Proxectos da USC fronte á enfermidade dos ameneiros e na depuración de augas de adegas

O Campus Terra da Universidade de Santiago colabora coa Confederación Hidrográfica Miño Sil en diversas iniciativas para mellorar os ecosistemas fluviais

Publicidade
Proxectos da USC fronte á enfermidade dos ameneiros e na depuración de augas de adegas

Ameneiros afectados polo fungo. / Imaxe: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A Universidade de Santiago mantivo unha reunión de traballo coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para abordar a colaboración da entidade académica na mellora dos ecosistemas fluviais. Nesa liña, tres proxectos centrarán a implicación da Universidade: a adopción de medidas fronte á enfermidade que padecen os ameneiros, a depuración de augas residuais de adegas a través de filtros verdes e o control de cianobacterias en encoros.

Fungo que mata os ameneiros
A Administración fluvial traballa xa desde hai anos para poñer coto á praga dos ameneiros, detectada pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro no 2009 e moi extendida por zonas como a Terra Cha (Lugo) ou as ribeiras do Avia e do Arenteiro, en Ourense. A praga, causada polo fungo Phytopthora Alni, caracterízase por unha alta mortandade dos pés afectados. A enfermidade presenta síntomas como o amarelamento e caída das follas, así coma a aparición de exudados na parte inferior do tronco.

A Confederación Hidrográfica mantén tamén acordos de colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas e con Tragsa co fin de identificar pés resistentes á enfermidade e proceder a súa multiplicación en viveiro, co obxectivo de rexenerar as ribeiras afectadas.

Proxecto con adegas da Ribeira Sacra
Outro dos proxectos abordará a depuración de augas residuais de adegas a través de filtros verdes nun souto de castiñeiros. A iniciativa contará coa colaboración de Vinícola de Galicia, en Chantada, segundo detalla a Universidade de Santiago en nota de prensa.

Control de cianobacterias en encoros
A proliferación nos encoros de nutrientes derivados dos residuos orgánicos, ben urbáns, ben agrarios, constitúe un problema en alomenos un terzo dos encoros españois, unha situación que tamén se rexistra en Galicia. Os nutrientes levan á expansión de algas e cianobacterias, que constitúen un risco para a saúde humana en caso de cauces fluviais con áreas recreativas ou de encoros destinados ó consumo de auga.

O proxecto de control de cianobacterias xurdiu a proposta do departamento de Farmacoloxía do Campus Terra da USC, que está a patentar un sistema tecnolóxico para enfrontar a loita contra as cianobacterias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información