¿Que medidas se adoptaron para previr os incendios forestais en Galicia?

A vaga de lumes de outubro pasado fixo saltar as alarmas en Galicia sobre a necesidade de acometer novas medidas para facer fronte a este problema. Facemos un repaso sobre os cambios que se produciron

Publicidade
¿Que medidas se adoptaron para previr os incendios forestais en Galicia?

Incendio forestal en Montederramo (Ourense)

A vaga de lumes de outubro pasado fixo saltar as alarmas en Galicia sobre a necesidade de acometer novas medidas para facer fronte a este problema. Facemos un repaso sobre os cambios que se produciron e que a Xunta de Galicia incluíu na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2018, por ser o medio máis áxil para tramitar estas modificacións.

Trátase de reforzar a regulación para conseguir un maior e mellor aproveitamento do monte e para intensificar a loita contra os incendios.

Medidas administrativas

En canto ás novas medidas legais que a Consellería de Medio Rural levou a cabo e que son de obrigatorio cumprimento, destacan:

-Aumentouse dos 30 aos 50 metros a distancia de árbores pirófitas (de fácil combustión, como eucalipto, piñeiro ou acacia) nos lugares nos que está demostrado que existe un maior risco:

-Prohibiuse totalmente a plantación de acacias a menos de 50 metros de edificios e obrígase a que os eucaliptos e piñeiros garden unha distancia mínima de 10 metros entre cada exemplar.

-As vivendas illadas deben obrigatoriamente ter xestionada a biomasa nos 50 metros que as rodeen, independentemente da distancia á que se atopen do monte.

-As subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións están obrigadas a retirar especies pirófitas a menos de 5 metros de distancia. Con este cambio, a Administración terá máis facilidades para actuar cando isto non se cumpra.

-Axilizouse o procedemento para a limpeza de terreos forestais que non estean debidamente xestionados por parte da Administración. Esta poderá declarar zonas de actuación urxente e prioritaria para aquelas sobre as que se precise actuar, podendo facelo de maneira rápida e simplificada en caso de emerxencia.

Limpeza do entorno das casas de especies pirófitas nunha aldea de Camariñas

Limpeza do entorno das casas de especies pirófitas nunha aldea de Camariñas

-Aqueles montes veciñais en man común abandonados ou non explotados poderán ser declarados como tales pola Consellería do Medio Rural e incorporados ao Banco de Terras para que aqueles que teñan necesidade de terreo o podan pór en valor. Neste suposto, os comuneiros con explotacións agrogandeiras que necesiten base territorial para as súas explotacións, terán un dereito preferente de acceso.

Convenios

Doutra banda, a Consellería do Medio Rural elaborou en 2016 un convenio marco cos concellos para colaborar na prevención e extinción de incendios. Adheríronse 267 concellos (e 6 convenios con mancomunidades). Este convenio consta de tres liñas de axuda:

-Brigadas de extinción
-Condutor de motobomba
-Hectáreas para rozar

Tras os incendios de outubro pasado, este departamento enviou unha carta a todas os concellos para mellorar o convenio que tivesen subscrito ou adherirse a el. A día de hoxe, hai 16 novos municipios interesados en sumarse nalgunha do tres liñas de actuación e outros 19 que queren facer melloras nos seus convenios. Así, o 90% dos municipios galegos terán subscrito este verán o convenio de incendios con Medio Rural.

Se falamos de orzamento, no primeiro convenio marco desembolsáronse 33 millóns de euros, a razón de 11 millóns por ano. Pero os cambios actuais supoñen un desembolso doutros 672.161 euros, que habería que sumar ao orzamento inicial dos convenios para este ano que partían de 11 millóns. En total, preto de 11,7 millóns investiranse este ano nos convenios de prevención e extinción cos concellos.

En resumo:

-285 convenios, dos 279 con concellos

-Destes 279 concellos, 206 contarán con brigadas, 97 con condutor motobomba e 234 con roza de hectáreas.

-E 69 concellos teñen subscritas as 3 liñas do convenio.

-En total haberá 290 brigadas de entidades locais despregadas en Galicia.

-Preto de 1.800 persoas contratadas a través destes concellos entre brigadistas e condutores de motobomba.

Ademais, a Consellería de Medio Rural está a traballar tamén na elaboración do próximo convenio marco, que terá unha duración de 4 anos (2019 a 2022) e un importe anual de 11,7 millóns de euros; é dicir, cun orzamento total de 46,8 millóns de euros.

Con todos estes cambios e melloras, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez busca novas fórmulas de colaboración coas administracións locais, moitas delas con limitacións económicas para cumprir a lexislación.

Por iso, e para axudarlles na súa competencia de manter limpas as franxas secundarias de biomasa, a Consellería está a negociar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) un convenio de colaboración por valor de 6 millóns de euros.

No devandito convenio está prevista a delimitación das redes de franxas secundarias de xestión da biomasa, a súa publicación e a actuación directa da Administración local a través dun acordo cos propietarios ou ben por vía executiva no caso de non darse o dito acordo.

Para impulsar e formalizar este acordo, Medio Rural achega este ano un total de seis millóns de euros, co que asumirá o 100% dos gastos, sendo a porcentaxe dun 75% nos próximos anos.

A maiores, esta Consellería colabora con 3,8 millóns de euros no financiamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), que son 24 en total, e que tamén participan na prevención e extinción de incendios forestais.

Intensificación da vixilancia

Por parte da Xunta de Galicia está a intensificarse a vixilancia nos montes, reforzando a rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia, que contará cun mínimo de 44 cámaras distribuídas entre diferentes distritos. Localizaranse especialmente en parroquias de alta actividade incendiaria e terán tanto unha finalidade de control como de disuasión.

Trátase dun sistema de visualización e detección composto por cámaras ópticas que servirá de soporte nos labores de protección e vixilancia da masa forestal galega, así como para a optimización da coordinación dos medios de extinción, en caso de incendio.

Acondicionamento de infraestruturas de prevención: 

Entre o pasado ano e o presente destináronse preto de 8,5 millóns de euros para a creación de novos puntos de auga e a mellora de pistas e devasas.

Devasa en un monte de Cedeira gestionado por la Xunta

Devasa nun monte de Cedeira xestionado pola Xunta

Con respecto aos puntos de auga, o pasado ano construíronse 58 novos depósitos por un importe de 1,5 millóns de euros. Grazas a isto, Galicia conta a día de hoxe con 5.481 puntos de auga operativos, dos cales 754 son aptos para os medios aéreos (helicópteros). Ademais, para este ano, está prevista a construción doutros 49 puntos por un importe de algo máis de 700.000 euros.

Pero tamén resulta fundamental acondicionar a rede de pistas forestais e de devasas, para que, no caso de producirse un incendio, póidase frear o avance do lume e permita un rápido acceso ás zonas afectadas. Actualmente, Galicia conta con aproximadamente unhas 10.500 hectáreas de devasas en todo o territorio, pero é necesario repasalas co fin de eliminar a capa vexetal que poidan ter e deixar ao descuberto o solo mineral, co obxecto de frear o avance dos incendios, no caso de producirse.

Durante o pasado ano 2017 aprobouse un investimento de 3,4 millóns de euros para actuar sobre máis de 600 quilómetros de pistas e 3.600 hectáreas de devasas. Neste ano 2018, o orzamento é de 2,7 millóns de euros para unha mellora de case 500 quilómetros de pistas e máis de 1.600 hectáreas de devasas.

Campaña de sensibilización: 

A Xunta planificou para este ano 2018 a realización de 324 charlas e actividades divulgativas a favor dun monte sustentable nas que está previsto que participen uns 17.000 alumnos de centros escolares de toda a comunidade.

As xornadas son coordinadas por xefes, axentes e técnicos da Consellería do Medio Rural e estanse realizando nos 19 distritos forestais.

Versan sobre aspectos relacionados coa conservación da natureza, as características dos montes galegos e a prevención, defensa e extinción de lumes. Este número de accións de sensibilización supón un incremento do 11,5% respecto ao 2017 e a cifra de alumnos implicados crece un 30% en relación co pasado ano.

Plan forestal: 

O borrador da revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG) xa foi remitido aos distintos grupos parlamentarios para recoller os seus suxestións e achegas. O xoves 5 de xullo foi aprobado inicialmente e publicado no Diario Oficial de Galicia.

Axudas para instrumento de ordenación: 

A Xunta publicou este ano unha orde pola que se convocan subvencións destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais (a normativa establece que a partir do 2020 todo monte ten que dispor deste instrumento).

Esta convocatoria ten un orzamento de 4 millóns de euros, repartidos ao 50% entre os anos 2018 e 2019.

Mellora das zonas de pastoreo extensivo: 

Desde 2016 destináronse máis de 800.000 euros na creación e mellora de sistemas silvopastorís, incluíndo un estudo en profundidade sobre a ordenación silvopastoril nas comarcas das provincias de Ourense e Pontevedra con maior potencialidade para acoller este uso do monte. A partir do resultado deste estudo, continuarase con esta liña de investimentos.

Avances na reestruturación parcelaria: 

No período 2009-2017, a Xunta destinou preto de 92 millóns de euros ás obras e servizos técnicos das reestruturacións parcelarias en toda Galicia.

Con este investimento, avanzouse na ordenación do territorio, quedando agora mesmas 128 zonas activas, cun territorio de 112.059 hectáreas. O obxectivo do Goberno galego é pechar administrativamente estes procesos no 2020, o que redundará nun aproveitamento das terras agrarias.

Axilización das curtas de madeira: 

A Consellería de Medio Rural puxo en marcha o pasado mes de abril unha aplicación informática que permite a presentación electrónica tanto da declaración responsable como da autorización única de curtas, a través da sede electrónica da Xunta.

Trátase dunha xanela única interadministrativa, que reúne nun único visor toda a información necesaria e homoxénea dos distintos organismos e administracións competentes.

Nela inclúese unha plataforma de información xeorreferenciada ou visor de curtas que permite que con só introducir a referencia catastral do terreo onde se quere cortar madeira, se visualicen todas as proteccións administrativas que lle afectan.

Esta plataforma foi precisamente creada para axilizar os aproveitamentos. Esta flexibilización supón un importante aforro tanto en tempo como en termos económicos. De feito, segundo cálculos do propio sector, o aforro que supón para as empresas de aproveitamentos forestais, tanto en taxas como en optimización loxística e xestión eficiente, sitúase ao redor dos 8,6 millóns de euros anuais.

Co novo sistema, a Xunta tramita ao redor de 200 solicitudes de curta ao día. Delas, unhas 60 obteñen o permiso no momento (aproximadamente un 30%), cando antes desta axilización ningunha solicitude se atendía inmediatamente.

image_print

2 ideas sobre “¿Que medidas se adoptaron para previr os incendios forestais en Galicia?

  1. Alberto

    A administración simplemente se adica a responsabilizar a os propietarios e a esixirlles cousas que nin siquiera ela é capaz de facer. A día de hoxe as beiras das carreteras non están totalmente desbrozadas, desbrozan solo ate onde chega o tractor, o resto…
    Os propietarios son quenes teñen que tomar as medidas, chegandose ó extremo de tratar como legais cousas que no seu día foron ilegais (moitas vivendas) mentras que moitas plantacións que no seu día foron legais, pasaron a ser ilegais sin ningún tipo de consideración nin axuda, cando, por exemplo co ciclón Klaus foi todo axudas para quitar a madeira.

    Contestar
  2. Gamela

    Por 6 millóns a Xunta vai ter “delimitadas as franxas secundarias de xestión da biomasa” e serán os Concellos quen “acorden cos propietarios ou EXECUTEN directamente” a expropiación ROUBO das terras improductivas a ollos da Xunta para quedarse con elas de balde e se é o caso RECALIFICALAS logo de que pase un tempo prudencial para que os antigos propietarios non podan acusar a ninguén de PREVARICACIÓN e APROPIACIÓN INDEBIDA con FINS DE LUCRO.

    E todo coa disculpa de loitar contra os incendios… A Xunta leva toda a súa vida sen mover un dedo para facilitar a posta en valor das parcelas rústicas (especialmente aquelas que lindan coas zonas urbanas) e agora seica vai “mercar barato” e recalificar ao seu antollo sen que ninguén abra siquera a boca acusándoa de LATROCINIO ?

    Pois arrasemos a 50 metros da casas sementadas por Galicia adiante e veremos medrar o DESERTO para logo ver como chega o FORMIGÓN e as urbanizacións salvaxes que encherán o territorio e darán miles de millóns de ganancias aos especuladores urbanísticos amigos do PPdeG !

    Galicia está de saldo…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información