten 33 anos, escolleu ser enxeñeiro técnico en Topografía e Alejandro, 5 anos máis pequeno, decidiuse por un ciclo superior de FP en Desenvolvemento de Proxectos Urbanísticos.

CASTAÑAS_ANCARES_1“Pero rebentounos a burbulla na cara”, recoñece Alejandro. Xusto cando acabaron de estudar veu a crise e aquilo para o que se formaran xa non tiña saída laboral. Luis Miguel nunca chegou a exercer de Topógrafo e Alejandro traballou un ano como xefe de obra, pero no 2011 a empresa foi ao garete.

Ofrecíanlle traballo en Francia pero estaba a piques de ter un fillo e non estaba disposto a marchar, así que entre todos tomaron unha decisión: deixar de lado as obras, aquilo para o que se formaran, e centrarse nos recursos naturais que tiñan ao redor impulsando o negocio do pai, que por aquel entón vendía 20 toneladas de penso ao mes e mercaba 50 toneladas de castañas ao ano pero era cada vez menos viable pola dispersión e a perda de poboación da comarca, xa que incrementaba os custos.

Decidiron aproveitar os recursos da zona para non ter que emigrar

Dentro do plan de viabilidade familiar o primeiro que fixeron foi trasladar no ano 2012 o negocio de Zanfoga a Becerreá, a 45 quilómetros, unha localidade máis grande que exerce de cabeceira de comarca, que ten mercado e onde están ademais ubicados servizos como a Oficina Agraria, polo que a afluencia de gandeiros é maior.

Desde Becerreá ampliaron as rutas de distribución, engadiron os fitosanitarios á listaxe de produtos e multiplicaron por dez a compra de castañas, pasando de 50 a 500 toneladas o primeiro ano. “Era un sector sen competencia, a castaña estaba devaluada de todo e comprábase incluso a 50 céntimos”, explica Alejandro.

Así que viron aí negocio e apostaron con decisión por este produto, que empezaron a mandar tamén para Italia, un dos grandes produtores europeos e que estaba a sufrir de cheo a praga da avispiña, que agora afecta xa en Galicia, polo que non tiñan produto para abastecer o mercado interno e as industrias de transformación alí asentadas.

Ese aumento da demanda exterior fixo que o prezo que Luis Miguel e Alejandro pagaban aos produtores dos Ancares subise de 70 céntimos a un euro, o que foi un auténtico punto de inflexión para a recuperación da produción de castaña na comarca. “Coa suba no prezo a xente animouse e houbo unha especie de boom e recuperáronse soutos abandonados desde facía décadas”, conta.

Máis de 100 hectáreas de souto recuperadas

Ademais de comprar castaña, primeiro para vender e máis tarde para procesar eles mesmos, Luis Miguel e Alejandro comezaron hai catro anos a recuperar soutos e poñelos a producir. Arrincaron no 2013 con 10 hectáreas e hoxe pasan das 100 hectáreas recuperadas en distintas parroquias do concello de Navia de Suarna. Todas son alugadas mediante acordos con particulares ou comunidades de montes.

“É un traballo moi arduo, porque hai que loitar contra o minifundio e a desconfianza da xente; hai persoas maiores que prefiren ter os seus montes abandonados e non alugalos, é unha cuestión de mentalidade que custa cambiar”, relata Alejandro, que di que “eu non me vou quedar cos castiñeiros e evidentemente canta máis rendibilidade lles saque máis poderei pagar ao propietario”.

“Rehabilitamos soutos que levaban 100 anos abandonados”

Fai arrendamentos por cinco anos, porque doutro xeito non cubre o gasto de rehabilitar e poñer a producir os castiñeiros. “Cando recuperas un souto, até o terceiro ano dá perdas, pero despois triplica a produción e aumenta o tamaño do froito. Rehabilitamos soutos que levaban 100 anos abandonados e fixemos probas con árbores centenarias que pasaron de producir 60 quilos de castañas a 200”, conta.

O primeiro que fan é limpar o chan e cortar as árbores bravas que foron nacendo co paso dos anos. Despois demóucanse (pódanse) os castiñeiros deixando só as tres polas principais para que a seiva da árbores non se perda con tanta ramificación e concentre deste xeito a produción en froitos de maior tamaño. Con esta poda importante pérdese produción no ano seguinte, pero multiplícase nos sucesivos. A partir de aí, o proceso é de simple mantemento anual, xuntando con sopladores as follas e os ourizos cando pasa a campaña en outono deixando o chan dos soutos limpo para que non se críen larvas que se transmiten á árbore e rozando na primavera para facilitar a recollida do froito.

“No mercado europeo hai máis demanda que oferta de castaña ecolóxica”

O proceso é moi agradecido en canto a resultados pero de moito traballo e moito gasto. “O investimento inicial é grande, duns 1.000 euros por hectárea, a metade para a roza e a outra metade para a poda”, explica Alejandro. Contan con asesoramento técnico especializado, pero recoñece que “quen máis nos asesora é a xente maior das aldeas; normalmente facémoslles caso porque por un lado quedan máis a gusto cando fas as cousas no seu souto como eles queren, pero tamén polos resultados que obtemos, que son mellores, porque eles coñecen cales son as variedades que mellor se dan en cada lugar e tamén as técnicas de enxerto que mellor funcionan”, recoñece Alejandro.

Ademais de facer os traballos seguindo as técnicas tradicionais, a recuperación dos soutos lévase a cabo mediante rozas e podas ecolóxicas, porque tanto Alejandro como Luis Miguel apostan pola concienciación agroambiental da poboación. “Cambiar o manexo na xente é moi difícil, e hai moitas persoas que complementan os seus ingresos coas castañas que simplemente apañan as que dan os castiñeiros sen facer ningún tipo de traballo no monte durante todo o ano”, lamentan. Eles queren que a súa empresa sexa responsable co medio ambiente, así que apostan por producir en ecolóxico, “un mercado onde a nivel europeo hai máis demanda que oferta”, din.

Cervexa de castaña e ‘O mel de sempre’

Se abrir mercados e innovar é un dos éxitos da familia Lolo, o outro é diversificar. “Nós non tiramos castaña, a danada vai para alimentación dos porcos e a que rompe para fariña e coas desfeitas das probas das máquinas de secado o primeiro ano probamos facer unha cervexa artesá”, explica Alejandro. A bebida, na que colaborou un mestre cervexeiro italiano, saíu ben, así que patentaron a receita e comezaron a comercializala co nome de Pilonga, que é o nome que reciben en Galicia as castañas secas.

CASTAÑAS_ANCARES_CERVEXA_1No proxecto colabora tamén outra empresa da zona, Archy, de Baralla, e o ano pasado, o primeiro ano no mercado, produciron 12.000 litros desta cervexa. Este ano teñen pensado facer o dobre e sacar tamén unha versión de castaña ecolóxica e un licor de castaña deshidratada, que está aínda en fase de probas.

Outra das apostas firmes de Luis Miguel e Alejandro é o mel. É o seguinte paso na recuperación dos soutos, onde tamén se poden producir cogumelos. Comezarán este ano coa primeira colleita das 1.000 colmeas que teñen repartidas nunha ducia de soutos por toda a comarca, en concellos como Pedrafita, As Nogais, Navia e Cervantes. A produción é en ecolóxico e non xuntan máis de 80 ou 90 colmeas en cada souto, por un lado para previr enfermidades e por outro para que as abellas non teñan que desprazarse moito en busca de polen e poidan producir máis. Estar nos soutos proporciónalle ao mel maior sabor e intensidade. Comercializarano baixo a marca “O mel de sempre”.

A apertura de novos mercados é unha das teimas de Alejandro, así que mesmo se reuniu co número 20 da Casa Real de Dubai, onde había unha empresa interesada no mel dos Ancares, pero esíxenlle crear unha empresa alí, ao 50% cun socio saudí, e aínda non decidiu se se lanzará a esta nova aventura.

Outra á que si se tirou de cabeza foi á exportación de froita e verdura desde Marrocos e Andalucía cara ao norte de Europa. “Comecei hai tres meses con Italia, onde tiveron unha xeada que lles queimou toda a produción. Un cliente ao que lle vendía castañas pediume se lle podía buscar provedores en España e así comecei. Neste momento estamos sacando tres camións cada semana para países como Rumanía, Reino Unido ou os países nórdicos. Sérveme para introducirme nos mercados europeos, que até agora para min eran uns descoñecidos, e abrir mercado neles para a castaña e o mel. Grazas á verdura, xa teño unha carteira potencial de clientes moi importante”, explica Alejandro, que pensa colocar o seu mel, por exemplo, no mercado londinense, onde os produtos ecolóxicos teñen grande acollida.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información