Queimas controladas en inverno, ferramenta para a prevención dos lumes

As queimas permiten a obtención de pastos para o gando ou a caza menor. Os servizos de prevención e defensa contra incendios forestais executan os traballos, previa solicitude dos interesados

Queimas controladas en inverno, ferramenta para a prevención dos lumes

Os servizos de prevención e defensa contra incendios encárganse de facer as queimas.

Cando o mato medra e gaña espazo en terreos de monte baixo, actividades como a gandaría extensiva ou a caza saen perxudicadas pola falta de pastos para o gando ou para as especies cinexéticas. Para recuperar áreas de pasto, os servizos de prevención e defensa contra incendios de Medio Rural traballan cada inverno na execución de queimas controladas, realizadas a petición dos interesados. As queimas controladas dunha superficie continua, a parte de facilitar o uso gandeiro ou cinexético do territorio, reducen o risco de incendios, pois evitan a tentación de prender un lume incontrolado para limpar o monte.

Falamos co xefe do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais en Ourense, Luis Miguel Segovia, para coñecer máis sobre as queimas controladas.

Procedemento de solicitude e autorización
“As solicitudes teñen que facerse por escrito, explicando a superficie que se quere queimar, así como as súas características, e o motivo polo que se solicita a queima” -explica Luis Miguel Segovia.- “Tras recibir a petición, o Distrito Forestal correspondente estuda o lugar cos interesados e elabora unha prescripción, na que define aspectos como o punto de inicio da queima, as liñas de defensa ou as condicións meteorolóxicas nas que se ten que facer. Por seguridade, establécense uns rangos máximos de vento e temperatura e uns mínimos de humidade”.

Execución das queimas controladas
As queimas de superficie continua fanse por persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios, de xeito que haxa en todo momento un control técnico sobre o lume e un equipo de extinción.

Queima.

“En xeral, as queimas que se nos solicitan rondan unha media de superficie de 10 hectáreas” –valora Luis Miguel Segovia-. “Tratamos de facelas en mosaico, é dicir, non se queiman as 10 hectáreas de superficie continua, senón en manchas. A planificación depende tamén do motivo polo que se solicita. Cando se fai para gando, enfocada a pastos, elimínase a maior parte posible do mato; en tanto que para caza, búscase deixar zonas de mato que sirvan de refuxio “.

As queimas controladas –destaca Luis Miguel-, a diferenza dos lumes incontrolados, teñen un impacto limitado sobre o medio natural. “Non se trata só de que arda menos superficie que cun lume intencionado, senón que as queimas fanse nunhas condicións de temperatura e humidade que reducen o dano sobre o chan. É unha técnica que os traballos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán demostra como moi axeitada”.

Prazos
En Ourense hai cada ano unha alta demanda de queimas controladas, sobre todo por parte de comunidades de montes veciñais ubicadas en zonas gandeiras como o Macizo Central. Os servizos de defensa contra incendios atenden as peticións na medida en que o tempo permite as queimas, unha circunstancia que ás veces retrasa o proceso.

“Evidentemente en días de chuvia non se poden facer queimas, pero tamén en días secos e de humidade alta pode haber dificultades. Doutro lado, cando fai bo tempo, existe un risco de incendios forestais e se hai incendios, os efectivos que poderían facer as queimas teñen que desprazarse ós lumes”, explica Luis Miguel. A maiores, en verán, na época de máximo risco de incendios, as queimas están prohibidas.

“Provocar un incendio intencionado para ‘limpar o monte’ implica prohibicións de pastoreo e de caza no terreo afectado” (Luis Miguel Segovia)

Ante ese escenario, o xefe do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais recomenda solicitar as queimas coa máxima antelación posible, “mellor dun ano para outro”. Luis Miguel Segovia tamén lle pide paciencia ós veciños: “Provocar un incendio intencionado para ‘limpar o monte’, a parte de consecuencias penais e para o medioambiente, implica que o gando non poderá pastorear nas superficies queimadas durante dous anos. Tampouco se podería cazar sobre ese territorio durante tres anos”.

Plan integral de aproveitamento
No curto prazo, as queimas controladas teñen un gran efecto na reducción do mato, pero nuns anos, se non hai un manexo axeitado sobre ese monte, o territorio volve á situación anterior.

“Tratamos de que as queimas se engloben nun plan de aproveitamento gandeiro que garanta o mantemento do pastizal”

Desde a Consellería do Medio Rural enfócanse a lograr que se faga unha planificación a medio prazo: “Tratamos de que as queimas se engloben dentro dun plan de aproveitamento gandeiro, de xeito que tras a queima, se garanta unha carga gandeira axeitada. Se hai moita superficie con pouco gando, o mantemento do pastizal é complicado” -advirte Luis Miguel Segovia-. “As queimas son unha ferramenta máis nun plan de manexo gandeiro”.

Queimas de restos agrícolas e forestais

O proceso de solicitude e autorización das queimas está regulado polo decreto 105/2006, que tamén especifica o procedemento para comunicar as queimas de restos agrícolas amoreados e para solicitar as queimas de restos forestais.

Restos agrícolas amoreados
Para queimar restos agrícolas amoreados, hai que comunicalo alomenos con dous días de antelación ó teléfono 012 e seguir as normas básicas establecidas pola Consellería. Entre as cuestións a ter en conta, Medio Rural destaca as seguintes:

  • As queimas non se farán antes da saída do sol e deben quedar extinguidas dúas horas antes da súa posta.
  • Antes de iniciar o proceso, hai que limpar unha franxa perimetral de 5 metros ó redor da fogueira.
  • En caso de vento, non se poderá prender a fogueira. Se o vento comezase despois de prendida, haberá que apagala.
  • Débese vixilar o lume e non se pode abandonar a fogueira ata dúas horas despois de extinguida, a fin de evitar que se reproduzan as lapas.
  • Dado o risco que leva consigo o lume para a seguridade persoal, as queimas deben facelas un mínimo de dúas persoas.

Residuos forestais
As queimas de residuos forestais precisan dunha autorización, que haberá que solicitar alomenos con 7 días de antelación a través do teléfono 012. Un axente forestal desprázase ó lugar para valorar a queima e emitir a correspondente autorización.

Cómpre destacar que hai que solicitar autorización para a queima de todo tipo de residuos forestais, estean en terras agrícolas –como pode ser o caso de polas de castiñeiro- ou forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información