Propietarios do interior de Lugo, en contra das restriccións ó eucalipto

As asociacións de montes de Castroverde e Baralla acordan solicitar conxuntamente unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, logo de que este anunciara inminentes prohibicións á plantación da especie

Propietarios do interior de Lugo, en contra das restriccións ó eucalipto

Asemblea de propietarios forestais de Castroverde o pasado sábado. / Imaxe: Asociación de Propietarios de Montes de Castroverde.

En Castroverde, un concello do interior de Lugo, o eucalipto nitens centra a maioría das plantacións forestais desde hai pouco máis de cinco anos. Antes púñase sobre todo piñeiro radiata, pero a diferenza de prezos da madeira e de rendemento é tal que o radiata está a quedar de lado. Na metade de tempo que tarda en medrar o piñeiro (25-30 anos), pódese cortar o nitens a un prezo por tonelada similar. Este escenario fai que os propietarios forestais de Castroverde vexan con preocupación unha posible prohibición á plantación de eucaliptos no seu concello.

As limitacións ó cultivo do eucalipto no interior e sur de Lugo e na provincia de Ourense barállanse desde o outono do 2015. Daquela, a Xunta trasladoulle ó sector forestal un borrador de decreto no que se establecía a prohibición de cultivar a especie en zonas como as montañas orientais de Lugo, os concellos da Ribeira Sacra e val de Lemos ou zonas do interior, coma os concellos de Castroverde, Sarria ou Portomarín.

“Por que na ladeira de Castroverde non se podería plantar nitens e na ladeira contraria, no Corgo, si? É unha medida arbitraria”

O borrador de decreto está a xerar desde entón unha importante oposición de propietarios forestais de Lugo, sobre todo en zonas nas que o eucalipto nitens xa está asentado. En Castroverde, constituíse a Asociación de Propietarios de Montes de Castroverde, que conta con 352 socios, e en Baralla xurdiu a Plataforma en Defensa Forestal de Baralla, con 200 socios.

Ambos colectivos mantiveron encontros cos sucesivos delegados da Xunta en Lugo para trasladarlles a súa preocupación, pero agora temen que as súas demandas caían en saco roto, pois o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou nas últimas semanas que era inminente a publicación do decreto que establecerá limitacións ó cultivo do eucalipto.

Situación
A cuestión que trae de cabeza a Castroverde é o porqué da posible prohibición no seu concello, en tanto en municipios limítrofes como O Corgo ou Lugo poderase seguir plantando o eucalipto nitens. “Sería unha prohibición totalmente arbitraria. Por que na ladeira do monte de Castroverde non se poderá plantar nitens e na ladeira contraria, no lado do Corgo, si se podería?”, pregúntase o secretario da Asociación de Propietarios de Montes de Castroverde, Manuel Marey.

“O eucalipto é agora mesmo o catalizador de investimentos e rendas en Castroverde. O monte en Galicia sempre axudou en épocas de crise”

O colectivo defende que se manteña o cultivo do eucalipto nitens no solo produtor forestal de Castroverde. “Ollo, non queremos que se cultive eucalipto onde hai frondosas como carballos nin en terras agrarias. Ogallá houbese moita máis gandería da que hai. O que se trata é de que en terras que están a mato ou nas que había piñeiro radiata poida poñerse a eucalipto”, precisa Marey.

A posible prohibición do eucalipto no concello é vista polos propietarios forestais como unha expropiación encuberta das terras. O malestar é tal que o pasado fin de semana, en pleno sábado de temporal e con todo o concello ás escuras, xuntáronse máis de 200 persoas nunha asemblea que tivo que iluminarse cun xerador eléctrico.

O acordo da asemblea, respaldado pola colectivo forestal de Baralla, foi pedir unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para aclarar a situación. “O eucalipto é agora mesmo o catalizador de investimentos e rendas en Castroverde” -destaca Manuel Marey-. “Trátase dunha oportunidade para o concello. O monte en Galicia sempre tivo a función de axudar ás casas en épocas de crise e que agora se queira cortar esta dinámica dun xeito arbitrario, cunha planificación propia do século XIX, carece de sentido”.

Alternativas para a xestión do eucalipto

O borrador do decreto que pretende establecer restriccións ó cultivo do eucalipto baséase na idea de que xa hai suficiente superficie da especie na comunidade. A Xunta e o propio sector forestal temen que nun futuro non haxa mercado para tanta madeira, sobre todo no caso do eucalipto nitens, unha especie resistente ó gorgullo e que se da en zonas altas, pero que ofrece calidades e rendementos inferiores para pasta de papel.

“Un modelo para limitar a expansión da especie podería consistir en establecer máximos de superficie por concello e/ou propietario” (Manuel Marey)

Desde a Asociación de Propietarios de Montes de Castroverde cuestionan ese diagnóstico sobre o futuro mercado do nitens. O secretario da Asociación, Manuel Marey, que tamén é profesor de planificación forestal na Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago), sinala ademais, a título particular, posibles alternativas para a xestión do eucalipto en Galicia.

“Un modelo para restrinxir a superficie do eucalipto podería consistir en establecer límites máximos por municipio e/ou propietario. Con esta medida, promoveríase a biodiversidade e lograríase que ningún concello fose só eucaliptal”- valora.- “A nivel do propietario forestal, pode crearse un sistema de condicionalidade similar ó da PAC en agricultura. Por exemplo, que un propietario con 9 hectáreas de eucaliptal teña que xestionar tamén 1 hectárea de carballeiras ou de castiñeiros”.

Son todas elas medidas, destaca Marey, que propiciarían unha xestión forestal moderna sen establecer prohibicións arbitrarias. Así as cousas, o establecemento de límites ó cultivo de eucalipto, como o que se quere facer en Galicia ou se anuncia para Portugal, enfróntase ó reto de lograr un consenso cos propietarios forestais potencialmente afectados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información