desbroce-fincasMarta G

¿A que distancia hai que limpar arredor das casas e dos terreos para previr lumes?

O Goberno da Xunta de Galicia aprobou o pasado 28 de decembro modificacións nas faixas de terreo que se deben manter limpas arredor de casas, núcleos rurais e terreos para previr lumes forestais. Explicamos os cambios.

O pasado 28 de decembro o Goberno da Xunta de Galicia aprobou modificacións na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. Estes cambios afectan, entre outros apartados, ás redes de faixas secundarias; é dicir, á xestión da biomasa vexetal arredor de núcleos habitados, vivendas illadas, fincas…etc.

Juan Antonio Sánchez Tembleque-Belinchón, técnico da Consellería de Medio Rural do Distrito Forestal de Bergantiños e das Mariñas Coruñesas, explícanos os cambios da normativa e como e cando hai que rozar as parcelas.

¿En que cambian as distancias que hai que manter limpas de vexetación?

O principal cambio é que en torno ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable amplíase de 30 a 50 metros a distancia que ten que estar rozada e onde non pode haber especies pirófitas, como piñeiros, eucaliptos, acacias, etc.

Por xestión da biomasa enténdese que o estrato arbustivo ten que estar xestionado (rozado) e que a masa arbórea ten que estar aclarada e podada. Ademais, nos 50 metros de franxa establecidos as copas das árbores deberán distar como mínimo 10 metros das edificacións e nunca se poderán proxectar sobre os tellados.

A franxa de 50 metros terán que respectarse en torno a edificacións e vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais.

No caso das edificacións e vivendas illadas e urbanizacións os 50 metros mediranse dende o paramento exterior das construcións ou das instalacións anexas. No caso dos depósitos de lixo, gasolineiras e parques e instalacións industriais as distancias mediranse dende o límite das instalacións. No caso dos cámpings mediranse dende o peche perimetral.

En caso de que o propietario da parcela non a teña rozada ¿Que fai a administración?

Por parte do concello ou da Consellería cando se detecte o incumprimento remítese ao propietario unha notificación cun requirimento onde se lle dá un prazo para executala. No caso de propietarios descoñecidos ou imposibilidade de notificación por correo, publicarase no DOG e BOE con identificación de polígono e parcela.

A partir de aquí, poderíase proceder á execución subsidiaria; de forma que os custos da limpeza imputaranse ao interesado. En caso de que o importe supere o valor catastral da parcela poderá iniciarse un procedemento de expropiación forzosa.

¿Que prazos hai para manter limpas as franxas de prevención de incendios?

A xestión da biomasa deberá realizarse antes do 31 de maio (anteriormente era antes do 30 de xuño) e en caso de ser requirido, o propietario dispón por Lei dun prazo de 15 días prorrogable en casos debidamente xustificados. A obriga de rozar o terreo é do propietario e poderá contratalo ou elixir o sistema que considere oportuno.

¿A que sancións se expón un propietario que non limpe a parcela?

A resolución do expediente corresponde á consellería do Medio Rural. As multas varían de 100 a 1000 € en caso de infraccións leves, de 1001 a 10.000 en caso de graves e de 10.001 a 1.000.000 euros en caso de moi graves. En principio, este tipo de infraccións son leves, pero por acumulación ou por reiteración poden chegar a ser graves.

En todo caso, dende Medio Rural subliñan que “o primeiro paso por parte da Consellería sempre é notificar ao propietario que a plantación forestal é ilegal ou que é preciso desbrozar, dándolle un prazo prudente para que cumpra a lei, antes de presentar a denuncia correspondente”.

Distancias que hai manter rozadas nos distintos terreos:

TIPO DE TERREO DISTANCIAS QUE HAI QUE MANTER CON XESTIÓN DA BIOMASA
Parcelas forestais 2 metros
Terreos situados en solo rústico de especial protección agropecuaria 10 metros
Zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, non clasificadas de especial protección agropecuaria. 4 metros cando se empreguen especies frondosas e 10 metros no resto de especies.
Desde o límite do dominio público das vías (autovías, autoestradas, corredores, estradas convencionais ou vías rápidas) 4 metros cando se empreguen especies frondosas e 10 metros no resto de especies.
En pistas forestais principais 2 metros cando se empreguen especies frondosas e no resto de especies, 4 metros en xeral e 6 metros nos concellos declarados como zona de alto risco de lumes.
Redes de transporte eléctrico: dende a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento, segundo a normativa aplicable a cada caso. 5 metros para todas as especies.
Canles fluviais -ríos- de máis de 2 metros de largo. 5 metros cando se empreguen especies frondosas e no resto de especies 15 metros, contados dende o dominio público. Non será aplicable en actuacións de recuperación ambiental.
En edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais fóra do solo urbano e de núcleo rural. 5 metros cando se empreguen especies frondosas e 50 metros no resto de especies.
En cámpings, gasolineiras e industrias ou instalacións preexistentes nas que se desenvolvan actividades perigosas. 25 metros cando se empreguen especies frondosas e 50 metros no resto de especies.