Que facer no monte tras os lumes?

O sector forestal márcase a prioridade de extraer a madeira queimada o antes posible para evitar a súa perda de valor. A posta en marcha de medidas para reducir a erosión constitúe outra das tarefas inmediatas que resultan claves

Que facer no monte tras os lumes?

Zona queimada acolchada con palla para evitar a erosión. / Imaxe: Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Apagados os lumes, comeza a tarefa de planificar a restauración do monte queimado, máis de 35.000 hectáreas, ás que hai que sumar as 12.000 hectáreas queimadas este ano antes do outono. O sector forestal márcase a prioridade de extraer a madeira queimada, a fin de evitar a súa depreciación en monte. Outra das tarefas clave sitúase na aplicación de medidas contra a erosión da terra e o arrastre de cinzas pola choiva.

O anterior gran episodio de lumes que se viviu en Galicia, no 2006, revelou o perigo da erosión tras os incendios. O arrastre de terra e cinzas polas choivas non só repercutiu na perda de capacidade produtiva do monte, senón que tamén provocou inundacións en núcleos de poboación e causou danos nos bancos marisqueiros, entre outros problemas. A posta en marcha de accións urxentes contra a erosión das áreas queimadas convírtese, por tanto, nunha das prioridades a enfrontar tras os lumes.

O sector forestal e ecoloxista chaman a evitar accións de restauración ó chou. Planificaranse medidas e activaranse voluntariados

En redes sociais, estanse a divulgar estes días iniciativas voluntaristas, con máis boa intención que acerto, para enfrontar o problema. Colectivos ambientalistas como Adega ou a Sociedade Galega de Historia Natural piden evitar accións ó chou e chaman a planificar a restauración. Desde a Mancomunidade de Montes de Vigo xa advertiron de que prohibirán o acceso os seus montes veciñais este fin de semana, a fin de evitar que a deambulación sen control de persoas aumente a erosión.

De cara ó futuro, tanto a Mancomunidade de Montes de Vigo, en colaboración co Concello, coma colectivos como Adega teñen en mente a organización de actividades de voluntariado para tarefas de restauración. A Xunta acometerá tamén accións nas zonas que se consideren máis sensibles, se ben polo de agora a Administración está aínda na fase de inspección das áreas queimadas, a fin de evaluar as medidas máis urxentes.

Tratamentos
Os puntos prioritarios de acción son aqueles con fortes pendentes, próximos a cauces fluviais ou onde o dano do lume sobre a vexetación e o chan fose máis severo. A actuación máis eficaz contra a erosión, máis áxil e cun custo menor, demostrouse en Galicia que é o acolchado do chan con palla. A distribución de palla sobre o chan reduce a perda de solo en máis do 90%, segundo as experiencias desenvoltas polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

O acolchado do monte con palla demostrouse en Galicia o método máis eficaz contra a erosión. A sementeira con herbáceas ten un éxito limitado

Outra posibilidade pasa pola sementeira de herbáceas, se ben é un método que en Galicia se amosou pouco eficaz. A razón é que o outono-inverno é a principal época de risco erosivo e a cobertura conseguida con ese tratamento é moi limitada nesa época, segundo as investigacións de Lourizán. Tamén é posible a execución de barreiras ou faixas de retención de sedimentos, ben con troncos queimados, materiais vexetais ou outros, aínda que é un método que presenta limitacións de tempo de execución, custo e eficacia.

Extracción de madeira
Para os propietarios, a prioridade a curto prazo pasa pola extracción da madeira queimada, sobre todo o piñeiro verde, que se deprecia en pouco tempo tras os lumes pola aparición de fungos como o azulado. “Estamos en contacto coas industrias para valorar a capacidade de consumo que van ter e para tratar de que non haxa unha baixada forte dos prezos da madeira”, sinala o director técnico da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.

De xeito paralelo á retirada da madeira queimada, o sector quere planificar conxuntamente a restauración dos montes afectados, ben fomentando a súa rexeneración natural ou a través de futuras plantacións. A Asociación Forestal de Galicia ten unha reunión esta tarde noite en Ponteareas para abordar estas cuestións, para as que esperan que haxa financiación pública.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información