Que monte queremos en Galicia?

A tendencia á baixa nas plantacións de piñeiro preocupa no sector forestal, que propón aumentar a superficie da especie un 15%. Producir madeira de calidade en frondosas como o castiñeiro ou carballo, outro dos retos

Que monte queremos en Galicia?

O Plan Forestal de Galicia establecerá liñas estratéxicas para as políticas galegas do monte.

Galicia corta máis piñeiros dos que planta. Arredor do 40% das cortas en Galicia correspóndense a piñeiros, pero o sector da madeira advirte de que as superficies reforestadas con coníferas non permitirán manter esa porcentaxe de cortas nun futuro. O grupo de traballo que elaborou as directrices do Plan Forestal de Galicia avoga por aumentar en torno a un 15% a superficie adicada á especie. Outro dos retos pasa polo potenciamento de castiñeiros e outras frondosas caducifolias.

A caída do prezo do piñeiro no 2008, unida á boa cotización do eucalipto, levou nos últimos anos a unha reducción da superficie que se reforesta con coníferas. As hectáreas que se plantan con piñeiros con axuda pública reducíronse en máis dun 60% entre o 2005 e o 2011.

A caída do prezo do piñeiro no 2008, unida á boa cotización do eucalipto, reduciu a reforestación con coníferas

Os propietarios botan números e nos últimos anos eses números fixeron que boa parte das masas de piñeiro taladas se reforestasen con eucalipto globulus ou nitens, que ofrecen a priori unha maior rendibilidade económica.

A cuestión é que se esa tendencia prosegue, a industria galega que consume piñeiro pode atoparse cun déficit de materia prima a 25-30 anos vista. Dos 3,5 millóns de metros cúbicos de coníferas que se cortan cada ano en Galicia, 2 millóns van parar á industria de serra e chapa, 1 millón á industria de taboleiros, uns 275.000 metros cúbicos a biomasa e leñas e outros 200.000 metros cúbicos envíanse fóra sen procesar, segundo as estimacións do 2014 que manexa a Plataforma Forestal Devesa.

A cuestión é que se esa tendencia prosegue, a industria galega pode atoparse cun déficit de materia prima en 3 décadas

O sector forestal é partidario de que a Administración incentive as plantacións de piñeiro e tamén advirte da necesidade de traballar para que haxa unha recuperación dos prezos da madeira de coníferas.Tampouco se sabe, advirten os expertos, cal vai ser a cotización do piñeiro dentro de 3 décadas, cando chegue o turno de corta das árbores que agora se plantan.

Eucalipto
En canto ó eucalipto, que aglutina o 51% das cortas de madeira en Galicia, o grupo de traballo que elaborou as directrices para o novo Plan Forestal de Galicia, avoga por manter ou reducir a súa superficie actual en función das necesidades da industria.

Haberá uns Plans de Ordenación por Distrito Forestal que establecerán especies indicadas, alternativas e restriccións

O sector defende asimesmo a necesidade de potenciar o eucalipto globulus fronte ó nitens, para o que se fan precisos maiores avances na loita contra a praga do gurgullo do eucalipto, ben por mellora xenética, por loita biolóxica ou por tratamentos fitosanitarios.

Plans de Ordenación dos Recursos Forestais
Unha vez que se elabore e se aprobe no Parlamento o Plan Forestal de Galicia, previsiblemente a finais do 2016, a Xunta comezará a traballar na elaboración de Plans de Ordenación de Recursos Forestais, que se porán en marcha a nivel de cada Distrito Forestal. Os Plans de Ordenación ofrecerán orientacións sobre as especies indicadas e alternativas e tamén establecerán restriccións.

Frondosas caducifolias, a conta pendente

As frondosas caducifolias, como o castiñeiro, o carballo ou o bidueiro, teñen un aproveitamento case residual a nivel da industria da madeira. As frondosas representan o 9% das cortas de madeira en Galicia, pero a gran maioría das árbores que se cortan son transformadas en leña. A penas un 20% se destina a serra, chapa ou taboleiros.

O sector forestal avoga por fomentar a súa plantación e rexeneración con criterios produtivos, de cara a obter madeira de calidade. Tamén se aposta por xestionar as masas de frondosas existentes e por lograr prezos axeitados para a rolla de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información