“Regular o eucalipto? Veremos se hai que regulalo máis porque xa está moi limitado”

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal vai cumprir nuns días os seus primeiros seis meses de actividade. Falamos co seu director xeral, José Luis Chan, para abordar as liñas estratéxicas do traballo do departamento

“Regular o eucalipto? Veremos se hai que regulalo máis porque xa está moi limitado”

José Luis Chan, ante a Dirección Xeral, en San Lázaro (Santiago).

A separación na Administración entre a xestión do monte e a loita contraincendios era unha vella demanda do sector forestal, que entendía que os lumes se comían boa parte dos presupostos e esforzos públicos adicados ó monte. O ditame parlamentario sobre a vaga de lumes do 2017 avogou tamén por esa separación, que se levou á práctica coa creación en decembro do 2018 da Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, desmarcada da Dirección Xeral de Defensa do Monte, encargada dos lumes.

Case seis meses despois da división de competencias, falamos co director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, un profesional cunha experiencia longa nos servizos forestais da Consellería do Medio Rural e que nos últimos catro anos foi xefe de servizo na provincia da Coruña.

No sector forestal houbo descontento nos últimos anos pola xestión das subvencións en todo o referente a súa convocatoria, prazos e inspeccións. Tamén queixas polos retrasos ou falta de investimentos en montes conveniados. Separar xestión forestal e lumes vai permitir unha corrección desas eivas?
– A separación da xestión é un feito. Temos agora mesmo unha Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal cunhas competencias diferenciadas, cun servizo adicado á propiedade forestal, outro á sanidade dos montes, outro ó fomento forestal e un cuarto servizo centrado nos montes de xestión pública. Polo tanto, hai liñas do ámbito forestal que corresponden a esta Dirección Xeral, outras á Dirección Xeral de Defensa do Monte e outras compatibles coas dúas direccións. En función diso, iranse determinando os orzamentos anuais.

En canto ás axudas, agora mesmo temos tódalas axudas xa lanzadas, estamos pagando as ordes de silvicultura e forestación 2018-2019 e estamos a piques de aprobar a orde de forestación 2019-2020. Tamén estamos revisando os expedientes de axudas de silvicultura 2019-2020, que levan moi pouca anualidade para este ano, pois o importante é que tanto comunidades de montes coma propietarios e empresas de servizos forestais teñan tempo de organizar os seus medios para acometer tódolos traballos. Por iso estamos convocando axudas bianualizadas, que é o lóxico.

Por outro lado, temos aprobadas axudas para proxectos de ordenación que afectan a case 130.000 hectáreas e está aprobado o apoio á creación de 12 novas Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), ó amparo da convocatoria 2018-2019. Para a orde de Sofor 2019-2020, na que estamos traballando, faremos algunha modificación.

A figura das Sofor creárona no 2011 co obxectivo de enfrontar un dos grandes problemas do monte, a reducción do minifundio, pero ata o de agora tivo un escaso éxito. Barallan outras fórmulas para enfrontar o problema do minifundio forestal?

“A parte das Sofor, crearemos entre dúas e catro figuras novas para promover a xestión conxunta do monte”

– O movemento asociativo de buscar fórmulas de xestión conxunta da propiedade particular en Galicia non é doado, a ninguén se lle escapa. O monte non é unha excepción, pero na primeira orde de axudas aprobáronse 10 Sofor, agora son 12 máis (22 en total). O camiño, como dicía o poeta, faise andando. Por iso queremos darlle continuidade ás Sofor, porque sabemos que xa hai iniciativas fóra destas ordes de axudas para iniciar novas Sociedades de Fomento Forestal, pero ó mesmo tempo, estamos estudando todo o que a lei pon ó noso dispor para crear entre dúas e catro figuras novas de agrupacións de xestión conxunta.

Algunhas destas novas figuras serán máis ambiciosas e outras máis sinxelas, igual encamiñadas a garantir só unha xestión conxunta de mínimos, mantendo á vez a propiedade individual. Esas figuras asociativas pretendemos que aparezan xa na Lei de Mobilidade de Terras, na que está traballando a Consellería.

“As fórmulas asociativas deberán ter unha fiscalidade que as incentive, que é algo que abordaremos coa Administración central”

En canto teñamos as novas figuras reglamentadas, haberá que abordar algo que depende da Administración central, que é ter unha fiscalidade axeitada para todas esas fórmulas, que esa fiscalidade sexa un atractivo que sirva de pulo para que a xente se organice.

Se queremos un medio rural activo, os investimentos e aproveitamentos teñen que ter unha fiscalidade axeitada, cando ademais o aproveitamento forestal obtense nun periodo longo de tempo, non falamos de colleitas anuais senón de moitos anos e uns riscos evidentes. Precisamos por tanto unha fiscalidade que favoreza a xestión forestal.

Pasemos a algúns dos temas que están a ser máis polémicos nos últimos anos, Plan Forestal e eucalipto. No borrador do Plan Forestal, falan de limitar a superficie do eucalipto en Galicia. Teñen previsto establecer restriccións a súa plantación en determinadas comarcas?
– Respecto ó eucalipto, cada un opina o que considera oportuno, que é algo válido, pero hai que opinar sempre sobre un eixo de coordenadas reais. Se disfrazamos a realidade segundo nos convén, estamos facendo un flaco favor.

A política forestal en Galicia está sempre condicionada por un factor clave, o lume. Somos unha comunidade con incendios forestais e que nunha porcentaxe alta son intencionados. Por tanto, falo en plural, poñémoslle lume ó monte, que é algo inconcebible noutros países europeos.

“Hai que preguntarse por que os propietarios elixen o eucalipto e por que xa non se plantean outras especies”

Entón, ante esa situación de inestabilidade e de falta de garantías, a xente reacciona coas cartas que mellor ten. Que lle garante o eucalipto á xente? Un rendemento económico, incluso un rendemento económico a curto prazo, e unha garantía de que, no caso do eucalipto globulus, ten unha capacidade de rebrote. É unha especie que para os propietarios ten unha serie de vantaxes á hora de valorar que plantar nos seus montes.

Hai que preguntarse por que os particulares elixen o eucalipto para os seus montes e por que xa non se plantean a utilización doutras especies que tamén serían acaídas para esas superficies. En canto á regulación do eucalipto, no Plan Forestal, que aínda non está aprobado, fálase da regulación e minoración da superficie forestal do eucalipto.

Farase entón esa regulación do eucalipto?
Que a plantación do eucalipto haina que regular?. A plantación de eucalipto veremos se hai que regulala máis, porque xa está moi regulada. O eucalipto non se pode plantar en núcleos rurais, por suposto en núcleos urbáns, non se pode plantar en solo rústico de especial protección agropecuaria, non se pode plantar na Rede Natura, non se utiliza como especie nos montes de xestión pública e hai unha serie de distancias detalladas tanto na Lei de Incendios como na Lei de Montes que obrigan á retirada de eucaliptos e piñeiros en determinadas circunstancias: ríos, estradas, vivendas, núcleos rurais, etc.

“Faremos un inventario forestal cada cinco anos, pero de xeito anual teremos datos para valorar a evolución das distintas especies no monte”

Por tanto, hai xa moita regulación que limita a plantación de eucalipto. Con iso manteremos un umbral de superficie de eucalipto que consideramos axeitado? Pois iso hai que velo.

Para tomar decisións, temos que basearnos en información contrastada. Os inventarios forestais a nivel estatal fanse cada dez anos. Iso pódese considerar idóneo a nivel doutras comunidades autónomas, pero en Galicia, tendo especies de crecemento rápido, non parece que iso permita un seguemento axeitado da evolución das masas. A nosa intención é plantear un inventario forestal continuo para ter unha revisión máis detallada cada cinco anos, pero anualmente teremos datos para valorar a evolución das superficies en base á información de cortas, voos satelitais e datos dos viveiros.

Fala de que o eucalipto está moi regulado, pero outra cousa é o grao de cumprimento da regulación. Nas comarcas lácteas, é unha queixa recurrente a impunidade das plantacións ilegais en terras agrarias. Pensan aplicar un maior control?

“Levamos tramitados máis de 1.500 expedientes sancionadores por plantacións ilegais”

– Ás veces fanse xuízos de valor, como se todo estivera ben ou mal. Cando baixamos á planificación territorial, a ninguén se lle escapa que a ordenación do territorio en moitos Concellos non é de todo correcta. Á hora de determinar se un solo rústico é ordinario, de protección agropecuaria ou de protección forestal, hai dificultades. Hai persoas que entenden que porque haxa actividade agrícola nunha zona, iso xa é agrícola 100%. Ao mellor, esa actividade agrícola está sobre un solo rústico de protección forestal, co cal pódese plantar.

É tamén certo que hai plantacións que se fixeron nun determinado momento sobre solos que deberían ser agrogandeiros exclusivamente. Nese senso, hai que dicir que se levan tramitados preto de 1.500 expedientes sancionadores, pero hai máis de 4.000 advertencias e apercebementos, a parte dun traballo continuo do persoal da Consellería para trasladarlle ós propietarios a necesidade de retirar plantacións sen chegar á fase de sanción.

“O descenso das coníferas en Galicia é un tema que nos preocupa e que temos presente”

Falaba antes de que os propietarios estanse a decantar de xeito maioritario polo eucalipto. Ve posible políticas que incentiven alternativas, coma os piñeiros?
– As coníferas sempre foron un aproveitamento básico do sector forestal galego. A industria forestal galega está baseada maioritariamente no aserrío de coníferas, polo que o descenso de superficie de piñeirais que se aprecia nos sucesivos inventarios forestais é un tema que nos debería preocupar e que temos presente na Dirección Xeral.

A especie que paulatinamente vai baixando en superficie é o piñeiro porque empuxa forte o eucalipto e hai cambios de especies entre piñeiros e eucaliptos. As frondosas mantéñense máis ou menos constantes en torno ás 600.000 hectáreas que dan tódolos inventarios.

En canto ás axudas, quero remarcalo, a ver se queda claro dunha vez. As axudas da Xunta para silvicultura e forestación son sempre para potenciar coníferas e frondosas autóctonas. Non hai ningunha liña de axudas nin investimentos adicados ó eucalipto. Polo tanto, poderemos valorar se as axudas son suficientes ou non para potenciar plantacións de piñeiro, pero que as axudas están enfocadas cara as coníferas non é algo discutible.

Tamén son de destacar os movementos que xurden no sector privado, como a plataforma que creou parte do sector forestal para potenciar as coníferas. Que o sector forestal se organice para defender algo que é vital para eles, nunha comunidade onde o 98% do monte é particular ou veciñal, é de aplaudir e ata é lóxico e coherente.

Que impacto cre que acadará a praga do nematodo do piñeiro, que xa afecta ó sur de Pontevedra, e que se pode facer ó respecto?
– As ameazas de riscos bióticos e abióticos en Galicia e na Península están á orde do día. A globalización ten vantaxes, pero de cara ó movemento de recursos naturais, está producindo a introdución de pragas e enfermidades. O nematodo entra por Setubal (Portugal) a inicios de século e exténdese por todo Portugal, que é zona demarcada.

“Estamos entrando a cortar a madeira queimada no 2017 que queda, sobre todo, en montes particulares do sur de Pontevedra”

En Galicia, tras os primeiros positivos, tiñámolo controlado, pero tivemos a mala sorte de que se producira un incendio forestal de gran magnitude na zona demarcada, co cal o vector que expande o nematodo do piñeiro, que é un coleóptero, o ‘Monochamus galloprovincialis’, atopou un hábitat propicio. Os coleópteros adoitan anidar na madeira e ter unha etapa de perforadores, polo que cando comeza a haber madeira seca, é a panacea para eles.

Tralos incendios, houbo un comportamento exemplar das comunidades de montes na retirada da madeira queimada. En canto á propiedade privada particular, ten os problemas que sabemos todos. Hai unha porcentaxe importante de propietarios descoñecidos e propietarios que non son silvicultores activos. Nestes momentos estamos entrando nós a cortar esa madeira afectada polos lumes no sur de Pontevedra, a fin de reducir os riscos.

O nematodo é unha praga que afecta a outros países e nunca se logrou unha medida concreta que solucione o problema. No Centro de Investigación Forestal de Lourizán iniciamos un plan para comprobar se había certa resistencia nas familias galegas de piñeiro que manexa o Centro e os primeiros resultados coinciden en que hai unha serie de familias que teñen unha certa resistencia á enfermidade. Teremos que profundizas nas investigacións, pero toda mellora en xenética forestal non ten resultados inmediatos no monte. Agora ben, hai esa posibilidade e ímola traballar.

En canto ó Plan Forestal de Galicia, no que a Consellería leva traballando varios anos, cando está previsto ter un documento final, para a súa posterior aprobación?
– Cando se creou a Dirección, atopamos o Plan Forestal a piques de ser finalizado, pero coincidiu con que a comisión parlamentaria creada no Parlamento Galego a raíz da vaga de lumes do 2017 elaborou un ditame cunha serie de 123 recomendacións. Entón, parece lóxico que esas recomendacións, que contaron cun amplo consenso, se inclúan no que atinxe ó Plan Forestal para que se recoñezan claramente

“A nosa intención é ter rematado o Plan Forestal en xuño ou a comezos do verán”

Por outro lado, estamos elaborando unha información estatística, a modo de anuario de estatística forestal, con datos pechados a 31 de decembro do 2018, e tódalas referencias a cortas, montes de xestión pública, etc. van utilizar eses datos. Estamos á espera tamén de que o Ministerio nos remita oficialmente a documentación dun inventario de especies de crecemento rápido en Galicia, do que xa presentou un avance, a fin de incluír eses datos.

Durante o desenvolvemento do Plan Forestal, houbo ademais moitas achegas e por iso estamos revisando todo o documento. A nosa intención é telo rematado ó longo do mes de xuño ou comezos do verán.

Con ese documento, continuarase por un lado a tramitación medioambiental e polo outro, a coordinación coas outras forzas políticas para que valoren o contido do Plan Forestal. Sería conveniente que ese Plan fose respaldado por tódalas forzas políticas, pois establece as directrices a seguir no monte en Galicia no periodo 2020-2040.

“Queremos ter un contrato de xestión pública de montes veciñais antes de que remate a lexislatura”

José Luis Chan no seu despacho.

José Luis Chan no seu despacho.

Os convenios e consorcios que teñen suscritos coa Xunta parte dos montes veciñais rematarán, a máis tardar, a finais do 2021. Como están enfocando a rescisión deses convenios?
– Estamos axilizando todas as rescisións de convenios que veñen de parte, é dicir, por solicitude das comunidades de montes ou particulares. Nos dous últimos meses, debemos levar rescindidos en torno a 50 montes, máis de 6.000 hectáreas, e estamos semanalmente rescindindo consorcios e convenios.

Hai tamén unha posibilidade de rescindir de oficio desde a Administración unilateralmente, pero semella lóxico que, xa que esa xestión pública durou décadas, se fale coas comunidades, e hai comunidades que xa están solicitando a rescisión, polo que mentres que esa liña estea aberta, seguiremos traballando así.

A unha parte dos montes veciñais que están conveniados teñen previsto ofrecerlles un novo contrato de xestión pública. Que previsións teñen para a súa posta en marcha?
– Gustaríanos abordalo nesta lexislatura. Na Lei de Montes márcanse as prioridades de montes que van ser obxecto desa xestión pública, que irá enfocada a montes protectores, montes de alto valor xenético, masas de frondosas e montes descapitalizados. Esas superficies, se non se abordan desde unha iniciativa pública, probablemente vai ser complicada poñelas baixo o paraugas dunha xestión forestal sostible.

Tamén parece lóxico que montes produtivos, mesmo con eucaliptais, non estean baixo o paraugas da xestión pública, pois teñen medios suficientes para xestionarse directamente pola propiedade e ademais, para o manexo de masas de coníferas e frondosas autóctonas, terán apoio das liñas de axudas da Xunta.

Cando se coñecen os informes anuais de cortas en Galicia, sempre chama a atención do sector a baixa cifra de cortas en montes veciñais conveniados. Ve posible unha mellora de rendementos nas superficies de xestión pública?
– A primeira conclusión da información de cortas é que nos montes de xestión pública as cortas de madeira son menores, pero hai que ter en conta que temos moito monte claramente protector en xestión pública. Os últimos catro anos estiven de xefe de servizo na provincia da Coruña e nesta provincia, onde non hai moito monte en xestión pública, os montes que tiñamos eran montes nos que produtivamente se podía sacar algo, pero non se podían comparar con outros próximos. Tiñamos montes de Camariñas, o Pindo, a zona alta de Barbanza, a zona da Cova da Serpe… Non se podían comparar con montes próximos que producían eucalipto en cotas baixas e con capacidades de crecemento de 30 metros cúbicos por hectárea e ano.

“En xestión pública hai moito monte claramente protector. A nivel produtivo, non se poden comparar con outros”

Se en Lugo falamos dos Ancares, en Ourense do Macizo Central ou en Pontevedra do Suído, falamos de montes cunha capacidade produtiva inferior a outros montes. Non obstante, tivemos hai pouco unha reunión cos xefes de servizo provinciais e imos tratar de facer un esforzo para aumentar as cortas e a silvicultura. Os montes de xestión pública deberían ser montes modelo, pero para iso teremos tamén que reducir a superficie en xestión pública e así está estipulado no Plan Forestal. Probablemente unha superficie acaída poida estar en 100.000 ou 125.000 hectáreas. Agora estamos, xa baixando, en torno ás 270.000 hectáreas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información