“Se somos quen de impulsar a industria forestal, o monte terá máis rendas”

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema Piñeiro, anuncia un plan de formación orientado ás empresas da madeira. Destaca a necesidade de que o sector se embarque nun camiño de innovación tecnolóxica.

“Se somos quen de impulsar a industria forestal, o monte terá máis rendas”

José Ignacio Lema, director da Axencia da Industria Forestal.

A comisión do Parlamento que estudia o problema dos lumes forestais nos montes galegos contou hoxe coa comparecencia, entre outras persoas, do director da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema. A súa intervención era agardada no sector, pois leva poucos meses á fronte da nova Axencia, desde o pasado outono, e hai interese en coñecer cales son as liñas de traballo que se marca. Lema apuntou dúas prioridades de traballo, formación e innovación tecnolóxica, e abordou tamén unha das grandes cuestións. Que madeira debe producir o monte galego de cara ó futuro?

Os deputados presentes na comisión inqueriron ó director da Axencia da Industria Forestal polo seu proxecto de monte e de industria forestal para o futuro. “Fálase de que Galicia precisa madeira de calidade, pero as carballeiras que temos non serven máis que para leña, e tamén temos a realidade de que os paisanos non están dispostos a plantar árbores frondosas con turnos de corta de 40 ou 50 anos” -expuxo Xosé Luis Rivas, ‘Mini’ (Bng)-. “O sector forestal está monopolizado na actualidade por Ence e pola industria do taboleiro, xa que nos últimos 15-20 anos pecharon case todos os aserradoiros”, expuxo.

“As industrias teñen que dicir que oportunidades de negocio ven no monte galego, non vaia ser que fomentemos especies nas que non hai interese”

O director da Axencia da Industria Forestal, José Ignacio Lema, entrou no debate, se ben precisou que a Axencia carece de competencias sobre a producción forestal no monte. “As industrias teñen que adaptarse ós turnos de corta da madeira xa existente, pero as empresas tamén deben dicir que oportunidades de negocio hai no monte galego, non vaia ser que fomentemos determinadas especies frondosas que non sexan competitivas coa madeira que se importa, por exemplo, dos países do Leste de Europa”, valorou.

Perspectivas na industria
Sobre a situación da industria de primeira transformación da madeira, afectada nas últimas décadas por numerosos peches, Lema sinalou que en moitas casos houbo unha falta de relevo xeneracional e noutros un pequeño tamaño que impediu os investimentos en renovación tecnolóxica. “A excesiva atomización é un problema nun mercado competitivo e global. Pode ser unha vantaxe só se a empresa se especializa nun nicho de mercado. Temos casos en Galicia, como o dunha firma que elabora virutas de madeira para ambientadores ou outra que fai tapóns de madeira”, destacou.

“As empresas pequenas teñen que especializarse en nichos de mercado e lanzar produtos innovadores”

Lema considera que o camiño das industrias de menor tamaño pasa por traballar en produtos innovadores. “É certo que as masas de carballo ou castiñeiro que temos teñen un escaso aproveitamento madeirable, xa que trátase dunha madeira sen coidados silvícolas, pero esa madeira ter un uso. O CIS Madeira traballou nun proxecto, conxuntamente con Pemade (Universidade de Santiago) para fracturar as táboas de castiñeiro e ligar posteriormente as súas fibras nun novo produto tecnolóxico. Tanto ese proxecto como outros, como o da empresa que elabora virutas de madeira para ambientadores, poden traballar con trozas cortas de pés de carballo ou castiñeiro que en principio non eran madeirables”, valorou.

No tocante á industria de segunda transformación, o director da Axencia de Industria Forestal incidiu no éxito de empresas galegas especializadas no contract, unha canle de vendas especializada en grandes clientes e en produtos cunha forte compoñente de deseño e innovación. “Son vías que aportan valor engadido e marxes grandes sen grandes volumes de traballo”, salientou. “Se somos quen de impulsar inicitivas industriais que afonden na innovación e que logren xerar maior valor, estaremos transferindo máis rendas o monte”, concluíu.

Plan de formación
O director da Axencia da Industria Forestal anunciou tamén un plan de formación dirixido ás empresas do sector co obxectivo de dar resposta ás necesidades que se lle trasladen desde as industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información