Propostas para incentivar as agrupacións de propietarios forestais

As directrices do futuro Plan Forestal de Galicia marcan o obxectivo de conseguir 25.000 hectáreas agrupadas en 5 anos. O sector avoga por establecer vantaxes fiscais e por crear novas figuras xurídicas para impulsar as unións

Propostas para incentivar as agrupacións de propietarios forestais

O minifundio forestal repercute no abandono da xestión produtiva do monte.

Arredor dun 70% do monte galego está en mans de propietarios particulares, un tipo de propiedade que se caracteriza polo minifundio. Hai uns 700.000 propietarios forestais en Galicia, cada un cunha media de 18 parcelas dispersas que en total non suman máis de 2 hectáreas. Sobre esa base, enténdese o abandono da xestión de boa parte do monte. O sector forestal aposta por incentivar as agrupacións de propietarios para correxir o problema.

A unión dos propietarios para xestionar en conxunto o monte tivo ata o de agora escaso éxito en Galicia. No 2012, a Administración creou a figura das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) para impulsar as agrupacións de propietarios, pero desde aquela só se constituiron 5 Sofor (2 en Silleda, 1 en Lalín, 1 na Estrada e 1 en Outes), que suman en torno a 900 hectáreas.

En Galicia hai 5 Sofor constituidas e outras 25 en trámite, segundo os datos da Xunta

Medio Rural, de todos os xeitos, defende que hai outras 25 en trámite. As directrices elaboradas polo sector para o futuro Plan Forestal de Galicia, que se debatirá este ano no Parlamento, avogan por fixar obxectivos ambiciosos para as agrupacións forestais: 25.000 hectáreas agrupadas en 5 anos e 100.000 hectáreas agrupadas en 10 anos.

Medidas
Para acadar esas cifras, o grupo de traballo do Consello Forestal que elaborou as directrices, aposta polas seguintes medidas:

– Creación de vantaxes fiscais para as agrupacións, eliminando a dobre tributación.

– Incrementar a difusión das vantaxes da xestión conxunta e prestar apoio técnico e financieiro para a súa creación.

– Abrir a novas figuras xurídicas a liña de axudas á creación de agrupacións.

– Dotar ó procedemento de creación de agrupacións dunha maior flexibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información