Renovadas as medidas fitosanitarias contra o nematodo do piñeiro

Os propietarios con parcelas ubicadas a menos de 20 quilómetros de Portugal teñen a obriga de eliminar todas as árbores con síntomas de seca ou decaimento. A medida afecta tamén ás beiras de estradas e vías férreas conectadas con Portugal, ata a 100 quilómetros do país veciño

Renovadas as medidas fitosanitarias contra o nematodo do piñeiro

A praga do nematodo está ás portas das masas de piñeiro do sur de Galicia.

A Consellería do Medio Rural vén de renovar as medidas fitosanitarias para previr a expansión en Galicia da praga do nematodo do piñeiro. O nematodo está ampliamente extendido por Portugal e detectouse no sur de Galicia, procedente do país veciño, en dúas ocasións, nas Neves (2010) e en Salvaterra do Miño (2016), nun segundo foco que distaba 3 quilómetros do primeiro.

A proximidade da praga determinou que a Xunta regulase desde o 2011 a obriga de que os propietarios próximos á fronteira con Portugal controlen a sanidade forestal das súas masas de piñeiro. Na zona demarcada das Neves, 20 quilómetros arredor do primeiro foco, e na chamada franxa tampón da fronteira, todo o territorio a menos de 20 quilómetros do país veciño, os propietarios teñen que eliminar calquera piñeiro que presente síntomas de seca ou decaímento.

O motivo é que esas árbores son as máis susceptibles de ser infectadas polo nematodo, que utiliza para desprazarse un insecto vector, o Monochamus galloprovincialis. A maiores, tamén os propietarios de parcelas forestais que estean a menos de 100 metros de estradas, autoestradas e vías férreas que conecten co país veciño teñen que eliminar os pés con sintomatoloxía. Esta obriga exténdese a todas as parcelas que estean ata a 100 quilómetros da fronteira e que limiten con estradas, autoestradas ou vías férreas conectadas con Portugal.

En caso de que os propietarios incumpran a súa obriga, a Administración poderá executar as cortas pertinentes de xeito subsidiario.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información