Vilar de Frades traballos forestais

SOFOR 4.0, o reto de mellorar a xestión conxunta dos montes

Vintecatro propietarios do lugar de Vilar de Frades, en Becerreá, acaban de constituír a terceira Sociedade de Fomento Forestal da provincia de Lugo dentro dun proxecto piloto que busca adaptar esta figura legal á realidade do medio rural e forestal galego

Tres empresas galegas do sector forestal (Cerna, Seistag e Forescultura) están a desenvolver un proxecto de I+D+i financiado con fondos europeos no que participa a Universidade de Santiago que ten por obxectivo principal o desenvolvemento de coñecemento e de ferramentas tecnolóxicas para contribuír á modernización da cadea monte-industria en Galicia mediante a xestión conxunta dos propietarios forestais e a súa participación nas fases posteriores de corta, transformación e comercialización.

É o proxecto SOFOR 4.0, que finalizará neste ano 2018 coa creación dun modelo de negocio innovador adaptado á estrutura da propiedade e á competitividade do monte galego. A creación da SOFOR de Vilar de Frades está incluída neste proxecto.

O novo Plan Forestal que pretende aprobar a Xunta de Galicia no primeiro trimestre deste 2018 nace co obxectivo de poñer a producir o monte galego e ordenar a plantación das distintas especies pero cun hándicap aínda por resolver: a fragmentación da propiedade e o pequeno tamaño da maioría das parcelas de monte que hai na comunidade.

Que este factor non sexa un impedimento para a xestión forestal e a rendibilidade do monte, como mellor forma de evitar o seu abandono e problemas posteriores como os lumes, foi o obxectivo co que naceron hai case 8 anos, mediante o Decreto 45/2011 (publicado no DOG número 58 de 23 de marzo) a figura das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) como agrupación voluntaria de terreos forestais.

Pero malia o tempo transcorrido, de momento son contadas as SOFOR creadas até o de agora en Galicia, só seis, ubicadas na parroquia de Cuns, en Serra de Outes, na provincia da Coruña, e en Silleda e na Estrada dentro da provincia de Pontevedra, ademais de outras dúas de carácter provisional no Irixo, en Ourense, e en Lalín.

Na provincia de Lugo constituíronse este ano as dúas primeiras: no mes de agosto a Sociedade de Fomento Forestal Santa Juliana da Fonsagrada, formada por 33 propietarios de Cereixedo que reuniron 189 hectáreas, e o pasado mes de decembro a creada por 83 propietarios da parroquia de Cirio, en Pol, que xuntaron 52 hectáreas.

A terceira en ver a luz será a SOFOR Vilar de Frades, constituída por 24 propietarios deste lugar da parroquia de San Cosme de Ouselle, no concello de Becerreá, que van agrupar unhas 300 hectáreas de terreo forestal. Acaban de formalizar a súa inscrición no Rexistro Mercantil este pasado mes de decembro e a presidenta será Carmen López Villares, unha loitadora incansable que presidía tamén a comunidade de bens Penas Pardas e Outros a través da cal os veciños xestionaban xa en conxunto os seus montes particulares antes de constituíren a SOFOR.

“A primeira dificultade que podes atoparte é poñer de acordo aos veciños, cuestión á que eu non tiven que enfrontarme xa que o apoio foi enorme, e unha vez logrado iso tópaste coa Administración, que é lenta e non fai máis que poñer trabas”, quéixase. Carmen relata con detalle unha loita dura e difícil de moitos anos dos veciños deste lugar para poder facerse coa plena propiedade do seu monte e poder xestionalo axeitadamente para sacarlle unha rendibilidade.

Burocracia e decisións impostas

A historia comeza, como en moitos outros lugares de Galicia, a mediados do século pasado. Foi entón cando se fixo en Vilar de Frades a primeira plantación de piñeiro por parte do ICONA. Case por imposición, lembran os veciños, constituíuse unha SAT baixo o denominación Costa Formosa e Calamouco formada por 8 pobos do municipio de Becerreá colindantes con Vilar de Frades. Nomeouse unha Xunta Rectora e un presidente, pero ninguén se ocupaba do monte e a única xestión forestal que se facía era ir cortando os piñeiros que, periodicamente, os lumes ían queimando.

A comezos dos 80 a SAT non solicitou o NIF, así que se disolveu e deixou de existir. “Repartíronse os 5 millóns de pesetas que había na conta do banco entre os 8 pobos que formabamos a SAT e Vilar de Frades pediu a segregación e constituíu unha sociedade (Cabezón, Penas Pardas y Otros) formada por 13 propietarios, que durou moi pouco, e en 1998 recomendáronnos por tema tributario facer unha CB, que é como operabamos até agora”, lembra Carmen.

No pobo hai só 6 casas e malia que Carmen non é orixinaria de Vilar de Frades (“vin casada para aquí hai 35 anos”, aclara), os veciños depositaron a súa plena confianza nela para a xestión do monte. “Levo 20 anos loitando con este monte e xa case é o meu pesadelo. Acabarei sendo unha experta, porque hai días que estou desde as 9 da mañá até as 9 da noite ao teléfono e non amañei nada. A Administración ten moita paciencia e eu non teño tanta, se pido un permiso non poden tardar 6 meses en darmo se teño dereito a el. É case imposible poñer o monte a producir por culpa da burocracia”, opina.

Primeira corta en 60 anos

Carmen

Carmen López Villares, presidenta da SOFOR Vilar de Frades

Ao redor de 130 das 300 hectáreas que vai integrar a SOFOR estaban conveniadas coa Administración autonómica, unha situación á que os veciños puxeron fin no mes de marzo cancelando o contrato de xestión que os vinculaba. “Está ben que a Administración poña normas, pero ten que permitir aos veciños xestionar os seus montes e non poñer atrancos a iso”, afirma, porque “non vai xestionar mellor a nosa casa a Xunta ca nós, os propios veciños”, considera. “Pola conta que nos ten procuramos facelo o mellor posible, porque se metemos a pata metémola na nosa contra”, argumenta. Repróchanlle á Administración que non tivera feito nos anos nos que estivo baixo a súa tutela unha xestión eficaz do monte na procura dun maior rendemento do terreo e que non tivese reinvestido non propio monte o 30% dos beneficios, tal como recollía o acordo cos veciños. “O 30% que supostamente tiña que reinvestir a Administración no monte non viña para o monte, senón non estaría como está hoxe, totalmente abandonado”, aseguran os veciños.

Neste momento están a facer a primeira corta fóra da Administración. Só se fixera un aclareo no ano 1998 e unha corta recente obrigada pola normativa ao pé da estrada que une Cereixal e Louxas para deixar a distancia regulamentaria de 10 metros, así que moitos dos piñeiros dos montes de Vilar de Frades teñen xa uns 60 anos e están “pasados de idade” polo que se fai necesaria a súa corta porque “todos os anos polo vento e a neve caen moitos do vellos que son e acababan tirando aos do lado polo efecto dominó”, explica a presidenta da SOFOR.

Trala corta volverán repoboar con piñeiro porque asegura que, no seu caso, tentou por dúas veces facer plantación de castiñeiros no monte e “entre o xabarín e o corzo non foi posible lograla”. Dentro do documento de xestión que se está elaborando para SOFOR o que si se contempla é coidar os soutos existentes e manter as masas de frondosas e vexetación autóctona que hai sobre todo nas zonas de valgada próximas a regos. “As frondosas tamén hai que xestionalas, porque se están a monte nin paran o lume nin producen”, asegura.

Monte de varas por sorte ou fabeo

As restantes 170 hectáreas correspóndense na súa maioría con montes abertais, áreas proindivisas procedentes das antigas searas, típicas dos denominados montes de varas (en concreto, o de Vilar de Frades, correspondíase cun monte de 30 varas, de a 12 palmos cada vara e cada palmo equivalía a 11 centímetros), xestionados normalmente mediante sorte ou fabeo (cada ano os veciños botaban a sortes as distintas searas nas que se dividía o monte, con calidades do chan distintas, e nas que se sementaba o centeo co que se facía o pan nas casas).

“Na súa meirande parte é un monte privado proindiviso, que está sen partir pero é noso, e cada veciño ten a súa participación”, explica Carmen. A súa correspóndese co 15%, a porcentaxe que posúe a casa de Quietanín. Considera que é un modo de propiedade que se pode integrar perfectamente nunha SOFOR. “É un monte moi desigual, con sitios bos e outros nos que só hai penas, e nos que había tradición de xestión en conxunto, polo que entendemos que ten un perfecto encaixe nunha SOFOR”, di.

Monte da Sofor Vilar de Frades

Monte da Sofor Vilar de Frades

Antídoto contra os lumes

O interior da montaña luguesa, xunto coa Costa da Morte, son dúas das zonas onde existe especial interese en desenvolver esta figura, non só para poñer en valor o monte, senón tamén como xeito de previr os incendios forestais.

“Neste momento estamos a cortar unhas 70 hectáreas de piñeiro que libraron do lume milagrosamente porque isto está coma unha selva. Se houbese un lume, arrincaría na estrada de Navia de Suarna e pararía na autovía, ardería todo, porque sería imposible detelo”, admite Carmen. Para non correr ese mesmo risco coa nova plantación, van limpar e facer entresacas para deste xeito reducir a materia combustible que hai no monte.

A presidenta desta Sofor defende que debe ser a Administración directamente a que de oficio realice a vixilancia e control das distancias entre as plantacións e as vivendas porque “ese é o seu traballo”, pero tamén reclama “maior corresponsabilidade” por parte dos propietarios de montes e da poboación en xeral: “As silvas ao lado da miña casa teño que cortalas eu e non esperar a que veña a Administración a facelo; pensamos que nos vai solucionar todo a Administración, pero se arden as casas ou o monte árdennos aos veciños, non á Administración”, di.

“É posible facer unha xestión forestal que reporte un rendemento económico todos os anos aos propietarios a partir de 15 hectáreas de superficie”

Óscar Expósito

Óscar Expósito, socio de Cerna

As Sociedades de Fomento Forestal constitúense a partir da cesión de parcelas de distintos propietarios individuais a unha sociedade mercantil de responsabilidade limitada co obxectivo de facer unha xestión forestal conxunta deses terreos. Con esta fórmula preténdese que a excesiva fragmentación do monte que hai en Galicia, onde hai preto de 700.000 propietarios forestais con parcelas pequenas e dispersas, non supoña un problema para buscar a súa rendibilidade. Este tipo de sociedades, que admiten ademais unha xestión multifuncional do monte e polo tanto, con distintos aproveitamentos, garante o dereito de propiedade dos socios, que soamente ceden os dereitos de uso.

Óscar Expósito, enxeñeiro de montes e un dos socios de CERNA Ingeniería, a empresa que está a asesorar desde o ámbito técnico aos veciños de Vilar de Frades para que lle saquen maior partido ao seu monte, asegura que “é inviable facer unha xestión forestal axeitada para unha pequena superficie como a que normalmente manexan a maioría dos propietarios forestais galegos”, polo que defende o “aproveitamento forestal en xestión conxunta”.

“A partir de 15 hectáreas de superficie xa é posible diversificar producións e acadar unha sustentabilidade e unha rendibilidade económica anual, aínda que o ideal sería poder manexar unha superficie en torno ás 50 hectáreas”, considera. Ao seu modo de ver, en Galicia sería un modelo “óptimo” poder traballar coa parroquia como unidade de actuación e de xestión forestal.

Óscar Expósito (CERNA): “Galicia ten unhas condicións inmellorables para a produción forestal”

O caso de Vilar de Frades constitúe unha especie de proxecto piloto dentro da iniciativa SOFOR 4.0, un programa de traballo que implica a tres empresas galegas do sector forestal: CERNA Ingeniería, dedicada á investigación, certificación e á xestión forestal; SEISTAG, que traballa no campo da investigación, transformación e exportación de madeira; e FORESCULTURA, especializada en traballos forestais. Este proxecto europeo busca, entre outros obxectivos, mellorar a actual figura das Sofor para que se adapte mellor á realidade do medio rural e forestal galego.

“Galicia ten unhas condicións inmellorables para a produción forestal, coa maior capacidade de crecemento de toda Europa. Neste momento entorno ó 50% da madeira que se produce en todo o Estado procede de Galicia e a metade da produción galega está na provincia de Lugo. Son parámetros suficientemente claros para ver que temos un recurso incrible que temos que aproveitar e no que é necesario mellorar moito, optimizando procesos e rendementos”, considera o responsable de CERNA.

É unha opinión que comparte a presidenta da Sofor de Vilar de Frades. “De momento non sabemos que rendibilidade lle podemos sacar ao monte, porque até agora non se fixo xestión intensiva en condicións”, di. “Nós agora imos investir no monte e telo como é debido, limpo e con pistas de acceso, até agora non se facía nada disto, nin sequera se facían entresacas”, explica Carmen.

Monte ordenado

Comezaron por elaborar para 170 hectáreas da superficie que vai integrar a SOFOR un documento técnico de xestión (Proxecto de Ordenación Forestal) que será ampliado para as 130 hectáreas restantes. Trátase, en definitiva, dun documento guía onde se establece unha planificación de cortas e de melloras a executar no monte nos vindeiros 10 anos, nos que está prevista a corta a feito dunhas 70 hectáreas, cortas de mellora (rareos) noutras tantas e a posterior repoboación coas especies Pinus radiata (piñeiro insigne), Pinus pinaster (piñeiro do país) e diversas especies de frondosas autóctonas, que reforcen ás xa existentes, en zonas de valgada.

Segundo ese documento técnico de xestión, o modelo silvícola, por exemplo, para o piñeiro insigne sería o seguinte:

ANO 0: plantación, cunha densidade de 1.100 pés por hectárea.

ANO 1: reposición de marras (plantas secas e faltas).

ANO 2 e 5: Rozas para eliminar a competencia do mato sobre a plantación.

ANO 10: Roza de penetración e poda baixa até 3 metros e trituración dos restos

ANO 15-20: primeira corta de mellora e aclareo que elimina o 40% dos pés (quedan entorno a 660 pés por hectárea) mediante a técnica da corta sistemática (elimina 1 de cada 5 filas, o que supón unha redución do 20% dos pés) e selectiva mixta (sácanse os peores pés das filas que quedan, independentemente do seu diámetro, o que supón a corta doutro 20% dos pés). Neste momento xa se saca o primeiro rendemento madeireiro ao monte (unhas 100 tm de madeira por hectárea) e uns ingresos de entre 16 e 18 euros por tonelada. Nesa mesma etapa, xusto despois desta primeira corta, escóllense os 400-500 mellores pés por hectárea, que son os que van chegar á corta final e fáiselles unha poda até 6 metros de altura, triturando os restos desa poda.

ANO 25: faise a segunda clara selectiva mixta (elimínanse os peores pés, entorno a un 30%), quedando o monte cos mellores 400-500 pés por hectárea que foran previamente podados. Nesta segunda corta sácanse uns rendementos de 200-250 toneladas de madeira por hectárea e o prezo sobe a 20-22 euros por tonelada.

ANO 35: corta final dos 400-500 pés restantes cunhas producións de 450-500 toneladas de madeira por hectárea e prezos finais que rondan os 25-30 euros por tonelada.

As decisións sobre cortas, repoboacións ou traballos a realizar no monte son dos 24 veciños en base ao fixado no documento de xestión e a empresa que o elaborou fai tarefas de seguimento e control para asegurar que eses traballos que se fan no monte sexan os correctos.