procesadora monte madeira estandar

Reactivación no mercado do eucalipto e lentitude no piñeiro polas cortas poslume

O aumento da cotización internacional da pasta de papel elevou dous euros o prezo do eucalipto. En coníferas, as empresas madeireiras céntranse na saca das masas afectadas polos lumes no sur de Galicia

O mercado da madeira iniciou o ano cunha certa reactivación das vendas de eucalipto, logo de que subisen os prezos dous euros por tonelada pola mellora da cotización internacional da pasta de papel. En piñeiro, os lumes de outubro afectaron a amplas superficies de coníferas, sobre todo na provincia de Pontevedra, polo que as empresas madeireiras estanse a centrar na saca desa madeira, en tanto o resto das cortas e operacións vense ralentizadas.

A mellor situación de mercado dáse no eucalipto, que ademais rexistrou un menor volume de madeira afectada polos lumes do outono. O repunte da cotización internacional da pasta de papel elevou os prezos do eucalipto globulus certificado (sen Ive) ata os 32-33 euros por tonelada, segundo destaca o responsable de comercialización de madeira da Asociación Forestal de Galicia, Xosé Covelo. En madeira sen certificar, os prezos quédanse en torno ós 27-29 euros por tonelada en lotes medios-grandes. No caso do eucalipto nitens, mantense un prezo uns sete euros inferior ó globulus.

O eucalipto globulus certificado sitúase, tras a revalorización, en 32-33 euros por tonelada, sen Ive

A reactivación do mercado do eucalipto estase a notar na costa norte galega, a principal zona produtora da comunidade, se ben desde Promagal, a federación que aglutina ás asociacións de propietarios da Mariña lucense e Ortegal, consideran que a suba da madeira non foi suficiente.

“Temos un acordo con Ence para que se pague un prezo base de 31,75 euros por tonelada en madeira certificada polas asociacións, que pode subir en torno a un euro máis en función dos acordos que haxa con cada colectivo” -explica o presidente de Promagal, Ramón Reimunde-. “Se temos en conta que o prezo internacional da pasta de papel ronda os 1.000 dólares -uns 800 euros-, e que con menos de tres toneladas de eucalipto globulus faise unha tonelada de pasta, dedúcese que Ence, cun gasto de 100 euros en madeira vai obter 800 euros. É unha diferenza excesiva e o propietario debería obter un beneficio maior”, defende Reimunde.

Saca da madeira afectada polos lumes
Os lumes do outono afectaron en especial a masas de piñeiro do sur da comunidade, sobre todo na provincia de Pontevedra, onde arredor do 90% das cortas de coníferas estanse a centrar na saca da madeira queimada, segundo calculan desde a Asociación Forestal de Galicia. “As empresas madeireiras están a priorizar a corta de madeira queimada, o que é necesario para evitar a depreciación da madeira para serra”, sinala Xosé Covelo.

A retirada da madeira afectada polos incendios marcha a bo ritmo, se ben está a haber problemas coas autorizacións de Patrimonio

Na zona demarcada polo nematodo do piñeiro, existe tamén o problema de que a partir do 31 de marzo están limitados os movementos de madeira para fóra da zona, o que obriga a acelerar as cortas. “Se non se lograse cortar toda a madeira queimada antes de abril na zona demarcada, é de esperar unha certa flexibilidade da Administración”, agardan desde a Asociación Forestal de Galicia.

A depreciación da madeira afectada polo lume foi polo de agora escasa, segundo Covelo, que cifra en arredor de 4 euros a baixada de prezos dun lote medio. “En lotes queimados, o rendemento adoita ser menor, pois pode haber pés que xa estean en turno de corta, pero xunto a outros que están en metade de turno, o que fai baixar o prezo medio do lote”, explica.

A partir de agora, cómpre ter en conta, non obstante, que pasados 3-4 meses desde os lumes, a madeira que podería ser para serra probablemente xa estará afectada por fungos, o que obrigará a destinala a trituración, baixando sensiblemente o seu prezo.

Retrasos nas cortas
As vendas de madeira en montes xestionados de xeito directo polos propietarios e comunidades de montes estivo marchando ata agora a bo ritmo, se ben na provincia de Pontevedra producíronse problemas nas masas con afeccións de Patrimonio ou da Confederación Hidrográfica, pois o retraso das autorizacións administrativas está a paralizar parte das cortas.

Tamén hai inquietude entre os propietarios polos retrasos que se están a dar na saca da madeira dos montes conveniados coa Xunta, pois hai subastas de madeira afectada polos lumes que veñen de convocarse nos últimos días, xa máis de tres meses despois dos lumes, co cal é previsible unha depreciación maior desa madeira.

As cortas poslume están a retrasar en toda a comunidade as vendas de madeira en verde, se ben hai operacións en marcha, coma o envío dun novo barco de madeira de piñeiro radiata a China, que contribúen a reducir o estancamento.

Pendente a resolución das axudas para retirada de madeira queimada non comercial

A Xunta fixo estes días balance das nove liñas de axudas convocadas tras os lumes do outono. En total, a Administración recibiu 1.275 peticións por un importe total de 22 millóns de euros. A liña que tivo máis solicitudes foi a convocada por Medio Rural para retirada de madeira queimada non comercial e para paliar danos en pistas, captacións de auga e explotacións agrarias. Houbo un milleiro de solicitudes para esa liña, cun valor conxunto que supera os 5 millóns de euros, se ben o presuposto consignado por Medio Rural é en principio de 1,5 millóns de euros.

Desde o sector forestal, estase pendente da resolución das axudas para a retirada de madeira queimada sen valor comercial. Esa retirada é especialmente prioritaria na zona demarcada polo nematodo e na franxa tampón con Portugal (unha banda de 20 quilómetros ata a fronteira), onde esa madeira debería estar retirada antes do 1 de abril, data na que se estima que xa está en voo o insecto vector da praga, o ‘Monochamus galloprovincialis’.

En canto a outras liñas de axudas, convocadas polas distintas Consellerías, a Xunta informa de que houbo 158 solicitudes de axuda por danos dos lumes en vivendas e outras 27 peticións pola afección dos incendios a establecementos comerciais ou industriais.