Que pasou cos obxectivos do Plan Forestal do 1992?

O sector espera a inminente presentación do documento definitivo do novo Plan Forestal, que sustituirá ó aprobado hai 27 anos. Repasamos que previsións tiña aquel proxecto e cal é a realidade actual do monte

Que pasou cos obxectivos do Plan Forestal do 1992?

O novo Plan Forestal de Galicia, o documento estratéxico do que se quere que sexa o monte galego, será aprobado previsiblemente de xeito definitivo nos primeiros meses deste ano. A iniciativa proporá uns obxectivos de superficies a acadar no prazo de 20 anos para as distintas especies forestais (piñeiros, frondosas, eucaliptos), así coma para pastos no monte. Esas cifras de superficies obxectivo plasmadas no papel, que xeran polémica no debate público e político, poden analizarse tamén á luz do que sucedeu cos obxectivos do Plan Forestal do 1992, o actualmente vixente.

Aquel Plan do 1992 trazaba un monte en Galicia para o 2032 no que se pronosticaban 732.000 hectáreas de coníferas, 245.000 de eucaliptos, 218.000 de castiñeiros e 189.000 doutras frondosas. A realidade é que no 2009, data do último inventario forestal, a superficie de coníferas, en lugar de aumentar, fórase reducindo ata as 400.000 hectáreas. As previsións co castiñeiro tampouco foron exitosas, pois no 2009 non se pasaba de 26.000 hectáreas, arredor dun 12% da superficie obxectivo para o 2032; en tanto que eucalipto e o capítulo doutras frondosas caducifolias si medraron exponencialmente, máis alá das previsións iniciais.

O eucalipto, para o que se esperaban 245.000 hectáreas no 2032, estaba no 2009 en 283.000 hectáreas e se continuou o ritmo de crecemento da década 1999-2009, na actualidade superará as 330.000 hectáreas en Galicia. Coas outras frondosas (carballos, rebolos, bidueiros, etc.), houbo tamén un crecemento maior do esperado, pois se no 2032 se agardaban 189.000 hectáreas, no 2009 xa había máis do dobre, 396.000 hectáreas.

Dobre tendencia, produtivismo e abandono
Esta evolución do monte, que foi analizada nun artigo por dous investigadores da Universidade de Santiago, Eduardo Corbelle e José María Tubío, debeuse a un dobre proceso. As comarcas costeiras de Galicia, principalmente o entorno de Pontevedra e a Mariña lucense, tiveron unha forte especialización productivista no eucalipto, unha cuestión que se considera debida á proximidade das factorías de Ence Pontevedra e Navia e á boa produtividade do eucalipto nesas comarcas.

O outro proceso paralelo foi o do abandono de terras agrogandeiras no interior galego, o que derivou nunha expansión das frondosas caducifolias, que experimentaron na maior parte dos casos un crecemento á marxe de calquera xestión forestal. Esa circunstancia explica o feito de que na actualidade máis dunha cuarta parte do monte galego arborado estea con frondosas caducifolias, pero que estas representen só arredor dun 3% das cortas anuais con destino industrial.

As diferenzas entre o Plan Forestal do 1992 e a evolución real que tivo o monte galego plantean unha serie de incógnitas sobre o novo Plan Forestal que se vai aprobar no 2019. Como trasladar as declaracións de intencións do papel ó monte? E como facelo en Galicia, onde o 98% da superficie forestal é de titularidade privada ou veciñal?.

Una idea sobre “Que pasou cos obxectivos do Plan Forestal do 1992?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información