“Temos 15 anos para estruturar a propiedade forestal, despois xa non será posible”

O secretario de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, defende o modelo de agrupación das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) como vía para reducir o minifundio en Galicia. Clausura en Viveiro un seminario organizado pola Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose)

“Temos 15 anos para estruturar a propiedade forestal, despois xa non será posible”

Seminario sobre política forestal celebrado en Viveiro. En primeiro termo, o presidente da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Fernández de Ana Magán.

Asociacións de propietarios forestais de toda España participaron en Viveiro nun seminario sobre política forestal organizado pola Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose). O acto, que contou coa colaboración da Asociación Forestal de Galicia, foi clausurado polo secretario de Ordenación e Produción Forestal da Xunta, Tomás Fernández Couto, que marcou como prioridade política a redución do minifundio forestal.

“Cando eu comecei a traballar no monte, hai preto de 30 anos, a xente nova das aldeas tiña 40 anos. Agora a xente nova das aldeas ten 65 anos e os seus fillos viven e traballan nas cidades” -comparou Fernández Couto.- “En Galicia temos 15 anos para impulsar medidas que estruturen o territorio e que reduzan o minifundio, despois xa non será posible porque non haberá con quen falar nas aldeas”, valora.

“Cando eu comecei a traballar no monte, a xente nova das aldeas tiña 40 anos. Agora a xente nova das aldeas ten 65 anos”

A escasa dimensión das parcelas forestais en Galicia é considerada polo secretario de Ordenación e Produción Forestal como un “problema grave”. De non cambiar a situación, pronostica Fernández Couto, o abandono é a perspectiva á que se enfrenta boa parte do monte galego. “Quen vai ir á aldea a xestionar parcelas de 2.000 metros cadrados? Vai haber relevo xeracional? Eu creo que non. Haberá casos nos que si haxa relevo, pero maioritariamente non”.

O secretario de Ordenación e Produción Forestal defende a agrupación da xestión de fincas a través das Sofor como vía para gañar en dimensión. “Non hai outra alternativa ás Sociedades de Fomento Forestal (Sofor)”, sostén Fernández Couto. As Sofor permiten agrupar a xestión das parcelas, en tanto os propietarios conservan a propiedade. Hai xa 5 sociedades en marcha en Galicia e Couto adianta a inmediata aprobación doutras 7.

Concentracións privadas
O modelo das Sofor, segundo destaca o responsable de Produción Forestal, permite ademais que os propietarios acometan unha concentración privada das parcelas incluidas na agrupación, de xeito que os terreos da Sofor queden agrupados, sendo tamén concentradas as parcelas dos propietarios que renuncien a participar na sociedade. “A concentración privada débena acometer os propietarios, pero teñen axudas do 100% para infraestruturas, proxecto de ordenación, cortalumes se son precisos ou parques de madeira. Para iso hai axudas”, destacou.

O seminario sobre política forestal, celebrado este xoves en Viveiro, contou tamén con intervencións a cargo das asociacións de produtores de madeira (Promas) da Mariña lucense, que puxeron en valor o modelo de asociacionismo das Promas como xeito de mellorar a selvicultura e a comercialización da madeira dos seus socios.

Baixada dos prezos do eucalipto
En canto a cuestións a mellorar, Ramón Reimunde, o presidente de Promagal, a federación que agrupa ás Promas galegas, subliñou no acto a preocupación dos propietarios pola baixada dos prezos da madeira de eucalipto. “Desde comezo de ano a baixada foi de 2 euros e anúnciase unha nova baixada dun euro a partir de xullo pola caída dos prezos da pasta de papel”, critica Reimunde.

As Promas do norte galego falan de ralentizar as vendas de madeira de eucalipto ante a caída dos prezos

Ante esta situación, Reimunde destacou que as Promas están de acordo en ralentizar a venda de madeira. Manuel Galdo, de Promavi, a asociación de propietarios de Viveiro, cuestionou tamén a baixada de prezos e o monopolio que hai na práctica na compra de eucalipto por parte de Ence na Mariña.

Galdo demandou ademais por parte das Administracións unha mellora na loita contra o gurgullo do eucalipto e medidas contundentes en defensa do eucalipto globulus fronte á progresiva expansión do nitens, Outra das cuestións que interesa ós propietarios é a mellora das vías de saca da madeira.

Por parte da Asociación Forestal de Galicia, interviu Francisco Dans, que defendeu a necesidade dun trato fiscal especial para o selvicultor activo, aquel que mantén a xestión do territorio. O seminario contou tamén coa participación da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información