Quince cousas que hai que cambiar na política forestal contra os lumes

O Parlamento galego aproba unha serie de recomendacións da comisión de estudo dos incendios forestais. En Marea e o Bloque votan en contra, PP e PSdeG a favor

Publicidade
Quince cousas que hai que cambiar na política forestal contra os lumes

Incendio forestal o pasado outono. / Arquivo.

A vaga de lumes do pasado outono destapou os riscos ós que se enfronta o monte galego. Factores como o cambio climático ou a progresiva ‘selvatización’ da fronteira dos núcleos habitados coas áreas agroforestais aumentan os perigos ante novas vagas de lumes.

Ante este escenario, o Parlamento galego desenvolveu nos últimos meses unha comisión de estudo dos incendios na que participaron 65 profesionais ligados ó sector forestal. Resumimos a continuación algunhas das súas recomendacións, que se atopan no dictame final da comisión, aprobado cos votos a favor de PP e PSdeG e cos contrarios de En Marea e Bloque.

1) Impulsar novas fórmulas para a xestión conxunta do monte
As Sociedades de Fomento Forestal (Sofor),un instrumento para agrupar a xestión de terreos forestais, colleitaron un limitado éxito nos últimos cinco anos, polo que hai consenso para impulsar novas fórmulas de xestión conxunta do monte que sexan complementarias ás Sofor.

A comisión avoga tamén por lograr unha regulación da fiscalidade que favoreza o investimento no monte, de xeito que as rendas forestais derivadas dunha xestión conxunta non se graven en maior medida que as dun propietario individual, como sucede na actualidade coas Sofor.

O Parlamento propón ademais que se defina un marco regulador que priorice a explotación agrupada fronte a propietarios individuais. Recomenda, por exemplo, que as concentracións parcelarias de monte se prioricen naqueles lugares nos que unha maioría de propietarios opte por unha fórmula de xestión conxunta.

2) Establecer franxas de protección sen mato nin arborado en torno a núcleos habitados e vías de comunicación
O ditame aconsella impulsar a ordenación progresiva das franxas de protección, comezando polas áreas de maior risco de incendios. Buscarase que nas franxas arredor dos núcleos se desenvolvan actividades agrarias e priorizarase nestas zonas a mobilización de terras improdutivas e a investigación da propiedade das mesmas.

Creación dun ente

A Xunta centralizará nun ente a colaboración cos Concellos en materia de prevención, nomeadamente para o control das franxas de protección. Este ente deberá estar operativo antes do 30 de xuño do 2019.

Proponse ademais que os Concellos teñan rematados antes de cinco anos os plans municipais de prevención e defensa contra incendios, nos que deberán figurar as franxas de protección de núcleos de poboación.

3) Mobilizar as terras improdutivas
A comisión sinala a necesidade de impulsar a mobilización dos predios de vocación agraria incluídos en perímetros en estado de abandono, prestando especial atención ás franxas arredor dos núcleos de poboación.

O dictame parlamentario propón asimesmo mellorar o coñecemento da propiedade rústica en Galicia, tanto forestal coma agraria, establecendo convenios con Catastro para identificar ás parcelas sen propietario coñecido e investigar a quen corresponden.

En caso de que non sexa posible localizar ao propietario, esas parcelas pasarían a ser xestionadas pola Xunta e inscritas no rexistro de Propiedade a nome da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que poderá vendelas ou cedelas.

Polígonos agrarios e forestais

No marco da ordenación integral do territorio rural, proponse a promoción de polígonos agrarios e forestais, nos que as fincas en estado de abandono activaríanse –previo arrendamento ou venda- por parte dos promotores do polígono.

O Parlamento avoga por dotar de maiores medios técnicos e humanos ó Banco de Terras. Recoméndase tamén que a Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (Agader) pase a chamarse Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural Sostible e a Mobilización da Terra Produtiva.

4) Ordenar de xeito integral o territorio rural
O Parlamento avoga por unha ordenación do territorio que defina de xeito simultáneo que solos teñen uso agrícola, gandeiro ou forestal. “Son usos que compiten polas mesmas localizacións, polo que deben ordenarse de xeito que se optimice o beneficio, non só económico, senón tamén ambiental e social”, expón o dictame da Cámara autonómica.

Nesta liña de traballo, a comisión suxire que os Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF), dos que se dotará a cada un dos 19 distritos forestais de Galicia, estean rematados a máis tardar no 2024.

5) Promover a inclusión de frondosas autóctonas como acompañantes da especie principal nas repoboacións que se fagan con fins produtivos
O obxectivo é mellorar a biodiversidade forestal e xerar discontinuidades en masas monoespecíficas.

6) Crear un rexistro de montes protectores e de masas consolidadas de frondosas autóctonas
O monte protector é unha figura que aparece na Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012), pero aínda non están definidas as súas características nin hai directrices de xestión para protexer os seus valores.

A comisión recomenda que se desenvolva esta figura e que se cree un rexistro de montes protectores, así coma outro de masas de frondosas autóctonas consolidadadas. Estas últimas deberán ter alomenos 15 hectáreas de superficie e un mínimo de vinte anos de idade media dos seus pés.

7) Regular a figura do silvicultor activo e crear un rexistro voluntario dos mesmos
Por silvicultor activo, entenderase aos propietarios individuais, comunidades de montes ou sociedades de propietarios que teñan un instrumento de ordenación e xestión forestal aprobado, que dispoñan de certificación forestal, que sexan membros dunha asociación de propietarios e que acrediten que realizan actividades ligadas á explotación económica dos seus montes.

O dictame da comisión propón que a Administración priorice ós silvicultores activos na concesión de subvencións e incentivos públicos de apoio ó sector forestal.

8) Cambiar as subvencións ao sector forestal para transformalas en acordos / contratos sostidos no tempo
Con este cambio, búscase un financiamento estable para o conxunto de operacións especificadas nos intrumentos de planificación forestal (proxectos de ordenación, modelos silvícolas, etc.) aprobados pola Administración. Deste xeito, melloraríase a programación de traballos de cada monte, evitando que haxa que buscar o encaixe das distintas convocatorias da Administración nas necesidades do monte.

A comisión propón porcentaxes de subvención variables, apoiando en maior medida ós montes menos rendibles, o que incentivaría a reforestación ou rexeneración con determinadas especies.

O Parlamento chama tamén a adiantar as convocatorias das subvencións para que haxa tempo suficiente para o desenvolvemento en prazo dos traballos, como no caso das axudas a rozas.

9) Reformar a fiscalidade forestal
O dictame demanda unha reforma lexislativa relativa ó imposto de sociedades para reducir o tipo impositivo aplicable a comunidades de montes veciñais. Pídese tamén unha mellora da fiscalidade aplicable ás sociedades de fomento forestal (Sofor).

10) Impulsar fondos de investimento forestal
A comisión suxire a posta en marcha dunha regulación específica para a creación de fondos de investimento que sirvan por un lado, como instrumento de aforro a longo prazo, e por outro como mecanismo financieiro para promover unha xestión forestal sostible. Proponse que estes fondos poidan investir directamente en activos forestais ou ben participar en sociedades de fomento forestal (Sofor).

11) Crear unha comisión de simplificación normativa
A concurrencia de múltiples Administracións con competencia sobre o monte leva a que en determinadas áreas, con afeccións por exemplo de Patrimonio ou da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, os permisos de corta e outros trámites se cheguen a retrasar máis de seis meses, con picos de ata 10 meses de espera. Crearase unha comisión para simplificar a normativa, que deberá presentar as súas conclusións a máis tardar o 30 de xuño do 2019.

12) Desenvolver un plan de actuacións de mellora das zonas de pastoreo extensivo en terreos forestais
Quérese fomentar a ordenación silvopastoril do territorio, de xeito que contribúa á prevención dos lumes.

13) Recuperar o uso das queimas controladas
Fóra do periodo de máximo risco de lumes, preténdese un maior uso das queimas controladas para a redución do combustible acumulado no monte.

A comisión recomenda tamén o desenvolvemento dun programa estratéxico para o fomento da biomasa forestal, como paso previo a súa explotación. O programa deberá estar rematado antes do 31 de decembro do 2019.

14) Establecer compensacións por restriccións en áreas naturais
A comisión recomenda implantar mecanismos de compensación aos propietarios de terreos incluídos en espazos protexidos polas maiores restriccións que soportan. Demándase a creación dun Fondo Forestal Nacional que se nutra de aportacións de empresas emisoras de gases de efecto invernadoiro ou distribuidoras de combustibles fósiles.

En espazos protexidos, recoméndase ademais a elaboración de instrumentos de planificación de usos sociais e turísticos, que tamén se aconsellan para as contornas urbáns.

15) Crear un Consello de Comunidades de Montes Veciñais
Este órgano contaría con participación de representantes das comunidades de montes e actuaría como un ente consultivo da Administración en aspectos lexislativos e no tocante a cuestións como a rescisión de convenios ou a declaración de montes veciñais en estado de abandono.

Nos casos en que se declare un monte en estado de grave abandono e se ceda o seu uso a terceiros, deberá dárselle prioridade no acceso ó mesmo ou ben a agrupacións nas que participen comuneiros do monte afectado, ou ben a comunidades de montes que teñan acreditada a xestión axeitada dos seus montes e que estean inscritas no rexistro de silvicultores activos.

Desacordo entre os grupos parlamentarios

O dictame da comisión de estudo dos incendios forestais contou cos votos a favor de PP e PSdeG, en tanto En Marea e o Bloque votaron en contra, co argumento de que o PP non tiña intención real de cambiar o modelo forestal. “Só venden propaganda”, valoran na Marea. Por parte do BNG, avogan por medidas coma unha moratoria ao eucalipto.

O PSdeG, pola súa banda, xustificou o seu voto a favor en que o dictame constitúe unha “oportunidade para poñerlle deberes” á Xunta. “Non se trata de xulgar unha política forestal e de extinción que é manifestamente mellorable”, valoran.

image_print

Una idea sobre “Quince cousas que hai que cambiar na política forestal contra os lumes

  1. Alberto

    Vamos de disparate en disparate, o que teñen que facer os políticos é nada, absolutamente nada, a día de hoxe deberan ter claro que a xente non quere o monte comunal, pero eles insisten e insisten…
    Por fin parecen decatarse que a proteccion das vivendas é un cortalumes, pero todavía lle andan dando voltas, que si non queren árboles… que si non queren mato… hai que facer un cortalumes en torno ás vivendas; levantar a terra vexetal e dispoñer unha zona esteril, pola que poidan circular os servicios de prevención.
    Por último están tratando de vender o tema da certificación forestal, que os bos silvicultores están certificados, etc.
    Como si a certificación forestal fora barata ou adaptada á realidade das explotacións galegas. A certificación forestal debería ser libre e gratuíta, onde se garantira a competencia entre entidades certificadoras, e de calqueira xeito a certificación insiste en cincuentamil puntos, pero non na limpeza dos terreos.
    O monte galego precisa seguros forestais e un parque de maquinaria de aluger, as certificacións non son tan importantes como pensa a Xunta.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información