Proxecto para a restauración de dous montes afectados pola vaga de lumes do 2017

A Asociación Forestal de Galicia, co patrocinio da compañía de seguros Helvetia, impulsa a creación de franxas de frondosas caducifolias no monte veciñal de Couso, en Ponteareas, e no de Paradela de Bemil, en Caldas de Reis

Publicidade
Proxecto para a restauración de dous montes afectados pola vaga de lumes do 2017

Acto de sinatura do acordo promovido pola Asociación Forestal de Galicia co grupo Helvetia e coas comunidades de montes de Couso e Bemil.

Dous montes veciñais, o de Couso (Ponteareas) e o de Paradela de Bemil (Caldas de Reis), que se viron seriamente afectados polos incendios forestais do 2017, acometerán a creación de sendas franxas de frondosas caducifolias. A idea é que estas franxas, que se abordan no marco dos traballos de restauración de ambos montes, poidan funcionar a modo de cortalumes natural para mitigar posibles novos incendios.

En outono do 2017, arderon en Galicia en tres días máis de 50.000 hectáreas de monte. Pasado o lume e os traballos iniciais para reducir a erosión pola chuvia das zonas afectadas, pouco máis se soupo de todos aqueles montes. Comunidades veciñais e propietarios particulares acometeron xa a corta de case toda a madeira queimada, pero a restauración dos montes quedou en gran parte dos casos freada pola falta de fondos, á espera dun plan con fondos públicos que non chegou.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que vén reclamando da Administración un plan público para acometer a restauración dos montes queimados, está tamén tratando de promover iniciativas puntuais para encarar proxectos de recuperación. É o caso das comunidades de Couso e Bemil, que se beneficiarán dun convenio de colaboración subscrito a tres bandas coa Asociación Forestal de Galicia e coa compañía de seguros Helvetia, que patrocina os traballos.

O obxectivo do convenio é a plantación de frondosas caducifolias en ambos montes cunha función protectora e de aumento da biodiversidade. As novas masas de frondosas crearán áreas de descontinuidade nas zonas arboradas orientadas á produción, xerando así unha mellor estrutura de prevención no caso de novos incendios forestais. A recuperación de vexetación autóctona farase a partir da plantación de especies como carballos, castiñeiros, freixos, abelairas ou bidueiros.

Actuacións
No caso de Paradela de Bemil (Caldas), o proxecto restaurará unha vaguada formada por un curso de auga. Esa vaguada xa presentaba de xeito natural vexetación de ribeira. Os traballos de restauración centraranse en estender a área ocupada por frondosas e en reforzar a existente, creando unha devasa natural. O ámbito de actuación será de 5 hectáreas.

En Couso (Ponteareas), elixiuse como núcleo da actuación unha pequena área recreativa de media hectárea conformada por frondosas. Esta área foi case a única que resistiu o incendio de outono do 2017, que arrasou a maior parte da superficie do monte veciñal. Ao redor desta área recreativa, crearase unha franxa de frondosas caducifolias de 4 hectáreas co mesmo obxectivo que en Paradela de Bemil: conformar unha estrutura de protección que rompa a continuidade das zonas orientadas a produción.

En ambas comunidades, os traballos de preparación do chan iniciaranse en setembro e a plantación acometerase este outono, estando previsto tamén no convenio o seguemento da plantación e a reposición de marras ao longo do ano 2020.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información