Son as frondosas caducifolias unha oportunidade perdida?

O eucalipto copa a gran maioría das novas plantacións no monte, en tanto desde parte do sector forestal bótanse en falta políticas que promovan unha maior diversificación. Analizamos as posibilidades en Galicia de especies coma castiñeiros, cerdeiras ou bidueiros

Son as frondosas caducifolias unha oportunidade perdida?

Masa natural de bidueiros en expansión. / Imaxe: AFG.

A expansión que experimenta o eucalipto no monte galego, ata o punto de copar a maior parte das novas plantacións, está a abrir un debate sobre a necesidade dunha maior diversificación dos usos forestais do monte. En parte do sector preocupa o retroceso do piñeiro e a ausencia de políticas que promovan as frondosas caducifolias, coma o castiñeiro, cerdeiras ou bidueiros. Son as frondosas unha oportunidade perdida para o monte galego?

Para dar resposta á cuestión falamos co director da Asociación Forestal de Galicia (AFG), Francisco Dans; co decano do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, Juan Picos, tamén profesor na Universidade de Vigo; e con Jacobo Feijoo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), organización ligada a Unións Agrarias.

Cal é a situación das frondosas caducifolias en Galicia?

“As árbores caducifolias ocupan arredor dun terzo do monte galego, pero representan só un 5% da madeira que se corta para aproveitamento industrial”, calcula Jacobo Feijoo.

As dificultades son claras para o uso madeireiro da superficie actual de frondosas. “A madeira que temos non é unha marabilla” -sinala Juan Picos-. “Co carballo, por exemplo, practicarónse durante décadas aproveitamentos antisilvícolas. Elimináronse os mellores pés e quedaron no monte os peores, que se adicaron á corta de pólas para leña”.

Un terzo do monte galego está a frondosas, pero a súa madeira representa só un 5% das cortas para uso industrial

O destino para leña doméstica segue a ser o principal uso das árbores caducifolias en Galicia. Calcúlase que cada ano se talan entre un e dous millóns de toneladas para leña, en tanto o uso madeireiro limítase a arredor de 400.000 toneladas.

Lexislación e abandono
A Lei de Montes de Galicia obriga a preservar as actuais superficies de frondosas caducifolias, que non se poden sustituír por coníferas nin por eucaliptos tras a corta. Esa lexislación garante a conservación da actual superficie de frondosas, que non só se mantén senón que aumenta, segundo as estimacións do sector.

“O progresivo abandono do agro leva en primeiro lugar a un aumento do mato, e nunha segunda fase a un aumento das frondosas. O problema é que ese aumento da superficie non é consecuencia de ningunha estratexia de xestión, como sería desexable, senón froito do abandono”, cuestiona Picos.

Como se pode mellorar o aproveitamento forestal das actuais masas de frondosas?

“Pensemos no caso dunha comunidade de montes de Ourense que teña un cento de hectáreas a rebolos (Quercus pyrenaica) -tamén chamado cerquiño ou carballizo-. Que pode facer con esa madeira?” -pregúntase Jacobo Feijoo-. “Ninguén lla quere porque haberá pés que teñan gaias desde a base, outros que estean tortos e os que semellen mellores probablemente ó abrilos estarán cheos de nós”.

“O camiño pasa por tratamentos silvícolas e por repoboar con planta mellorada xenéticamente” (Jacobo Feijoo)

“O camiño pasa por facer silvicultura para aproveitar os pés que sexan madeirables e por promover a mellora xenética das masas de frondosas, repoboando con plantas melloradas xenéticamente” -defende o secretario xeral de Asefoga -“Se non hai ningún plan para as masas de frondosas, estamos conducindo á marxinalidade económica ó 30-40% do monte galego”.

Rexistro de masas de frondosas
A Xunta proxecta crear un rexistro de masas de frondosas consolidadas, cunha superficie mínima de 15 hectáreas, coa idea de ofrecer apoios públicos para a súa xestión. Desde Asefoga, sen embargo, consideran a iniciativa pouco práctica. “Tendo en conta o minifundio que temos en Galicia, a cantos propietarios habería que poñer de acordo para xuntar 15 hectáreas de frondosas?” -pregúntanse.

É posible aumentar a superficie de frondosas no monte galego?

“É moi fácil ir a unha fraga do Courel e dicir ‘Todo o monte de Galicia tiña que estar así. E ademais, sería máis rendible’. Pero ningunha das dúas afirmacións é certa. Non vendamos falsas utopías porque levan ó desencanto”, advirte Juan Picos.

“É fácil ir a unha fraga do Courel e dicir ‘Toda Galicia tiña que estar así e ademais sería máis rendible’. Iso é falso” (Juan Picos)

“As frondosas teñen uns valores ambientais, paisaxísticos, etc. que hai que ter en conta” -recoñece Picos-. “Agora ben, se nos centramos en superficies de vocación produtiva, desde o punto de vista do propietario forestal que arrisca un investimento, as frondosas teñen unha ecuación complicada”.

A aposta por novas plantacións de frondosas, segundo os técnicos consultados, presenta unha serie de dificultades e oportunidades. Analizamos eses condicionantes:

1) Necesidade de solos profundos

“Só podemos producir frondosas de calidade en terreos de calidade. Gran parte do monte de Galicia non serve para plantar frondosas” -recoñece Francisco Dans, da Asociación Forestal de Galicia-. “Si se poderían destinar para ese fin as mellores terras forestais, abrigadas, con auga, e aquelas que se atopan na interface agrícola-forestal, onde están emerxendo superficies abandonadas”.

“Gran parte do monte de Galicia non serve para frondosas. Só as mellores terras forestais e as agrarias abandonadas” (Francisco Dans)

Eses requerimentos das frondosas conducen ó fracaso a plantacións en montes pouco aptos. “Na comarca de Pontevedra, tras os lumes do 2006, houbo apoios públicos para a implantación de carballeiras, pero unha década despois, podemos constatar que a maior parte de todo ese investimento fracasou, pois as plantacións non prosperaron”, sinala Jacobo Feijoo.

“En terreos peores, as posibilidades das frondosas limítanse ó bidueiro na Galicia Atlántica e á sobreira na Galicia mediterránea, pois son especies pioneiras que teñen menores esixencias”, valora Jacobo Feijoo.

2) Oportunidades en solos agrarios abandonados

A Lei de Montes restrinxe a posibilidade de forestación en terras agrarias ás frondosas, ben para froito, para madeira ou para uso mixto. Non se poden plantar eucaliptos ou piñeiros en pastizais ou campos de labor, aínda que o descontrol sobre esta cuestión levou a que haxa en Galicia máis de 30.000 hectáreas de terras agrarias con eucaliptos.

“Pódenselle ofrecer ós propietarios orientacións, actividades formativas e incentivos fiscais” (Juan Picos)

Se se fixera cumprir a lexislación, o sector forestal coincide en ver unha oportunidade para as frondosas en terras agrarias abandonadas, sempre que non haxa demanda de uso gandeiro. “O esforzo tense que centrar en que esas plantacións saian ben, pois se non saen ben, veranse como un castigo. Hai marxe para gañar esa batalla, ofrecéndolle apoio ós propietarios en incentivos fiscais, orientación e formación en silvicultura”, salienta Juan Picos.

3) Investimento en mellora xenética

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán ten avanzado na mellora xenética da cerdeira galega e do castiñeiro, pero o sector incide en que pouco ou nada hai nada feito noutras especies que poderían ser de interese, como o bidueiro, “con boas perspectivas de demanda en Europa” -valora Francisco Dans-, a nogueira ou o carballo galego.

4) Situación de mercado

España é importador de madeira de frondosas de calidade. A Asociación Forestal de Galicia calculou hai uns anos un desfase entre importacións e exportacións superior a 180 millóns de euros no periodo 2003-2009. Aínda que tal cifra caíu nos últimos anos tras a crise da construción, o sector considera que hai oportunidades para a produción de frondosas en Galicia e no resto de España.

Tamén se advirte, non obstante, de que o mercado de frondosas é máis limitado que o de coníferas, e está copado a nivel internacional por Norteamérica, que conta con grandes masas naturais de caducifolias. “É un mercado problemático. En Europa hai gran preocupación pola caída do mercado de especies como a faia”, sinala Juan Picos.

5) Ciclos longos, investimentos e manexo silvícola

A rendibilidade das plantacións de frondosas presenta unha alta incertidume. “Estamos falando de ciclos de cultivo longos, que requiren un investimento inicial máis alto que outras especies, e que obrigan a efectuar podas para as que hai que ter certos coñecementos” – resume Juan Picos-. “Coas plantacións de frondosas pode chegar a obterse madeira de calidade nalgúns casos e prezos bos, pero non sempre é así”.

Desde a Asociación Forestal de Galicia, unha das principais asociacións de propietarios forestais da comunidade, reclámase un horizonte claro para os silvicultores. “As plantacións de castiñeiro para froito están en auxe porque hai unha expectativa de demanda desa castaña. Se se queren incentivar as plantacións de frondosas dirixidas a un uso madeireiro, necesitamos que haxa unhas perspectivas de mercado”.

6) Estratexia autonómica

“Se un propietario planta unha hectárea de nogueiras, pode que cando as queira vender teña dificultades para atopar comprador e para obter bos prezos. Se hai 2.000 hectáreas de nogueiras, a situación é outra” -expón Francisco Dans.- “Para toda produción forestal hai dúas necesidades, un umbral de produción e unha especialización comarcal”.

Como exemplo, Dans pon o caso do Val do Ulla. “É unha zona que podería ser de interese para as frondosas, con boas condicións e posibilidades de transformación, tanto a nivel de aserradoiros como dunha segunda transformación na industria do moble da Estrada. Que se precisaría para impulsar no Ulla un plan de frondosas? Política forestal”.

Una idea sobre “Son as frondosas caducifolias unha oportunidade perdida?

  1. Jose

    Verdades como puños muchos ecologetas de salón deberían leer esto y llenar su cabeza hueca con algo .

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información