A seca condiciona a resistencia dos piñeiros fronte ó gurgullo

Unha investigación do CSIC en Galicia amosa que a escaseza de auga inflúe na resposta dos piñeiros a pragas de insectos como o gurgullo. O achado pode resultar útil para optimizar ferramentas de mellora xenética destas especies

A seca condiciona a resistencia dos piñeiros fronte ó gurgullo

A investigadora Estefanía Suárez realizando medicións de piñeiros para a súa investigación.

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG- CSIC) Estefanía Súarez Vidal conclúe na súa tese doutoral que a seca pode modificar a resistencia e a capacidade de resposta dos piñeiros ibéricos a insectos mordedores da casca da árbore, como o gurgullo.

O estudo xurdiu coa intención de avaliar a resposta que desenvolven especies forestais como as coníferas fronte ás presións derivadas do cambio global, un concepto que inclúe tanto a crise climática como as pragas derivadas de invasións biolóxicas. Así, a investigadora optou por centrar os seus traballos na conca mediterránea por ser especialmente vulnerable ós efectos do cambio global, polo incremento de temperatura que se está a rexistrar, o descenso das precipitacións e a presenza de novas pragas.

A investigación realizouna en dúas especies de piñeiro con presenza en España: piñeiro marítimo ou do país (Pinus pinaster Ait.), habitual en Galicia, e o piñeiro carrasco ou de Alepo (Pinus halepensis Mill). De feito, para estudar a resistencia das coníferas ós insectos mordedores, a investigadora colleu como referencia o gurgullo do pino (Hylobius abietis). Suárez Vidal analizou aspectos como os factores que alteran a fotosíntese ou como os diferentes niveis de seca poden alterar a resistencia e capacidade defensiva contra o gurgullo.

Ademais, tal e como indica a investigadora, os resultados axudan a comprender o comportamento dos piñeiros mediterráneos en resposta de cambios como a escaseza de agua e poderían ser de utilidade para lograr ferramentas de mellora xenética e de xestión forestal no contexto de crise climática actual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información