Teis, o monte veciñal que apostou por transformarse nunha fraga

A comunidade de montes orientouse a sustituír un piñeiral invadido de acacias por plantacións de carballos, castiñeiros e outras frondosas caducifolias. Chegou a acordos con propietarios privados lindeiros para extender o seu proxecto

Teis, o monte veciñal que apostou por transformarse nunha fraga

Fraga rexenerada no monte veciñal de Teis. / Imaxes: Comunidade de Montes de Teis.

O monte veciñal de Teis, en Vigo, conta cunha pequena superficie de 50 hectáreas nun dos entornos máis poboados de Galicia. Cando se constituíu a comunidade de montes, no ano 1997, os veciños atopáronse cunha superficie en estado de abandono que albergaba un vello piñeiral xa pasado de turno de corta, con parte dos pés secos e invadido de acacias negras. A comunidade tomou entón unha decisión singular. Transformar o monte nunha fraga autóctona de carballos, castiñeiros, cerdeiras, freixos e outras especies de frondosas.

“Foi unha decisión que hoxe en día pode semellar normal, pero daquela, hai 20 anos, resultaba extraña” -recoñece Alfonso Pazos, tesoureiro da comunidade e enxeñeiro forestal-. “A comunidade de montes creouse con motivo das obras da autopista na zona de Rande a Puxeiros e cando nos xuntamos, pensamos que facer na superficie que tiñamos. Somos un monte periurbano, pequeno, no que o valor da madeira, por moito que se faga, non permitiría unhas rendas constantes, e entón decidímonos a primar a conservación sobre a produción”, conta.

Traballos no monte veciñal.

Traballos no monte veciñal.

O proceso de creación dunha fraga iniciouse de xeito progresivo, con pequenas actuacións no monte da Madroa que se orientaron a eliminar as acacias e a plantar árbores caducifolias en sustitución dos piñeiros. “Tratamos de plantar o maior número de especies posibles para fomentar a diversidade, sempre buscando que sexan árbores autóctonas cunha xenética do entorno”, explica Alfonso Pazos. Parte da planta mercouse en viveiros e outra parte recuperouse do propio monte.

Outra característica diferencial das plantacións de Teis é que implántanse árbores de diferentes idades e evítase a formación de rúas alineadas e con separacións simétricas entre os pés, a fin de que o bosque se asemelle a unha masa natural.

Os traballos de rexeneración do monte atopáronse con varias dificultades. Unha, a eliminación das acacias, unha especie que rebrota de cepa e de raíz e que se caracteriza pola alta diseminación de sementes. Ese problema agravábase polas fincas privadas limítrofes, na súa maioría pequenas parcelas sen manexo, nas que a acacia negra, unha especie invasora, continuaba campando as súas anchas e protagonizando novas incursións no monte veciñal.

Souto de castiñeiros.

Souto de castiñeiros.

Acordos de custodia
En vista da situación, a comunidade de montes optou por iniciar a negociación cos propietarios privados para comprar fincas lindeiras, aproveitando unhas partidas económicas obtidas das expropiacións da autopista. Desde hai unha década, cando minguaron os cartos para compras, a comunidade buscou continuar con esa liña de traballo cunha fórmula imaxinativa, a de chegar a acordos verbais cos propietarios particulares para rozarlles as fincas, eliminar as acacias e plantar no seu lugar especies frondosas como castiñeiros e cerdeiras.

Eses acordos verbais iniciais cos propietarios particulares están en proceso de formalizarse na actualidade en convenios escritos de custodia do territorio, polos que a comunidade de montes se compromete ó coidado e conservación de parcelas privadas, mantendo os propietarios a titularidade das fincas, co único compromiso de conservar as plantacións realizadas.

“A extensión da fraga no entorno do monte veciñal é ademais un factor positivo de cara a posibles lumes, pois as frondosas presentan unha menor propagación dos incendios, aínda que poden arder en condicións propicias”, sinala Alfonso, que participou recentemente nunhas xornadas sobre lumes, organizadas polo colectivo Iniciativa Comunales, para explicar a xestión do monte de Teis.

Vista da Ría de Vigo desde o monte veciñal.

Vista da Ría de Vigo desde o monte veciñal.

Voluntariados
Para os traballos de plantación e de eliminación de acacias, botouse man en parte de voluntarios, a fin de impulsar unha maior implicación social no monte. “O importante é que a xente da contorna nos coñeza e nos valore. Somos uns 50 comuneiros, que é pouca xente implicada para unha parroquia como Teis -de arredor de 25.000 veciños-. Fai falta xente que queira participar e que axude”, recoñece Alfonso Pazos.

O monte veciñal distínguese pola labor de educación ambiental, con visitas organizadas de escolares ó monte, e polo voluntariado, no que tamén colaboran asociacións ecoloxistas. “Somos un monte aberto, cun parque forestal e un uso social cotiá do monte”, destacan.

“A idea é non cortar árbores no futuro para a venda de madeira. Si cortamos piñeiros e tamén tivemos ingresos por venda de leñas”

A comunidade concibe o seu terreo cuns fins sociais e medioambientais, nos que a explotación forestal queda nun segundo plano. “A idea é non cortar as árbores nun futuro para venda de madeira. Si se cortaron piñeiros para madeira e tivemos tamén algúns ingresos por venda de leñas”.

Teis explorou ademais a produción de mel, unha actividade que desenvolve desde hai uns anos, se ben cun obxectivo primordial non de xerar ingresos, senón de contribuír á polinización das plantas e de aportarlle mel ós comuneiros. Tamén baralla nun futuro outras posibles actividades como a venda de castañas ou o aproveitamento de cogomelos.

A sostibilidade económica do monte é unhas das preocupacións que están sobre a mesa. A comunidade está dotada dun tractor con apeiros e puido ir contratando nos últimos anos a unha cuadrilla durante algúns meses para a execución de traballos forestais, unha liña que tratará de manter no futuro.

Traballos de eliminación de especies invasoras.

Traballos de eliminación de especies invasoras.

Combatir as acacias sen herbicidas

A filosofía conservacionista que ten a comunidade de montes de Teis levouna a probar diferentes alternativas ó herbicida glifosato para combatir as acacias. A súa experiencia no tema, de xa dúas décadas, permitiulle evidenciar que non hai variñas máxicas. “Pódense cortar as acacias e desbrozar o chan pero volven. Rebrotan e en canto a luz chega ó chan, nacen moitas de semente”, explica Alfonso Pazos.

A comunidade probou varias vías de traballo para frear a súa propagación. Unha foi arrincar as acacias pequechas, pero iso esixía estar moi enriba do monte de xeito permanente. Finalmente, optouse por deixar que as acacias pequenas compitan entre elas, a fin de que a maior parte morra de xeito natural, e por arrancar cun tractor os pés que chegan ós 2-3 anos.

“A medida que as árbores autóctonas medran e van tupindo a parte aérea do bosque, o problema redúcese”, subliñan desde a comunidade de montes.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información